Este mapa amosa as conexións entre autores da lírica galego-portuguesa

A investigadora da USC Déborah González crea un portal con información literaria, histórica e biográfica de trobadores e xograres

A investigadora Déborah González da Universidade de Santiago (USC) vén de dirixir a creación dunha páxina web que ofrece información literaria, histórica e biográfica sobre trobadores e xograres, coa posibilidade de visualizar graficamente as conexións entre eles. A finalidade desta ferramenta é a de amosar as relacións socioculturais e literarias que se establecían na época, o que contribúe a ampliar o coñecemento sobre os autores e as circunstancias de creación e recepción das súas cantigas. O resultado tamén permite ilustrar a vitalidade das cortes literarias onde se propiciou o canto trobadoresco, proporcionando ademais unha ferramenta moi útil para o campo investigador.

O portal Redes Socioculturais da Lírica Galego-Portuguesa deriva dun proxecto concedido pola Xunta e dedicado esencialmente ás tenzóns e aos seus autores. “A tenzón é un tipo de cantiga dialogada entre dous autores. Eran cancións que servían como diversión e entretemento nas cortes medievais, polo que, entre as tenzóns que se conservan, encontramos diálogos xocosos e debates con finalidade claramente lúdica; os diálogos de asunto amoroso son menos frecuentes, aínda que existen exemplos significativos”, explica a investigadora do Grupo de Investigación de Románicas da USC.

Publicidade

“En xeral, son pezas líricas moi valiosas desde múltiples puntos de vista; entre outros motivos porque, ao seren diálogos, permítennos coñecer contactos entre compositores distintos de maneira fiable, máis alá de favorecer a súa localización nunhas coordenadas cronolóxicas e xeográficas comúns. Estas cancións tamén son relevantes para comprobar quen debate con quen, sobre que temas e en que circunstancias”, continúa González. Ademais, a investigadora está a avanzar nunha edición crítica anotada destes textos.

O aspecto máis novidoso desta iniciativa é que as redes están representadas graficamente e pódese navegar a través dos nomes dos trobadores e xograres de maneira cómoda e dinámica. Así, pode consultarse unha representación xeral da rede social e, no seu interior, seleccionar un trobador ou xograr determinado para ter información máis concreta. Neste sentido, pode consultarse a rede social dun autor e ter acceso aberto a datos completos de tipo histórico, biográfico e literario. A maior parte ten unha orixe galega ou portuguesa, aínda que tamén participaron autores casteláns e, máis ocasionalmente, doutras procedencias. Unha radiografía sobre os seus contactos e os intercambios literarios que estableceron é fundamental para pór en valor este patrimonio.

Publicidade

Ciclos literarios satíricos

“Non obstante, a rede social dos nosos trobadores e xograres foi moito máis complexa e existen outros textos e indicios que nos permitirán ampliar, en fases sucesivas, a investigación”, sinala a experta. Nesta liña, na actualidade está a desenvolver un proxecto, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades con fondos UE-NextGeneration, que ten como finalidade estudar estas relacións a través das cantigas de escarnio, que permiten estimar outro tipo de diálogo e de conexións; igualmente son de interese os ciclos literarios satíricos, constituídos por textos de varios autores nos que estes satirizan un individuo, como acontece coa célebre María Pérez Balteira, protagonista dun destes ciclos, ou denuncian un acontecemento histórico determinado, polo que tamén acadan relevancia desde unha perspectiva socioliteraria.

En definitiva, a través de diferentes categorías de relación analizadas e incorporadas ao portal progresivamente, a investigadora da USC busca “avanzar nunha representación cada vez máis completa, exacta e nítida das redes socioculturais e literarias da nosa lírica medieval”.

“Parecíame imperativo traballar na confección dunha ferramenta dixital que facilitase a divulgación dos resultados en acceso aberto, tendo en consideración o pulo tecnolóxico que nas últimas décadas transformou o xeito en que a sociedade le e percibe os textos, así como os procedementos e hábitos na procura de información e análise por parte dos investigadores en Humanidades”, manifesta González. Apunta que a través desta proposta búscase unha divulgación máis aberta, amigable e accesible tanto para especialistas en lírica medieval como para persoas que están en formación e tamén para un público xeral con interese na materia.

A experta salienta que “máis alá do xograr Martín Códax, probablemente o autor máis coñecido entre o gran público, sábese da existencia de algo máis de 150 autores da nosa lírica, algúns deles moi destacados pola importancia da súa obra e que deben poñerse en valor. Temos un patrimonio literario medieval do que podemos sentirnos moi orgullosos. Ademais, penso que a dificultade que poida ter a literatura medieval, por efecto da lingua e do emprego duns códigos culturais diferentes dos actuais, non significa que a sociedade galega actual non amose sensibilidade e aprecio por aspectos da súa historia literaria e cultural. Sen dúbida, o que se fai necesario é empregar formas e medios de comunicación máis accesibles a todos os públicos”.


Podes acceder á web na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares

A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS