Froallo, xistra ou trebón: estas son as 100 palabras en galego para falar da chuvia

A filóloga Elvira Fidalgo documentou unha ampla variedade de denominacións rexistradas en máis dun cento de localidades do noroeste peninsular

A chuvia leva semanas instalada na rutina diaria, aínda que en Galicia ese é un fenómeno tan habitual que forma parte da paisaxe dende sempre. A pesar de que ao longo ano tamén gozamos de moitos días de sol, se se lle pregunta a alguén de fóra da comunidade, a resposta adoita ser a mesma: aquí sempre chove. Pode haber algo de verdade, pero o certo é que, tras séculos de auga caendo do ceo, os galegos desenvolveron unha gran riqueza léxica vinculada á chuvia, con máis de cen palabras, das cales 61 se empregan directamente para nomeala.

Foi a catedrática de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Elvira Fidalgo, quen identificou e recompilou estas múltiples formas de referirse ao fenómeno. Os resultados, que puxeron de manifesto a singular diversidade lingüística de Galicia, proceden de enquisas realizadas en máis dun cento de parroquias e localidades das catro provincias galegas, Asturias, León e Zamora. “É lóxico que unha poboación que vive inmersa na chuvia busque mil conceptos sacados das imaxes máis variadas para nomear aquilo que está presente na súa vida, e din que tamén no seu espírito”, reflexiona Fidalgo no seu estudo.

Publicidade

Un factor diferenciador: a intensidade

O principal elemento que distingue os distintos vocablos é a intensidade coa que cae a chuvia. Para referirse á precipitación máis feble empréganse termos como orballo, orballeira e orballada, xunto con chuvisco, chuviscada ou chuviña, estes últimos relacionados co latín pluvia. Cando vén acompañada de vento do norte, aparecen denominacións como babuxa, babuxada, barruxeira, barruxada ou barruceira, palabras relacionadas co termo greso Boreas, do que tamén deriva borrascada. Pola súa banda, poalla, poalleira e poallada comparan a chuvia de pingas moi finas coas partículas de po en suspensión.

Para a chuvia intensa, o galego recorre a palabras como trebón, treboada ou torboada, procedentes do latín turbo. Se a precipitació é forte pero de curta duración, fálase de chuvieira. Outros termos que describen episodios de chuvia abondosa son arroiada, bátega ou xistra. Cando a chuvia vén acompañada de raios e tronos, empréganse expresións como treboadas, torboadas, torbóns ou trebóns; mentres que, se se mestura con neve e xeo, aparecen voces como auganeve, cebrina, nevareira, pedrazo ou sarabiada.

Publicidade

Ás palabras específicas súmanse tamén expresións compostas que indican gran cantidade de auga, como “chover a caldeiros”, “chover a ballón“, “caer (a auga) a barullo”, “a cichón” ou “a choupón”.

E cando deixa de chover?

O galego tamén conta con palabras propias para nomear o momento exacto no que a chuvia remata. Verbos como amizar, delampar, escambrar, estear, estiñar e estrelampar describen ese intre no que a auga deixa de caer.

Esta riqueza léxica reflíctese igualmente nos ditos populares, que condensan a sabedoría colectiva. Quen non escoitou algunha vez a expresión “nunca choveu que non escampara”?

3 COMENTÁRIOS

  1. Incluir Asturias, León e Zamora terá a sua lóxica. O que non a tén é deixar fóra o norte de Portugal. Tal vez os límites políticos estean a afectar os límites mentais, inexorabelmente….

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sen voz pasiva nin frases longas: as pautas que propón unha tese para redactar textos sinxelos en galego

Cristina López Canabal elabora unha guía para facer máis comprensible a literatura mentres se afasta dos estigmas sociais en torno ás obras adaptadas

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Como revivir a lingua

Estas son as estratexias das marcas para recuperar o galego, dende o derbi galego ata Inditex. Por Andrea Veiga

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas