(en actualización) O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu hoxe ás 13 horas para anunciar novas medidas que entrarán en vigor a noite do 30 ao 31 de decembro e se manterán ata o 18 de xaneiro, co obxectivo de minimizar o impacto das festas. O conselleiro fixo tamén fincapé na importancia da vacinación, como así llo trasladou o Comité Clínico, para a contención do virus.
Limitacións en hostelería
A hostelería e restauración terá que pechar as súas portas ás 12 da noite, excepto venres e sábados que se amplía este horario ata á unha da madrugada. Algo semellante para o ocio nocturno, que deberá pechar as dúas da madrugada. A maiores, esténdese a obriga de presentar o certificado de vacinación a todas as horas do día (sendo antes só necesario a partir das nove da noite) e prohíbese o consumo en barra. A limitación de persoas por mesa mantense en 8 en interiores e 10 en exteriores.
De cara a Noitevella haberá medidas particulares. A hostelería pechará á unha da madrugada do día 31 e non poderá volver a abrir ata as dez da mañá do día 1. O peche do ocio nocturno está aínda pendente dunha decisión oficial, barallándose o seu peche ás tres da madrugada ou ben non abrir esa noite.
Toque de ‘non queda’
Outra das novas medidas é o establecemento dun toque de ‘non queda’ de dúas a seis da madrugada, o que implica que no intervalo desas horas só se permiten os desprazamentos dunha única persoa pola rúa ou acompañada de alguén da unidade familiar.
A importancia da máscara
O uso da máscara seguirá sendo obrigatorio en interiores (locais, postos de traballo ou hostelería). Sendo importante recordar que só se pode quitar no momento da consumición, ao comer ou beber algo, pero debendo poñela nada máis rematar. O uso da máscara tamén é obrigatorio en exteriores.
Outras medidas
Xunto co anterior, implantaranse novas restriccións como a limitación de eventos musicais e co público sentado. Recoméndase que as ceas non superen as dúas unidades familiares e que as cabalgatas sexan estáticas e sen aglomeracións. Por último, a Xunta está traballando en medidas que axilicen o traballo de atención primaria. Isto consistiría na realización dun autotest de antíxenos sen necesidade de PCR nin seguimento do médico de cabeceira nos casos asintomáticos.
A día de hoxe hai 28.334 casos activos en Galicia, dos cales 3.468 detectáronse nas últimas 24 horas. Hai 249 persoas ingresadas en planta e 56 permanecen en UCI. “De momento, a presión asistencial no ámbito hospitalario está contida, non así en atención primaria”, sinalou Comesaña.














