A saúde bucodental está directamente relacionada co desenvolvemento dos tumores colorrectais. Esa é a hipótese que un grupo de investigadores e investigadoras do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), da Universidade da Coruña e do seu complexo hospitalario veñen demostrando estudo tras estudo. Desta volta, acaban de mandar a revisión o seu último traballo de investigación á prestixiosa revista Microbiome e no que demostran que unha bacteria que produce infeccións orais como a periodontite é quen de viaxar aos tumores de colon, colaborando en facer un microambiente adecuado para o desenvolvemento das células canceríxenas.
“Vimos detectando que hai bacterias perigosas que favorecen o desenvolvemento das células canceríxenas nos tumores colorrectais”
MARGA POZA, microbióloga investigadora no INIBIC e profesora da UDC
Esta bacteria que veñen de analizar chámase Parvimonas micra e, na boca, atópase en rexións subxinxivais anaerobias (sen exposición ao osíxeno) e tamén nos tumores do intestino. Grazas ao apoio que lles brinda o Ministerio de Sanidade a través do Instituto de Saúde Carlos III e a Asociación Española Contra o Cancro, este equipo ten acceso a mostras de máis de 140 pacientes que padecen cancros de colon. Téñenas de gánglios, metástases, tumores e, por suposto, saliva. “Como microbiólogos, adicámonos a describir microbios. En consonancia coa literatura científica, vimos detectando que hai bacterias perigosas que poden, efectivamente, favorecer o desenvolvemento e a prosperidade das células canceríxenas nos tumores colorrectais”, detalla Marga Poza, investigadora no INIBIC, profesora da UDC e unha das asinantes deste traballo.
Esta bacteria “perigosa” é sensible á exposición ao osíxeno e isto complexiza o traballo deste grupo de mircobiólogos, xa que se sae dese ambiente anaerobio, morre inmediatamente. Isto é clave no seu desenvolvemento porque, a través do torrente sanguíneo ou do aparato dixestivo, a Parvimonas micra viaxa dunha zona subxinxival carente de osíxeno á outra con condicións similares nos tumores. “Descubrimos que non só se despraza, senón que no tumor está activa e excreta substancias que son factores de virulencia. Fai que o microambiente tumoral sexa máis adecuado para o desenvolvemento das células canceríxenas”, explica a investigadora do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña.
“Descubrimos que, no tumor, a bacteria está activa e excreta substancias que son factores de virulencia”
MARGA POZA, microbióloga investigadora no INIBIC e profesora da UDC
Mais non só constataron ese adecuamento que favorece o desenvolvemento dos tumores colorrectais. No mesmo estudo, evidencian que, na súa viaxe a través do organismo dende a boca ata o colon, a bacteria sofre cambios adaptándose, dalgún xeito, ao ambiente tumoral.
Suxerencias para próximos estudos
Outro dos aportes deste paper que forma parte tamén da tese da investigadora Kelly Conde Pérez é a suxerencia de que, o máis probable, é que esta bacteria non viaxe soa dende a boca ata o recto. “Todo apunta a que hai máis bacterias que se benefician de viaxar en conxunto e sinerxeticamente”, argumenta Poza. “Todas estas bacterias forma agregados e se benefician, por exemplo, para se defender do sistema inmunitario“, engade. Isto garda unha gran relevancia á hora de abordar tratamentos e métodos de prevención: “A conclusión é que, neste sentido, non nos podemos centrar só nunha desas bacterias”, remata.
Sobre o INIBIC
O Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) é un Instituto de Investigación Sanitaria constituído pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde (Sergas), a Universidade da Coruña e a Fundación Profesor Novoa Santos. Foi creado o 31 de xaneiro de 2008 mediante a firma dun convenio de colaboración entre as entidades asinantes. Tras un período de desenvolvemento da súa actividade e mellora dos seus procesos, obtivo a acreditación como IIS por parte do Instituto de Saúde Carlos III o 10 de marzo de 2015.
Neste proxecto tamén colabora o equipo de microbioma oral do FISABIO, a Clínica Pardiñas, os servizos de Anatomía Patolóxica, Oncoloxia, Microbioloxia, Biobanco e Ciruxia do CHUAC.
O artigo científico do que nace esta información pódese consultar nesta ligazón da Research Square baixo o título Evidence for translocation of oral Parvimonas micra from the subgingival sulcus of the human oral cavity to the colorectal adenocarcinoma. Esta é unha preimpresión, aínda non foi revisado por pares pola revista.