Para obter nutrientes e oxíxeno, o feto de mamífero euterio depende dunha placenta funcional, un órgano especializado que contén células tanto do bebé como da nai. Conforme avanza a xestación, o aumento de tamaño do feto precisa de niveis máis altos de nutrientes e, dependendo da especie, a área de superficie placentaria chega a aumentar, entre a xestación media e tardía, de 5 a 15 veces.
Nun estudo publicado en Developmental Cell, un equipo dirixido por científicos da Universidade de Cambridge (Reino Unido) empregou ratos modificados xeneticamente para amosar como o feto produce un sinal que fomenta o crecemento dos vasos sanguíneos dentro da placenta.“A medida que crece, o feto necesita o alimento da súa nai; e uns vasos sanguíneos sans na placenta son esenciais para obter a cantidade adecuada de nutrientes que necesita”, explica Ionel Sandovici, primeiro autor do traballo.
“Identificamos unha das formas que utiliza o feto para comunicarse coa placenta e provocar a correcta expansión destes vasos sanguíneos. Cando esta comunicación é interrompida, os vasos sanguíneos non se desenvolven adecuadamente e o bebé terá dificultades para obter todo o alimento que necesita”, engade. Neste senso, entre un 10 e un 15% dos bebés presentan un baixo crecemento no ventre materno, a miúdo debido a ese menor desenvolvemento da vasculatura da placenta.
A hormona IGF2 e o desenvolvemento fetal
O equipo científico descubriu que o feto envía un sinal coñecido como IGF2 —unha hormona peptídica que intervén na regulación da proliferación, o crecemento, a migración, a diferenciación e a supervivencia das células— que chega á placenta mediante o cordón umbilical.
Nos seres humanos, os niveis desta hormona van en aumento progresivo entre as 29 semanas e o termo da xestación. Porén, unha presenza abundante de IGF2 asóciase a un crecemento excesivo, mentres que unha cantidade insuficiente implica un crecemento deficiente. Estes bebés presentan unha maior probabilidade de sufrir ou mesmo morrer ao nacer ou, de chegar á vida adulta, desenvolver diabetes e problemas cardíacos.
“Hai tempo que sabemos que o IGF2 favorece o crecemento dos órganos onde se produce. Neste estudo, demostramos que o IGF2 actúa como unha hormona clásica: é producido polo feto, pasa ao sangue fetal e, a través do cordón umbilical, á placenta, onde actúa”, engade o científico.
Batalla de sexos no xenoma
En ratos como os empregados para o estudo, a resposta ao IGF2 nos vasos sanguíneos da placenta está mediada por outra proteína, chamada IGF2R. Ambas, producidas por dous xenes denominados como improntados. É dicir, xenes que se expresan dun xeito específico segundo o sexo do proxenitor. Neste caso, só a copia do xene IGF2, herdada do pai, e a de IGF2R, herdanza materna, están activas.
“Unha teoría sobre os xenes improntados é que os xenes expresados polo pai son ‘codiciosos e egoístas’. Queren extraer o máximo de recursos posibles da nai. Pero os xenes expresados pola nai actúan de contrapeso para equilibrar estas demandas”, revela Miguel Constância, coautor do estudo. “O xene do pai estimula as necesidades do feto de vasos sanguíneos máis grandes e máis nutrientes, mentres que o xene da nai na placenta tenta controlar a cantidade de alimento que proporciona. Hai un tira e afrouxa, unha batalla de sexos a escala do xenoma”, subliña.
Futuras aplicacións dos resultados
No estudo, os científicos sinalan o eixo IGF2-IGG2R improntado como una vía clave que controla a expansión da árbore vascular placentaria ao final do período de xestación, demostrando tamén que os sinais derivados do feto son reguladores importantes do desenvolvemento e función placentarios.
Os investigadores afirman que estes novidosos achados facilitarán unha mellor compresión das comunicacións entre o bebé, a placenta e a nai no período de xestación. Así mesmo, os resultados poden dar pé a novas ferramentas de medición da presenza de IGF2 no feto, de cara a atopar formar de empregar medicamentos para regular os niveis desta hormona ou promover un desenvolvemento normal da vasculatura placentaria.
Referencia: The Imprinted Igf2-Igf2r Axis is Critical for Matching Placental Microvasculature Expansion to Fetal Growth (Publicado en Developmental Cell)