Sábado 27 Abril 2024

Canta biomasa hai nas matogueiras? A clave para mellorar a xestión de incendios

Un estudo desenvolto en Galicia obtén novas ecuacións que axudan a establecer prioridades de actuación cando se desatan os lumes forestais

Galicia ten máis superficie de matogueira que zonas adicadas á agricultura e á gandería. Aproximadamente, unhas 900.000 hectáreas de matas ou maleza, o que equivale a unha cuarta parte da superficie total galega. Isto supón un problema para a nosa comunidade, que entre outras cousas, cada ano se enfronta a unha vaga de lumes que o arrasa todo ao seu paso.

Un estudo desenvolto entre o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade Juárez de México, ofrece unha nova metodoloxía para determinar a cantidade de biomasa total que hai nas matogueiras. Esta ferramenta suporía melloras na xestión de incendios e abriría a porta a máis coñecementos sobre a fixación de carbono destas comunidades ou a estimación do seu potencial enerxético.

Publicidade

Unha axuda contra os incendios

Durante o desenvolvemento dun incendio, empréganse modelos de estimación da velocidade de propagación do lume e da súa intensidade. Isto axuda a predicir, dentro duns rangos de incerteza, como se vai comportar o incendio. Estes modelos hainos que alimentar con datos, polo que determinar a cantidade de biomasa que vai arder é fundamental. Segundo José A. Vega, primeiro autor do estudo, “unha das utilidades das nosas ecuacións de cálculo de biomasa é ofrecer unha ferramenta práctica de estimación da carga de combustible”.

Se hai zonas que teñen comunidades distintas de matogueira, as súas cargas son diferentes, polo que ter coñecemento disto pode ser un criterio importante á hora de establecer prioridades de actuación. Ata o de agora, os modelos que estaban dispoñibles medían toda a cantidade de biomasa absoluta, pero no incendio arde só a fracción dispoñible. Este novo modelo deseñado en Galicia posibilita determinar a cantidade de combustible dispoñible e facer unha diferenciación entre a biomasa viva e seca, xa que canta máis cantidade de biomasa seca hai, máis pronto arde e se consome.

Unha ferramenta útil

“Ata o de agora, non existían ecuacións que estimaran a biomasa de matogueiras a nivel de masa, é dicir, de comunidade” sinala Vega. As ecuación que estaban dispoñibles baseábanse en medicións individuais de plantas, e iso é moi traballoso e pouco práctico. Por tanto, a elaboración deste estudo supón unha importante innovación por ser capaz de determinar a cantidade de biomasa en función de variables da propia masa (cobertura completa da matogueira, altura…).

Estas ecuacións, combinadas coas medicións aéreas con sensores e mediante estimacións con satélite, poden determinar as características da biomasa e facer mapas de combustible. “A Consellería do Medio Rural está a preparar a elaboración dun inventario forestal continuo, no que a nosa metodoloxía se converte nunha ferramenta moi práctica”.

Outras das posibilidades que ofrece este cálculo é coñecer que cantidade de carbono é captado polas matogueiras. A fixación de carbono pola vexetación cumpre un papel moi importante de amortiguación de gases de efecto invernadoiro, e tendo en conta a superficie que ocupa en Galicia a matogueira, ter eses datos pode ser de moita utilidade. Outro proveito é estimar o potencial enerxético das matas e malezas, pois poden constituír unha fonte de enerxía ao converterse en biocombustible.

Un estudo coral

Hoxe día é moi difícil concebir unha investigación individual. Neste sentido, Veiga recalca a importancia que tivo no desenvolvemento deste estudo a longo prazo a colaboración de todas as persoas participantes. “Estámoslle moi agradecidos, porque sen elas non sería posible”. Para a elaboración destas ecuacións precisáronse bastantes anos de traballo, constando de tres fases principais.

A primeira delas foi o traballo de campo, que implicou cortar a matogueira das diferentes comunidades e medila. Unha segunda fase de laboratorio na que se clasificou a matogueira en tamaños, separouse a parte viva da seca e pesouse todo, e con iso, constrúese unha base estatística de datos. A terceira parte foi unha análise estatística, na que investigadores de alto prestixio crearon estas ecuacións que constitúen unha aproximación estatística orixinal, diferente ás que usualmente se empregan.

1 comentario

  1. Coidado, as matogueiras tamén son habitats doutras especies, e zonas moi importantes de aniñamento de aves.
    Hai que saber còmo,cándo e onde se debe actuar, ou se pode actuar sobre ela

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses