Fibras procedentes de artes de pesca, un tapón de botella e outros obxectos plásticos. Esa foi a causa da morte do tiburón de Oleiros, que apareceu a pasada fin de semana na praia de Bastiagueiro e que, posteriormente, varou na de Santa Cristina ata falecer a última hora da tarde. O equipo veterinario da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), durante a análise do animal, descubriu que algúns dos obxectos plásticos estaban taponando a válvula espiral. Este é un órgano que facilita que se aumente a superficie de absorción dos tiburóns e raias, que teñen un tamaño intestinal moi reducido. A obstrución desta válvula foi identificada como causa do debilitamento do tiburón, que acabou provocando a súa morte.
Segundo trasladan dende a Cemma, o exemplar era un tiburón “momo” (Cetorhinus maximus), unha especie de alimentación filtradora “totalmente inofensiva”. Dadas as súas características, é habitual que se atopen obxectos extraños, posto que son animais filtradores e calquera obxecto que haxa na columna de auga vai ser inxerido como se fose un alimento. A este respecto, a Cemma asegurou que o tiburón “momo” é “unha especie máis que é vítima da contaminación por plásticos dos nosos océanos”.
De Bastiagueiro a Santa Cristina
O sábado 25 detectouse a presenza do tiburón “momo” na praia de Bastiagueiro. Deuse aviso do avistamento dun exemplar que medía máis de dous metros. Entón procedeuse a pechar o acceso do público á auga ata que, a través das fotografías enviadas por Protección Civil de Oleiros, se puido identificar que especie era. O tiburón “momo” varou primeiro en Bastiagueiro e logo parou na praia de Santa Cristina, moi próxima. Protección Civil, os socorristas e voluntarios de Hábitat, baixo a coordinación de Cemma, conseguiron reintroducilo. Aí comprobouse que, en realidade, o exemplar medía catro metros. Con todo, os tiburóns “momo” adultos adoitan medir uns oito metros, converténdose na segunda especie de peixe máis grande. Finalmente, o tiburón volveu varar ata falecer. En Galicia hai entre dous e tres avistamentos anuais deste tipo de tiburóns, sobre todo dentro das rías e en primavera.