A UDC participa na secuenciación xenómica de 11.000 especies de bolboretas e avelaíñas

Investigadoras galegas forman parte dun proxecto que afondará na evolución dos lepidópteros e analizará os efectos do cambio climático nas súas poboacións

O Proxecto Psyche, unha iniciativa colaborativa que busca secuenciar os xenomas das 11.000 especies de lepidópteros europeos reunirá na Universidade de Lund (Suecia) a representantes de 15 países para debater o alcance e os obxectivos futuros deste proxecto. A Universidade da Coruña (UDC) estará representada pola investigadora Laura Torrado Blanco, do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva (GIBE).

A comunidade Psyche está a piques de acadar un fito clave: a secuenciación dos 1.000 primeiros xenomas, con reconstrución cromosómica completa para cada especie. Este avance permitirá afondar na evolución das bolboretas e avelaíñas, analizar os efectos do cambio climático sobre as súas poboacións e mellorar as estratexias de conservación. Ademais, o proxecto xerará información valiosa para o control de lepidópteros considerados praga.

Publicidade

O Proxecto Psyche lidera un grupo de traballo dentro da Acción COST 10kLepGenomes da Unión Europea, unha rede de expertos en xenómica e Lepidoptera aberta á incorporación de novos membros. A profesora da UDC Marta Vila Taboada desempeña o papel de coordinadora de comunicación científica desta rede.

1.000 primeiros xenomas

Durante a reunión en Lund, os participantes debaterán sobre a ampliación da comunidade Psyche, a coordinación de publicacións científicas, a captación de financiamento adicional e a definición de roles dentro do proxecto. Tamén abordarán a divulgación científica, a revisión das listas de especies e as técnicas bioinformáticas que se empregarán en futuras publicacións.

Publicidade

Ata o momento, a secuenciación destes primeiros 1.000 xenomas realizouse no Wellcome Sanger Institute (Reino Unido) con mostras recollidas en sete centros distribuídos por Europa. O proxecto logrou descentralizar parte do proceso, formando novas xeracións de persoal investigador na revisión de xenomas. Neste contexto, en febreiro, as doutoras Laura Torrado Blanco e Luísa Martínez Martínez da UDC completaron a formación no Sanger Institute e comezaron a contribuír a esta fase clave desde a universidade.

O Proxecto Psyche

O Proxecto Psyche é un proxecto altamente colaborativo que involucra a máis de 100 persoas investigadoras de máis de 30 países. O seu obxectivo é xerar os xenomas das 11.000 especies de bolboretas e avelaíñas presentes en Europa.

Na súa primeira fase, Psyche estableceu sete centros de mostraxe en institucións asociadas de España (Institut de Biologia Evolutiva, CSIC-UPF), Suíza (Universidade de Neuchâtel), Suecia (Universidade de Lund), Finlandia (Universidade de Oulu), Italia (Universidade de Florencia), República Checa (Biology Centre CAS) e Romanía (Museo Nacional de Historia Natural Grigore Antipa, cada un dos cales recolle e crioxeniza polo menos 200 especies de lepidópteros.

Toda a secuenciación desta fase está a levarse a cabo no Wellcome Sanger Institute (Reino Unido), onde tamén se abordan outros proxectos xenómicos de biodiversidade, como o Darwin Tree of Life. En fases posteriores, preténdese incrementar tanto o número de centros de mostraxe como os de secuenciación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O avance do piñeiro ameaza a caramiña, unha das xoias naturais das dunas galegas

Unha investigación constata que os piñeirais reduciron un 61,5% o ecosistema da Praia de Trece dende 1956 e dificultan a supervivencia da especie

A propulsión nuclear, a exame como alternativa para descarbonizar o transporte marítimo

Unha investigación do CITENI analiza os riscos dos reactores de sales fundidas para a súa posible aplicación nos buques do futuro

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares