Sarah L Caddy/The Conversation
É probable que os traballadores da saúde estean en contacto con moitos pacientes con COVID-19 todos os días. Estar en contacto con máis persoas coa enfermidade significa que, en teoría, estarán expostos a doses máis altas do coronavirus co tempo.
Iso significa que teñen un maior risco de contraer a enfermidade, como suxiren os informes dalgúns países? Semella que si, pero no está tan claro…
Sabemos para algunhas enfermidades que a dose de virus á que unha persoa está exposta vai relacionarse directamente coa gravidade da enfermidade. Un bo exemplo disto é a gripe.
Un estudo de 2015 nos Estados Unidos amosou que canto maior é a dose de virus da gripe administrada a voluntarios sans, peor son os seus síntomas. Os virus son partículas diminutas que deben ingresar nas nosas células para replicarse, polo que a lóxica é que cantas máis partículas de virus de partida haxa, máis células van infectarse.
Con todo, os virus replícanse de xeito exponencial. Unha soa célula infectada pode producir centos, se non miles, de copias da partícula. Isto significa que para algúns virus, incluso unha pequena dose de virus é dabondo para causar unha infección.
Por exemplo, para a metade da poboación, só se necesitan 18 partículas de norovirus para causar unha infección. Isto pode conducir aos signos clínicos clásicos de vómitos e diarrea. En tales infeccións, o virus replícase tan rápido que a dose inicial pode ser moi pouco relevante.
E que pasa co novo coronavirus? Está a dose de SARS- CoV-2 (o virus que causa COVID-19) relacionada coa gravidade da enfermidade?
Cos norovirus abondan 18 partículas para provocar unha infección
Polo momento, simplemente non o sabemos. O único xeito de responder definitivamente a esta pregunta é con “estudos experimentais“, o cal implica infectar intencionalmente a voluntarios sans para estudar enfermidades e os seus tratamentos. Estes procedementos serían eticamente cuestionables por mor da gravidade desta enfermidade.
Unha vez que un paciente está infectado, é relativamente sinxelo medir a cantidade de virus que está a producir, un valor coñecido como “carga viral“. Isto débese a que a proba internacional estándar para o coronavirus é cuantitativa.
En lugar de só un resultado positivo ou negativo, os equipos de diagnose tamén obteñen un número de cero a 40. Este número coñécese como o valor de Ct ou ciclo linde.
Contra intuitivamente, canto menor é o número, máis virus ten a mostra dun paciente. Calquera número menor que 15 corresponde a niveis moi altos de virus, mentres que as mostras maiores a 35 só teñen baixas cantidades de virus.
En ausencia de datos de doses infecciosas, os investigadores estiveron tratando de determinar se unha carga viral alta corresponde a unha enfermidade peor. Un informe de China suxeriu que non hai diferenza entre a cantidade de coronavirus á que está exposta unha persoa e a gravidade da súa enfermidade.
Pero outro informe amosou que os pacientes con enfermidade máis leve tiñan niveis máis baixos do virus. Pero hai máis factores a considerar…
É importante ter en conta que a cantidade de virus que se necesita para causar infección é só unha parte desta historia. O xeito no o corpo responde ao virus tamén pode ser crítico.
Isto débese a que a resposta inmune a un virus pode ser beneficiosa ou prexudicial. Se o sistema inmunitario non se activa axeitadamente, o virus pode replicarse máis rápido. Doutra banda, se o sistema inmunitario se sobreactiva, pode danar os tecidos sans.
Hai unha longa lista de afeccións que poden aumentar as posibilidades de ter un caso grave de COVID-19, desde diabetes ata presión arterial alta. Pero, que pasa con factores como o esgotamento ou a tensión extrema? Supoñemos que gran parte do persoal médico de primeira liña está baixo unha presión considerable que se vai manter durante semanas ou meses… Podería isto afectar a súa susceptibilidade ao coronavirus?
Demostrouse que a falta de sono afecta as posibilidades de infectarse co rinovirus, tamén coñecido como o virus do arrefriado común. Os científicos en Pittsburgh, Pennsylvania, monitorearon os patróns de sono en 164 adultos durante unha semana e logo expuxéronos a todos ao rinovirus. As persoas que durmían menos de cinco horas por noite tiñan significativamente máis probabilidades de desenvolver un arrefriado que aquelas que durmían sete ou máis horas.
Non sabemos se estes achados poden aplicarse ao SARS-CoV-2 xa que o novo coronavirus é moi diferente do rinovirus. Pero podemos especular que as respostas inmunitarias dos traballadores da saúde con exceso de traballo non serán óptimas en comparación cunha persoa ben descansada no fogar.
Isto podería ser un factor engadido que explica por que máis persoal de primeira liña aparentemente estase a infectar con COVID-19.
A pesar de todas estas incertezas, por suposto, segue sendo esencial para os traballadores da saúde minimizar a exposición ao virus tanto como sexa posible. Desde usar todo o equipo de protección dispoñible ata practicar o distanciamento social con colegas, cada medida contará.
Sarah L Caddy é investigadora clínica en inmunoloxía viral e veterinaria da Universidade de Cambridge. Aquí podes ler o artigo orixinal en inglés en The Conversation















Muy bueno.