Martes 23 Abril 2024

Probamos o ‘traxe da vellez’: así é vivir coma se tiveses 90 anos

O Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría acolle a presentación do simulador co que se experimenta os achaques da idade

Os nervios antes de probar un pesado equipamento que non induce boas sensacións se nota no ambiente. Chámano o ‘traxe da vellez’ e simula os alifafes e molestias das enfermidades producidas polo envellecemento. É a primeira vez que está en Galicia por obra de José Luis Cabezas, profesor de psicoloxía evolutiva da Universidade de Granada (UGR) e a persoa que me colocará o devandito traxe. “Estás preparada?”, pregunta cando remata de quitarlle o atavío a outra compañeira que respira con alivio. A resposta era non: pasar de 26 a 90 anos nuns minutos non é pouca cousa. A vestimenta está composta por varias partes e inclúe todo tipo de accesorios. Cabezas empezou polos pés alertando de que perdería mobilidade moi rápido. Non se equivocaba. Non só é arduo o desprazamento corporal, as lentes finxidoras de cataratas e os auriculares que imitan a unha xordeira limitan tanto a funcionalidade que unha pisa paseniño. Ao camiñar comezan as puncións da artrose. “Toma, toma o bastón”, berra o profesor.

O Museo Verbum de Vigo acolle este venres e sábado o XXXIII Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX). O protagonista, como non podería ser doutra maneira, é o traxe da vellez, un indumento experimental que empregan os estudantes do Máster en Xerontoloxía, Dependencia e Protección dos Maiores da Universidade de Granada (UGR) nas súas prácticas. O profesor Cabezas descubriuno en Alemaña. Adquiriuno coa intención de que os seus alumnos e todas as persoas que o queiran probar empaticen e sintan na súa pel como afecta a vellez ao corpo, para lograr unha reflexión e entender mellor aos nosos maiores. “Cando unha persoa se queixa non é unha chamada de atención. Está experimentando estas dificultades 24 horas, sete días á semana. Os resultados son positivos, o estudantando comprende moito mellor ás persoas maiores”, explica o profesor.

Publicidade

As luvas provocan do traxe da vellez provocan tremores parkinsonianos.

Todos os complementos simulan múltiples patoloxías. En primeiro lugar, un colariño; para impedir a mobilidade dos nocellos, Cabezas coloca uns patucos que aportan peso ao tren inferior, ao que se lle suman unhas barras de ferro atadas firmes con velcro para potenciar a sensación. A continuación, van as xeonlleiras, con pequenas puntas metálicas para sentir a artrose; unhas vendas no pulso para soportar menos os pesos, e, tamén no brazo, o profesor ata unhas cobadeiras; uns tirantes semellan a unha cifose, unha desviación da columna vertebral que provoca un avultamento á altura da parte posterior da rexión torácica; unhas lentes translúcidas; uns auriculares para meterse na pel dunha persoa con xordeira que sofre tamén acúfenos, ruídos zoantes producidos polo oído interno; e por último, unhas luvas que simulan tremores moi molestos como ocorre nos pacientes parkinsonianos.

Lentes que producen o efecto de dexeneración macular.

O traxe da vellez custa 4.000 euros e é un dos máis completos que se atopan no mercado internacional. Cada experiencia é distinta, xa que o profesor pode intercambiar os complementos, enfatizar algunhas sensacións ou enfocarse nalgunha zona corporal. Por exemplo, ten ata seis lentes que imitan á retinite pigmentosa, o desprendemento da retina unilateral, o glaucoma, a retinopatía diabética e a dexeneración macular. “Intentamos que todas as persoas experimenten durante uns minutos o que é ser unha persoa maior. É un exercicio de empatía tamén para os profesionais que traballan nos hospitais. Non é fácil”, engade Cabezas, un dos relatores do workshop que se celebrou a tarde do venres e que tivo un gran recibimento, denominado “Empatía cos maiores encamiñada a paliar a soidade.”

As luvas do traxe da vellez provocan tremores parkinsonianos.

O lema do XXXIII Congreso Internacional da SGXX é, precisamente, a soidade e o illamento social, na busca de dar resposta aos retos aos que se enfronta a sociedade actual e os recursos que se poden dispoñer dende a investigación e a sanidade. A asistencia xira en torno a 200 profesionais, con debates que abordan o papel dos medios de comunicación como ferramenta de apoio contra a soidade para eliminar estereotipos e cambiar os paradigmas. “Os datos refrexan que o 56% dos homes e o 72% das mulleres refiren sentir algún tipo de soidade, aumentando esta proporción a medida que avanza a idade”, explica José María Faílde, presidente da sociedade, que sinala tamén que o 22% das persoas maiores temen á soidade e un 70% da poboación padeceuna nalgunha ocasión.

O traxe da vellez simula os achaques das persoas da cuarta idade.

O congreso está organizado en catro áreas temáticas prioritarias: a conceptualización e prevalencia do illamento social e soidade, o impacto do illamento social e a soidade na saúde e a calidade de vida nas persoas maiores, e as intervencións preventivas e correctivas para reducir o illamento social e a soidade. Nos dous días de programa, no que participan as tres universidades galegas, os expertos analizarán o impacto da soidade na saúde mental e funcionamento cognitivo e o impacto sobre a esperanza de vida.  Abordaranse tamén os programas de prevención e detección da soidade e o illamento social e programas comunitarios para facilitar a inclusión, entre outros. “O obxectivo desde prestixioso congreso é aglutinar a moitos profesionales que traballan no ámbito das persoas maiores para compartir experiencias científicas e experiencias de intervención que facemos nos nosos centros, e onde estamos compartindo un montón de conferencias e comunicación”, explica Cabezas.

Os picos metálicos séntense no corpo como a artrose.

Cando o profesor vai retirando as partes que suman doenzas ao teu corpo, as extremidades e o lombo séntense moito máis lixeiros, coma se tiveses saído dunha intensa sesión de fisioterapia. É algo común en todas as persoas despois de cargar con 30 quilogramos no teu corpo. Por desgraza, non é un “quita e pon” para as persoas da terceira e cuarta idade, que teñen que convivir —sobrevivir, nos peores casos— con enfermidades que merman a súa calidade de vida. A vellez non é unha escolla e todas e todos crearemos, sen remedio, o noso propio traxe

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo busca terapias eficaces contra enfermidades dexenerativas como a artrose

O traballo está liderado en España por María Mayán, investigadora de recente incorporación ao CINBIO

Pesticidas e párkinson: unha conexión fóra de toda dúbida

Diferentes estudos realizados demostran que ata dez insecticidas, funxicidas e herbicidas producen danos neuronais asociados a esta doenza.

Científicos galegos buscan biomarcadores para a detección precoz do párkinson

Un foro reúne en Santiago a centros de investigación e asociacións para abordar os avances no estudo das enfermidades neurodexenerativas

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro