O debate científico está aberto sobre se os virus son seres vivos.

O coronavirus é un ser vivo?

O debate científico continúa sobre a verdadeira natureza dos virus como entes biolóxicos con características moi especiais

Por Enrique Sacristán/SINC

Preguntarse se está vivo un virus que infectou a máis dun millón de persoas en todo o mundo e ten matado a ducias de milleiros semella un pouco absurdo, pero os científicos non se poñen de acordo. Algúns consideran que este ‘robot’ de ARN e proteínas non é un ser vivo, porque só pode prosperar grazas a células como as nosas, pero outros pensan que si. O debate segue aberto.

Os coronavirus SARS-CoV-2 son diminutos, só teñen entre 60 e 140 nanómetros de diámetro. Están formados dunha cadea de ARN onde van os seus xenes e unha cuberta lipídica coas proteínas que lles permiten adherirse e entrar nas células do corpo que invaden. Sen elas non son nada, non poderían sobrevivir nin reproducirse.

Son daquela seres vivos? Os virus como este, que está a causar tanto dano e dor á humanidade, realmente viven? Hai décadas que os científicos debaten este asunto, pero de momento non se puxeron de acordo.

“Para min os virus, como o que provoca a enfermidade COVID-19, son seres vivos”, apunta a viróloga e inmunóloga Margarita del Val, investigadora do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa (CBMSO, centro mixto CSIC-UAM), quen non se cansa de lembrar que as duras medidas que se adoptaron para evitar a expansión da pandemia son para protexer aos máis vulnerables e aos que nos curan.

“Claro que os virus son parasitos obrigados –continúa–, pero disto hai moitos máis exemplos na árbore da vida. Nós mesmos somos organismos simbiontes obrigados (aínda que non parasitos), xa que sen a microbiota que temos nos nosos órganos probablemente non seriamos viables como especie”.

Del Val tamén explica que estes ‘bechos’ multiplícanse facendo copias de si mesmos, mutan moderadamente sen comprometer a súa viabilidade, e como consecuencia diso responden ás fortes condicións selectivas da súa contorna, onde sobreviven os máis aptos.

“Os virus non envellecen nin morren como individuos: se se inactivan é o que chamariamos un accidente, pero iso non é unha característica inherente á vida –aclara–. Outros seres unicelulares que se dividen por xemación tampouco morren, e mesmo algunhas especies mariñas (como certas medusas) son inmortais e só se lles acurta a vida polos seus predadores”.

De feito, moitos virus adáptanse ao seu hospedador ao longo de millóns de anos, atopando un punto de equilibrio. “Nisto son uns mestres os virus do herpes (como os labiales, que poden estar anos inactivos e só revivir cando xorde algún problema no corpo)”, pon de exemplo a investigadora, aínda que recoñece que non acontece o mesmo con virus que xorden de súpeto como SARS-CoV-2.

Sobre a orixe deste novo coronavirus, os estudos indican que o máis probable é que se transmitise ás persoas desde os morcegos, quizá pasando por especies intermedias como o pangolín. Non se sabe se se converteu en patóxeno cando chegou ata nós, onde ten a capacidade de agocharse en individuos asintomáticos, ou se xa era nocivo antes; pero o caso é que en poucos meses xa infectou a máis dun millón de persoas en todo o mundo e rematou coa vida de preto de 70.000, case un 20 % en España.

Un robot de ARN que invade a célula

O seu mecanismo de acción non parece propio de algo que non estea vivo, aínda que tamén podería actuar como un robot replicante: chega a unha célula humana a través das mucosas, adhírese a un compoñente específico da súa membrana, abre un oco e entra dentro, introduce a súa cadea de xenes no mecanismo celular e engánao para que produza os compoñentes de novos virus, que acaban saíndo a buscar máis vítimas.

Algo que fai isto está vivo? “Eu considero que si –apunta Del Val–, pero son consciente de que a opinión doutros virólogos é distinta, en particular os que traballan e reflexionan sobre a orixe da vida. A súa obxección máis habitual é que os virus nunca son metabólicamente activos, sendo esta unha característica vital, xunto ás de multiplicarse e evolucionar”.

Efectivamente, o carecer de metabolismo parece ser o quid da cuestión para que algúns investigadores consideren que os virus non son seres vivos. Sempre necesitan unha célula para manterse e prosperar, así que quedan fóra dos grandes reinos da bioloxía.

É xusto o que pensa a investigadora Ester Lázaro, directora do grupo de Estudos de evolución experimental con virus e microorganismos –nótese a distinción– no Centro de Astrobioloxía (CAB, centro mixto CSIC-INTA), aínda que en realidade a súa opinión foi cambiando ao longo do tempo.

“Cando comecei a traballar con virus hai máis de 20 anos custábame crer que houbese quen dubidase sobre si eran seres vivos ou non –comenta–. A fin de contas están feitos das mesmas moléculas que a vida, incluíndo un xenoma no que se almacena a información sobre as súas propiedades e funcionamento. Con esas instrucións, pódense multiplicar de xeito moi rápido e adaptarse en tempos récord aos cambios do ambiente”.

Os detractores cren que os virus non cumpren todOs os requisitos da materia viva

Que todo iso non o puidese facer o patóxeno de forma independente, a Lázaro non só parecíalle un detalle menor, senón que lle reafirmaba na súa idea de que eran organismos vivos moi simples que se aproveitaban doutras formas máis complexas: “As bacterias parasitas tamén reduciron os seus xenomas e agora non poden vivir de forma independente, así que pensaba que aos virus lles pasaba o mesmo”.

Con todo, o seu traballo no CAB fíxolle cambiar de idea segundo foi reflexionando sobre que é realmente a vida e as súas propiedades esenciais. Segundo a viróloga, o consenso científico actual máis estendido é que a materia viva debe cumprir estes requisitos: posuír información xenética, ter a capacidade para transformar a materia e a enerxía procedentes do exterior en materia e enerxía aproveitables para o seu mantemento, incluír un compartimento que defina o seu límites respecto á contorna e ser capaz de evolución darwiniana.

“De todas esas funcións, hai unha que os virus non posúen nin posuíron nunca en toda a súa historia, que é a de poder obter enerxía do medio externo”, subliña Lázaro, “é dicir, os virus carecen de metabolismo, o cal os exclúe definitivamente da definición de vida. Multiplícanse e evolucionan, pero son as células as que fan posible que esa multiplicación e esa evolución viral teñan lugar, aínda que nese proceso acaben destruídas”.

O seu compañeiro Carlos Briones, tamén investigador no CAB e coautor do libro Orígenes, coincide con ese punto de vista na súa obra: “O noso coñecemento actual apoia a idea de que os virus e viroides (axentes infecciosos aínda máis sinxelos) non deberían ser considerados como seres vivos, aínda que resulten fundamentais na evolución da vida e na configuración da nosa biosfera. No fondo, a cuestión biolóxicamente salientable non é o que son, senón o que fan”.

De feito, os virus (palabra que en latín significaba veleno, ponzoña) en realidade levan toda a vida connosco, coevolucionado coas primeiras células desde os seus comezos na Terra e deixando a súa pegada xenética nelas.

“Para ben ou para mal, somos o que somos grazas aos nosos parasitos, especialmente grazas a aqueles que nos manipulan dunha forma máis íntima”, di Lázaro.

“A pesar de que penso que os virus non son seres vivos, tampouco son como a materia inerte –recoñece–. O debate continúa aberto e é moi probable que siga así moito tempo. Quizais deberiamos renunciar a categorizar e poñer límites, aceptando que entre a vida e a non vida hai entidades que non sabemos moi ben como clasificar pero que cumpren a súa función na historia da vida”.

Como di o astrobiólogo Charles S. Cockell da Universidade de Edimburgo, pechado na súa casa como tanta xente durante esta pandemia, quizais o concepto de vida só é unha palabra. Segundo a definición que entenda cada un, os virus entran ou non a formar parte dela, pero poida que esteamos a perder o tempo: “Non importa se o coronavirus está vivo ou non, e que non nos poñamos de acordo. O relevante é coñecer a súa bioloxía, como interactúa connosco e como o podemos vencer”.

1 comentario

  1. A estupidez humana non ten límites, un planeta axeonllado por un ente ínfimo e poñémonos a discutir sobre o sexo dos anxos, se é ou non é un ser vivo.
    A única coherencia atópoa na definición de Margarita del Val, e quédome co pensamento de Charles S.Cockell “Non importa se o coronavirus está vivo ou non, e que non nos poñamos de acordo. O relevante é coñecer a súa bioloxía, como interactúa connosco e como o podemos vencer”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.