Entre o 2 e o 10 de xullo, nove das focas do Aquarium Finisterrae fan anos. Paula e Lara son as maiores, con 25 e 26 anos, respectivamente. Séguenas de preto Deneb, Vega e Altair, que chegan este ano aos 21. Catro comezan a despuntar entre estas focas, con Fermín, Sabela, Antía e Lucía cumprindo os 15 anos de idade. Con todo, esta acumulación de datas débese aos seus ciclos reprodutivos.
Esta especie reprodúcese entre xuño e xullo, e ten un período de xestación entre 10 e 12 meses. Os partos son rápidos e, ao pouco tempo, a nai empuxa a cría á auga, xa que son capaces de nadar e mergullarse enseguida. Ao nacer, miden entre 70 e 100 centímetros e pesan uns 10 quilos. O Aquarium xa ten experiencia en partos, pois os seus exemplares tiveron crías nos anos 2003, 2005 e 2009.
A historia das focas deste museo coruñés comezou o 13 de abril do ano 2000, cando chegaron Petra e Hansi, procedentes dun acuario neerlandés. Tres meses despois, incorporáronse tres femias máis para acompañar a estes dous individuos. Durante tres anos, estiveron convivindo este grupo de cinco focas no foxo da zona exterior.
Na actualidade, a poboación triplicouse e son once as focas que viven neste espazo, composto por pais, fillos e fillas. Ademais, cun estado de semi-cautividade como no que habitan no Aquarium, melloran as súas condicións de vida e redúcese o seu risco de mortalidade. As femias adoitan vivir 35 anos, e os machos 25, pero superan estas idades e poden chegar a cumprir os 40 anos nalgúns casos. Con todo, espérase que estes animais fagan moitos anos máis.














