De Hércules a Punta Nariga: as luces da costa a 2000 anos de distancia

Case vinte séculos separan a estes dous faros coruñeses que, desde as súas atalaias, iluminan diariamente o camiño dos homes do mar

Pouco máis de 50 quilómetros separan a Torre de Hércules do malpicán Faro de Punta Nariga. Porén, o seu afastamento vai moito máis aló do plano espacial. Porque, entre as súas construcións, hai case vinte séculos. Así, na provincia da Coruña conviven, desde a distancia, o faro romano máis vello en funcionamento e a construción marítima máis nova de todo o país.

A Torre de Hércules, 20 séculos de historia

Cada noite, coa posta do sol, o faro da Torre de Hércules abre o seu gran ollo e, en intervalos de 20 segundos, emite un grupo de 4 escintileos brancos visíbeis a 24 millas. Os días neboentos, tan habituais no noso país, un sinal sonoro audíbel a 7 millas facilita a navegación costeira e a entrada dos navíos ao porto da Coruña.

Publicidade

Un procedemento que daba comezo hai 2000 anos, cando a torre milenaria encendía por primeira vez a súa luz. Coñecida tamén como Faro de Brigantia, esta construción do século I non só é a máis antiga, senón que se trata do único faro romano que, desde a súa construción e até a actualidade, conserva a súa función incial.

Unha excepcional particularidade debida á súa condición de testemuña única dos numerosos faros que as civilizacións precedentes construíron na beira do mar e que, ende mal, o devir da historia fixo desaparecer. Con eles na lembranza, a Torre de Hércules continua cumprindo incansábel coa súa misión: servir de luz entre a escuridade para aquelas homes do mar que, na súa travesía, van parar ás proximidades do Golfo Ártabro. O faro foi declarado Ben de Intererese Cultural en 1931 e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 2009. Así mesmo, desde o 9 de setembro de 2008, a torre coruñesa está irmandada coa Estatua da Liberdade, por mor dos amplos vínculos de unión dos monumentos a ambos os dous lados do Atlántico, e co Faro del Castillo del Morro na Habana, o máis antigo do continente americano.

A Torre na historia

O lugar escollido para levantar a Torre de Hércules foi a lomba rochosa coñecida como Punta Eiras, un outeiro de case 57 metros de altura que se adentra no mar e que os romanos consideraban como “a fin da terra”. Cos datos actualmente dispoñíbeis e non sen certa incerteza, a construción atribúese á época do emperador romano Trajano, quen gobernaría entre os anos 98 e 117 d.C. Pola contra, e grazas á inscripción conservada ao pé do faro que reza ‘MARTI /AUG[USTO] SACR[UM] /C[AIUS] SEVIUS /LUPUS /ARCHITECTUS /AEMINIENSIS /LUSITANUS EX VO[TO]’, é posíbel saber que o seu construtor primixenio foi Gaio Sevio Lupo, arquitecto da cidade de Aeminio —na actualidade, a lusa Coimbra—, quen dedicou a súa obra a Marte, o deus da guerra.

A Torre de Hércules está construída sobre unha lomba rochosa coñecida como “punta Eiras”

Debido á súa situación estratéxica, o faro construiríase para servir de guía ás embarcacións que, durante os séculos da romanización, navegaban cara ás Illas Británicas na busca de materiais como o cobre, o estaño ou o ferro. Porén, os numerosos ataques dos normandos no século V obrigaron á poboación daquela primitiva Brigantia a abandonar a costa e buscar refuxio no interior.

É xa no século XIII cando Alfonso IX reconstrúe e repoboa aquel vello porto, pasando a denominalo como Crunia e dando paso así a séculos de crecemento e prosperidade da man do comercio marítimo. Con todo, a Torre de Hércules continúa abandonada, e no século XVI mesmo se empregan boa parte dos seus materiais para a construción das murallas da cidade e o castelo de Santo Antón.

Será só no século XVIII cando a Torre de Hércules recupere non só o seu protagonismo, senón a súas plenas funcións como faro. Nesa época, A Coruña presentaba unha intensa relación e actividade comercial coas Indias, e barcos americanos, europeos e mesmo españois eran habituais da costa ártabra con numerosas mercadorías. Xurdía, de novo, a necesidade de dotar ao porto cun faro que guiase e facilitase a navegación polo recortado do litoral.

Un monumento, dúas torres

Como moitos outros misterios que rodean o faro, tampouco hai certeza do seu aspecto exterior primitivo. Porén as escavacións arqueolóxicas na base da Torre indican a existencia dun muro perimetral exterior e unha rampa ou escaleira de pedra que daría acceso á plataforma superior. No que respecta ao coroamento romano, tampouco é posíbel describilo con exactitude. Mais, polos datos conservados, gozaría dunha planta circular rematada en forma de cúpula, cun oco no centro que permitía a saída da luz e do fume que guiaban aos barcos.

Non hai certeza do aspecto exterior primitivo do faro romano

Secasí, o aspecto que presenta hoxe en día a Torre de Hércules é do século XVIII.  Aprobada por Carlos III, a restauración do faro é obra do arquitecto militar Eustaquio Gianini, que o dotou dun marcado estilo neoclásico. Iniciando os traballos en xullo de 1788 e rematándoos en 1791, Gianini reviste a antiga Torre cun “forro” feito en cantería de granito, o que a dotaría de maior volume. O estremeño redistribúe fiestras e portas, construíndo tamén unha escaleira interior en pedra. Finalmente, desmontou a cúpula e, no seu lugar, elevou un edifcio de corpo octogonal para dar aloxamento á nova linterna, á que en 1806 se lle engadiu o fanal. Amais, e en lembraza da primitiva rampa, unha banda diagonal recorre actualmente a Torre.

A construción herculina

De planta cuadrangular de case 12 metros de lado, na actualidade a Torre érguese sobre unha ampla plataforma poligonal de 32 metros de ancho, construída a principios do século XIX. Exteriormente, o monumento presenta unha estrutura prismática sobre a que se dispón un remate torreado octogonal. Após este primeiro corpo sucédese outro, decrecente en altura, e que serve de base á lanterna que garda a potente lámpada.

Polo que respecta á súa altura, esta singular construcción conserva da fábrica romana 37,58 metros, dos que 34,38 quedaron ocultos baixo o revestimento neoclásico e 3,2 atópanse baixo a plataforma —se ben son visíbeis desde a zona da escavación—. Estas medidas fan da Torre o único faro romano que conserva en pé unha parte considerábel da súa estrutura, malia estar oculta. Amais, e esta estrutura habería que engadir o corpo de remate onde se atopaba a rotonda romana que, tal e como indica a documentación do século XVIII, tiña 8 varas ( ca. 6,40 m) de diámetro e 5 varas (4 m) de altura, o cal dotaría á Torre dunha altura orixinal próxima aos 41,58 metros.

A Torre érguese sobre unha ampla plataforma poligonal de 32 metros de ancho

Secasí, actualmente e debido aos 21 metros engadidos após a restauración do século XVIII, a torre de Hércules goza dunha altura de 55 metros. Con estas dimensións, a Torre é dos edificios romanos máis altos que se conservan, amais de ser o terceiro faro máis alto en España. Desde hai tempo, a construción está aberta ao público, sendo posíbel subir os 234 chanzos até o alto da súa torre.

Faro de Punta Nariga

Se en vez de subir quixésemos baixar non só en latitude, mais sobre todo en idade, poderemos atopar, en plena Costa da Morte, o faro máis novo e moderno de todo o país. Con moita menos historia, pero de até 50 metros de altura e 22 millas de alcance lumínico, o Faro de Punta Nariga é todo un referente na integración da arquitectura coa paisaxe natural.

Datado de 1995, o deseño do arquitecto César Portela remite indubidabelmente á proa dun barco introducíndose no mar. No conxunto, estruturado en catro corpos ben delimitados, o primeiro está constituído por unha plataforma de acceso público, a modo de basamento de planta triangular. E, no segundo, de forma prismática e base tamén triangular, a cuberta plana convértese nunha plataforma-mirador elevada sete metros sobre a anterior. Asomarse dá a impresión de estar navegando, coa forza do vento batendo na cara e vendo só océano ao arredor.

Formacións rochosas peculiares e o faro de Punta Nariga
Formacións rochosas peculiares e o faro de Punta Nariga

A relación e o contraste funcional e formal deses catro elementos e destes respecto do terreo en que se asintan e o mar que os rodea constitúen a esencia do proxecto. Porque no faro, e ao contrario que na meirande parte deles, o arquitecto incorporou os seus usos adicionais, construíndo intencionadamente amplias zonas de paseo, que permiten a contemplación pausada da fermosura da paisaxe que ofrece a costa malpicá. Amais, a contorna está chea de maxia, nun cantíl golpeado polo mar e con curiosas formacións rochosas, que mesmo lembran a animais.

A construción atópase acompañada por unha escultura de bronce denominada Atlante, situada no mascarón. Asinada polo artista Manolo Coia, a estatua lembra a unha figura híbrida entre un humano e unha gaivota a piques saltar ao mar, e que remite ao movemento migratorio tan presente no lugar.

Outros faros da provincia

E por se estas dúas opcións non fosen abondo, a provincia da Coruña conta con outros moitos faros que visitar, como o de Estaca de Bares —o máis setentrional do Estado—, o faro de Cabo Ortegal, o vangardista Punta Frouxeira ou o mítico —e místico— faro de Fisterra.

Amais, moitos deles pódense visitar dentro da ruta coñecida como O camiño dos faros, que une Malpica con Fisterra nun percorrido de 200 quilómetros e até 8 etapas. Xa a nivel estatal, a Ruta 181 —en alusión ao número de construcións marítimas que abrangue— propón un roteiro de costa a costa por todos os faros da península ibérica. Todo para observar desde a terra a aqueles que observan por nós o mar.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC detecta a presenza dunha alga invasora nas rías da Coruña e Vigo

O persoal investigador de BioCost e BioAplic identificou en Galicia á 'Rugulopteryx okamurae', unha especie que xa está a causar problemas no sur da península

O CSIC localiza na provincia da Coruña 180 posibles sitios arqueolóxicos

Grazas ás tarefas do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), estes achados serán incluídos eventualmente no inventario arqueolóxico de Galicia

Os cinco novos Soles Repsol cos que A Coruña amosa a calidade da súa gastronomía

Hotel-restaurante Balarés, Eclectic, Simpar, Terreo Cocina Casual e O fragón son os establecementos recoñecidos

Descuberta unha nova planta invasora no encoro coruñés de Cecebre

A planta acuática Crassula helmsii, orixinaria de Australia e Nova Zelandia, adóitase utilizar para decorar e osixenar estanques e acuarios