As 10 especies de lagartas e lagartos que podes atopar en Galicia este verán

A Sociedade Galega de Historia Natural actualiza o Atlas de Hérpetos, con case 34.000 rexistros de anfibios e réptiles

Coa chegada do verán, a fauna comeza a percorrer todos os recunchos do territorio galego. Para poder coñecer cales son as especies que podemos atopar en Galicia, independentemente da época do ano, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) presenta a actualización do Atlas dos Anfibios e Réptiles, entre os que se atopan os lagartos e as lagartas. Este inclúe información de cada unha das especies do territorio galego, acompañadas de imaxes.

Nesta onceava actualización, recóllense 18 anos de ciencia cidadá sobre os hérpetos galegos, con case 34.000 rexistros. Os anfibios contan con 20.208 datos, dos que o 15,03% son novos. Mentres, os réptiles abarcan 13.567, dos que 2.744 son informacións non repetidas. Entre os hérpetos presentes neste Atlas, as lagartas e lagartos compoñen un espectro de 10 especies que se poden atopar en Galicia durante o verán.

Publicidade

As que toman o sol

Este animal pódese ver durante todos os meses en calquera zona de Galicia, xa sexa na contorna urbana ou rural, aínda que é máis propia da segunda. Con todo, algunhas especies adoitan verse con máis frecuencia nos meses máis calorosos do ano.

É o caso da lagarta leonesa (Iberolacerta galani), descuberta no ano 2006. Atópase na zona leste de Ourense, e na nova actualización do Atlas, habita en dúas novas zonas da fronteira con Castela e León, e dos límites de Ourense cara a Portugal. Segundo os datos dos avistamentos por mes que ofrece a SGHN, agosto convértese no mellor momento para contemplar esta pequena especie, con 17 citas. Pola súa altitude, poderíase atopar dende os 801 metros sobre o nivel do mar.

Publicidade

Na zona de Lugo, outra especie prefire tomar o sol nos meses máis calorosos. A lagarta da serra (Iberolacerta monticola) localízase no noroeste de Galicia. Nos meses de verán pódese ver con máis frecuencia, cun pico en agosto de 115 citas sobre esta especie. Tende a localizarse nos límites do territorio, tanto por costa como na fronteiras coas comunidades autónomas colindantes. Os novos datos achegados levan á súa presenza nos límites de Ourense, na costa occidental coruñesa, e un aumento da súa presenza no interior ourensán. As cores rechamantes dalgúns dos seus exemplares contrastan con outros de cores máis areosos.

As que prefiren a primavera

Con todo, a maioría de especies que teñen presenza neste Atlas parecen ter predilección polas flores. O lagarto das silvas (Lacerta schreiberi), por exemplo, semella preferir a primavera, pois é en abril e maio cando se acadan o maior número de avistamentos, con 326 no quinto mes do ano. É unha especie que se estende pola meirande parte do territorio galego, e ampliou o seu hábitat en múltiples direccións dende setembro de 2010. 

A lagarta galega (Podarcis bocagei), como o lagarto das silvas, tamén se estende por todo o territorio, chegando a novos puntos ao longo do mapa. É unha especie que acada as 382 citas en maio, e 305 en agosto, o que pode derivar unha mellor aclimatación ás condicións favorables. O lagarto arnal (Timon lepidus) tamén acompaña esta distribución completa en Galicia, con ausencia nalgunhas zonas do interior da Coruña, e a zona de Lugo. En maio ten o maior número de avistamentos, con 462, convértendose na especie máis citada de todas as mencionadas.

  • Mecho e femia de lagarta dos penedos (Podarcis lusitanicus). Foto: Serafín González Prieto
  • Macho e femia de lagarta rabuda (Psammodromus algirus). Foto: Xabier Prieto Espiñeira / SGHN
  • Lagarta galega (Podarcis bocagei). Foto: César Ayres Fernández / SGHN
  • Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi). Foto: Alejandro Ocampo Lorenzo / SGHN
  • Lagarto arnal (Timon lepidus). Foto: Moisés Asensi / SGHN

Con todo, hai algunhas que prefiren o sur. É o caso da lagarta dos penedos (Podarcis lusitanicus), co seu límite cara ao norte, en Lugo, e a lagarta rabuda (Psammodromus algirus), cunha gran parte das súas citas na provincia de Ourense, e con datos novos en Pontevedra. Polo visto, maio convértese no mes líder de avistamentos nestas especies. 

As lagartas con pouca presenza

Mentres algunhas especies poden chegar ás tres cifras en avistamentos, outras resgárdanse máis do público. Nestes casos, os avistamentos non superan as 20 citas nos seus picos máximos. 

A lagarta dos muros (Podarcis muralis) é un destes exemplos. Previo aos rexistros do ano 2010, esta só se observara na provincia de Lugo. Con todo, grazas a esta nova actualización, sabemos que tamén se pode contemplar nun punto do interior da Coruña, e en dous puntos da ría de Vigo. O maior avistamento foi no mes de xullo, con 11 citas, mais os demáis meses do ano non superan os 6 avistamentos.

  • Lagarta da braña (Zootoca vivipara). Foto: Enrique Ayllón López / SGHN
  • Lagarta cincenta (Psammodromus occidentalis). Foto: Enrique Ayllón López / SGHN
  • Lagarta dos muros (Podarcis muralis). Foto: Moisés Asensi

Mentres, cara ao noreste do territorio, a lagarta da braña (Zootoca vivipara) concéntrase na zona norte da provincia de Lugo, e nos límites coas comunidades veciñas. En xullo e agosto aparece o maior número de exemplares, chegando a 12, sen avistamentos nos meses de xaneiro, febreiro, novembro e decembro. Os meses de inverno adoitan ser os que menos presenza de lagartas presentan. 

Con todo, ademais de pouca presenza, durante esta revisión do Atlas, non se atoparon datos novos da lagarta cincenta (Psammodromus occidentalis). A súa localización comprende escasas zonas de Ourense, concentradas sobre todo na zona de Verín. Non se avistou en cinco meses: xaneiro, febreiro, outubro, novembro e decembro. Deste xeito, podemos contemplar a gran variedade de exemplares destes hérpetos que podemos atopar repousando en cada parede de Galicia. 

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

  1. O nome correcto deste animal debía ser ‘largato’ como dixo sempre o pobo, ainda que os da ‘real’ non recollan esta acepción.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía