No ano 1762, o soldado de orixe francesa Alejandro Des Angles estivo destinado en España, onde residiu e elaborou diversos mapas, probablemente como cartógrafo afeccionado. Entre eles destaca un que recolle a provincia de Tui e unha parte do territorio comprendido entre o Miño e o Douro, en Portugal, no que se representan garitas e fachos, situados en puntos elevados de referencia costeira. O enxeñeiro de telecomunicacións Iago Soto localizou este mapa nos arquivos dixitalizados da Biblioteca Nacional de Defensa, que alberga milleiros de documentos cartográficos. “Podería tratarse do mapa máis antigo conservado no que aparece debuxada unha rede de comunicación ata o momento”, subliña.
A principal singularidade reside no seu deseño: nel figuran unha serie de puntos representados como fogueiras, con paus e lapas, situados en lugares estratéxicos. Estes fachos —feixes de herba atados que se prendían para alertar da chegada de embarcacións inimigas— mantiñan comunicación directa entre si. O sistema baseábase na repetición do sinal, de maneira que cada punto o retransmitía, permitindo a súa propagación ao longo da costa.
A data do mapa corresponde a un período posterior á guerra de Rande. “Probablemente Des Angles estaría destinado na zona cun encargo específico para elaborar este traballo”, apunta Soto. A información recollida parece basearse na descrición da costa galega realizada polo ilustrado José Andrés Cornide de Folgueira e Saavedra, quen detallaba portos, illas e a localización dos fachos. Entre as posibles correspondencias dos puntos representados estarían o actual Monte Aloia, en Tui, ou o Alto do Facho, na Guarda.
Tres mensaxes principais
O mapa de Tui de Alejandro Des Angles non só representa a localización dos fachos, senón tamén o propio medio de comunicación que os conectaba: o lume. Un documento de 1739 recolle o protocolo de actuación, baseado en tres sinais principais. Cando un navío sospeitoso avanzaba cara ao norte, acendíase unha fogueira durante 15 minutos; se se desprazaba cara ao sur, realizábanse dúas fogueiras de 15 minutos de maneira intercalada; e, no caso dun desembarco, o lume mantíñase aceso durante unha hora.
Ademais, a mensaxe inicial só podía ser repetida dúas veces, e unha vez detectada a alerta, os roles estaban previamente distribuídos para garantir unha resposta rápida e eficaz ante a emerxencia.
“Eran mensaxes codificadas e coñecidas, o que permitía interpretar correctamente o seu significado e reproducilas con precisión”, explica Iago Soto. Aínda que a presenza de fachos está documentada en diversos puntos de Europa, en Galicia este sistema está especialmente ben estudado: coñécese a localización de moitos deles e, nalgúns casos, aínda se conservan restos na actualidade.
Antecedente das telecomunicacións modernas
Este mapa, datado no século XVIII, pode considerarse un claro antecedente dos actuais sistemas de telecomunicación. “Foi unha evolución natural”, explica Iago Soto, ao lembrar que os avisos mediante fogueiras xa se empregaban na Antiga Grecia como forma de transmisión de mensaxes a distancia.
Co paso do tempo, estes métodos foron perfeccionándose: durante a época napoleónica, os franceses desenvolveron sistemas que permitían formar letras mediante estruturas de paus, facendo posible unha comunicación máis complexa. A comezos do século XIX, coa chegada da electricidade e do código Morse, produciuse un salto decisivo, que culminaría arredor de 1850 coa expansión da telegrafía. A partir de aí, a evolución das telecomunicacións continuou ata os sistemas que coñecemos hoxe.














