As praias da Costa da Morte volven acaparar os flashes. E non só das cámaras fotográficas, senón da luz que irradia o mar de ardora en plena escuridade nocturna. Este fenómeno de bioluminiscencia prodúceno algúns dinoflaxelados como a Noctiluca scintillans. É máis habitual nos meses de verán, dado que as temperaturas son máis altas e tamén hai maior presenza de nutrientes. Con todo, dende comezos de xuño, o mar de ardora deixouse notar nas praias de Rebordelo (Cabana de Bergantiños), Valares (Ponteceso) e Ermida (Corme). O fotógrafo Drew Corme capturou unhas fermosas instantáneas nocturnas e varios vídeos cabalgando un mar que brillaba con luz propia.
Segundo conta o fotógrafo, a primeira vez que capturaron o mar de ardora foi o 1 de xuño. Estiveron a facerlle seguimento nos últimos días en varios puntos da Costa da Morte e na noite deste xoves confirmaron que aínda se podía ver. “Estamos pendentes de como lle afecta o cambio de tempo, se se mantén ou non uns días máis, xa que a inestabilidade do mar non adoita sentarlle ben“, explica o fotógrafo. De todas formes, Drew Corme asegura que aínda é cedo para atoparse co mar de ardora, dado que na Costa da Morte adoita ser máis común en agosto. “En 2021 estivo dúas semanas en xullo, todo agosto de forma ininterrompida e algo de setembro en practicamente toda a ría de Corme e Laxe, adentrándose bastante no Esteiro do Anllóns e na Ría de Cabana”, expón. A ver se este verán hai a mesma sorte.