Sábado 27 Abril 2024

E se as bacterias intestinais axudasen a anticiparse ao cancro de colon?

Un proxecto dirixido pola investigadora Margarita Poza desde A Coruña aborda o tratamento fronte a estes tumores tendo en conta a influencia da microbiota

A influencia da microbiota intestinal na aparición de determinados problemas de saúde e coñecida desde hai anos. O traballo de investigadoras como a lucense Sonia Villapol, que estuda nos Estados Unidos a relación das bacterias con algunhas lesións cerebrais, observa o posible vínculo con enfermidades como o Alzheimer ou a ELA. E desde a perspectiva do cancro colorrectal, un dos cancros máis frecuentes, un traballo impulsado polo Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic) analizará desde 2021 e ata 2023 a influencia que a diversidade bacteriana presente no intestino, pero tamén, por exemplo, na boca, pode inducir a aparición de tumores colorrectais, ou favorecer ou complicar a aplicación de determinados tratamentos oncolóxicos. O proxecto, liderado pola investigadora Margarita Poza, recibirá preto de 300.000 euros do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII), e tamén contará coa achega da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), que financiou con 84.000 euros a tese de doutoramento de Kelly Conde, outra das científicas do equipo, que baseará a súa investigación neste aspecto.

Colaboración clínica

O proxecto implicará a colaboración de investigadores médicos e clínicos de diversas perspectivas, segundo explica Poza, como a oncoloxía, a cirurxía, a microbioloxía, a metaxenómica ou a bioinformática. “Temos que coñecer, por exemplo, como son os tumores colorrectais que se analizan, e atopar neles determinadas bacterias que nos poidan dar pistas”, expón a científica. “Para isto precisamos técnicas e aparellos con gran capacidade de secuenciación xenética, tomar tamén mostras de saliva e feces dos pacientes e comparalas entre persoas enfermas e sas, para ir sacando conclusións que nos permitan avanzar”.

Publicidade

Deste xeito, a proposta do grupo do Inibic buscará en cada caso as peculiaridades do xenoma das bacterias, virus e fungos que viven na cavidade intestinal para poñelas en relación cun maior ou menor risco de tumores de colon e recto, xa que é coñecido que determinadas bacterias teñen unha función protectora contra este cancro, e outras inducen a súa aparición.

Así, ademais do grupo Meigabiome (Microbiome and Health) do Inibic, que dirixe Poza, o proxecto contará coa participación de varios grupos do Chuac, como o servizo de Cirurxía, dirixido por José Noguera; Anatomía Patolóxica, dirixido por Ángel Concha, o servizo de Oncoloxía Médica, coordinado por Luis Antón Aparicio, e o servizo de Microbioloxía, dirixido por Germán Bou, que tamén é responsable da área de investigacion en Microbioloxía no Inibic. O equipo conta tamén coa chega de Álex Mira, líder do grupo de Microbioma Oral da Fisabio de Valencia, co que investigarán os posibles vínculos entre algunhas bacterias presentes na cavidade bucal e a aparición do cancro colorrectal.

Farmacomicrobiómica

Un dos conceptos que se abordará no proxecto é o da farmacomicrobiómica, que vén a ser o estudo da interacción entre o microbioma e os fármacos que se administran para unha determinada patoloxía. “Sabemos, por exemplo, que a microbiota que cada persoa ten inflúe na efectividade maior ou menor dun medicamento. En quimioterapia do cancro de colon e recto tamén se sabe que dependendo das bacterias intestinais que haxa, o tratamento pode funcionar mellor ou peor, ou xerar determinados efectos secundarios. E isto poderá axudarnos, por exemplo, a deseñar terapias personalizadas para cada caso concreto, con fin de mellorar o prognóstico de cada paciente”, engade Margarita Poza.

Neste sentido, podería abrirse a opción de deseñar estratexias de anticipación á aparición do cancro. “Poderiamos, por exemplo, modular o microbioma dos pacientes en determinados casos para intentar impedir a aparición de tumores e, en caso de que xurdan, conseguir que os tratamentos sexan máis efectivos”, conta a líder do proxecto. Con todo, insiste Poza, que outros factores, como a propia xenética, a dieta e o estilo de vida, teñen tamén unha influencia moi importante neste tipo de tumores.

A investigación pretende identificar bacterias protectoras contra estes tumores ou outras que induzan a doenza e dificulten a eficacia do tratamento

Da mesma forma, o estudo permitirá desenvolver unha descrición das poboacións de microoorganismos que melloran a eficacia e a tolerancia dos tratamentos oncolóxicos nos tumores colorrectais, que “poden ser cultivadas empregando tecnoloxía específica e poden usarse para deseñar probióticos, incluíndoos en dietas e produtos alimenticios que favorezan o desenvolvemento destas bacterias no intestino”.

Tendo en conta todos estes factores, a investigación impulsada polo grupo coruñés pode axudar a optimizar a terapia. “Avaliando, por exemplo, a historia médica do paciente, a súa xenética ou os hábitos, os oncólogos seguen atopándose con que determinados tratamentos fallan“, conta Poza. Pero ao incluír o microbioma na ecuación, pódese afinar máis a estratexia, non só na terapia, senón tamén na prevención.

“En conclusión, o proxecto axudará a predicir a resposta de cada paciente ao tratamento, tendo en conta o seu microbioma e os outros factores mencionados. Poder facer estas predicións permitirá evitar efectos secundarios moi graves que poñan en perigo a superviviencia do paciente, así como tratamentos pouco eficaces que supoñen un custo importante ao sistema sanitario”, apunta Poza.

E por outra banda, os microorganismos que empeoran o prognóstico debido á pouca efectividade dos tratamentos tamén poderían ser identificados para promover “o desenvolvemento de armas terapéuticas personalizadas deseñadas para a súa eliminación”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

O fentanilo non é novo en Galicia: “O seu consumo vai ligado a outras drogas"

O CHUAC non observa unha repunta dos casos, aínda que se rexistran de maneira ocasional en persoas intoxicadas tamén por heroína e cocaína

Isto é todo o que sabemos sobre o papel da microbiota na fertilidade masculina

Un traballo publicado en 'Nature' mostra diferenzas entre a microbiota seminal das persoas sas e a dos individuos con anomalías na mobilidade e concentración do esperma

Confirmado: hai unha estreita relación entre a microbiota e a deterioración da saúde mental

Un estudo realizado en Corea do Sur estimou unha probabilidade 1,4 veces maior de padecer depresión se mediaba unha dieta xenerosa en ultraprocesados