O risco dos anticorpos que agravan a infección polo SARS-CoV-2

Un estudo amosa que un tipo de anticorpos que bloquean unha molécula clave no sistema inmune poden causar máis dun 10% dos casos graves da Covid-19

O sistema inmune do organismo humano é unha maquinaria perfeccionada durante millóns de anos. Porén, os patóxenos seguen atopando xanelas polas que entrar cando se producen pequenos erros. É o caso que se volve producir co novo coronavirus SARS-CoV-2, segundo describe un artigo publicado a pasada semana na revista Science. Atopouse que o 10,2% das persoas que desenvolven unha infección grave a partir da Covid-19 teñen anticorpos que bloquean o interferón tipo 1 (IFN), unha molécula relevante no sistema inmunitario. Estes anticorpos xeran, por tanto, unha disfunción inmunolóxica que podería estar detrás do agravamento dalgúns dos casos de Covid-19.

O traballo é froito dunha ampla colaboración internacional que analizou os casos de preto de 3.000 persoas, das que 987 tiveron que ser hospitalizadas pola Covid-19, outros 663 con síntomas leves ou sen eles, mais infectados, e outros 1.227 individuos sans

Publicidade

Estes anticorpos, denominados “autoanticorpos” polos investigadores, están no organismo antes de contraer a Covid-19 e, como consecuencia desta disfunción inmunolóxica, os pacientes presentan unhas manifestacións da Covid-19 máis severas e potencialmente mortais. Deste xeito, o achado permitirá identificar cales das persoas con infección por SARS-CoV-2 teñen máis probabilidade de desenvolver síntomas graves e facilitará a adaptación dos tratamentos destinados a estas persoas con autoinmunidade.

“Estes anticorpos son previos á infección, é dicir, as persoas xa eran portadoras e, como consecuencia, presentarán unhas manifestacións da Covid-19 máis severas e potencialmente mortais. Noutras palabras, esta alteración é a causa e non a consecuencia da gravidade da infección por SARS-CoV-2”, explica David Dalmau, do Hospital Universitario MútuaTerrassa de Barcelona, un dos autores do traballo.

Publicidade

Disfunción máis frecuente en homes

Do 10,2% de casos descritos, a maioría son homes. “Esta tendencia podería relacionar a produción dos autoanticorpos contra o IFN, previa á infección, co sexo”, comenta Carlos Rodríguez-Gallego, do Hospital Universitario de Gran Canaria Dr. Negrín, outro dos asinantes do traballo.

As implicacións clínicas dos resultados deste estudo serán directas. En primeiro lugar, detectar estes anticorpos permitirá prever algúns dos pacientes que acabarán desenvolvendo sintomatoloxía grave. Por iso, e sempre que estes fagan unha doazón de sangue, haberá que comprobar se hai presenza destes autoanticorpos.

O interferón e a xenética

Os interferóns atópanse na primeira liña de defensa do noso corpo á hora de combater a infección por SARS-CoV-2. Nalgúns casos, mesmo se poden administrar como tratamento da Covid-19. Con todo, no caso dos pacientes con autoanticorpos, o tratamento con interferón non é efectivo, xa que estes anticorpos bloquean, precisamente, o interferón. Estes pacientes, con todo, poderán recibir tratamentos máis personalizados, co obxectivo de eliminar os autoanticorpos.

A investigación de marcadores xenéticos que poidan explicar unha maior vulnerabilidade ou protección fronte á Covid-19 é unha relevante liña de traballo da ciencia, con proxectos como o encabezado desde Galicia por Ángel Carracedo. Neste sentido, a semana pasada publicouse outro artigo en Science, co mesmo grupo de investigadores que traballou no estudo mencionado máis arriba, no que se demostra que determinadas alteracións xenéticas que afectan á produción de interferón explicarían o 3,5 % dos casos graves de Covid-19. Así, os investigadores identificaron a importancia do IFN na loita contra o SARS-CoV-2 e poden xustificar por que un 15% das infeccións acaba xerando unha patoloxía clínica grave.

Diante dunha infección vírica, algunhas células producen IFN, o cal actúa como sinal de alerta do sistema inmunitario que, a través dunha primeira resposta de emerxencia, bloqueará a infección viral.

Tras este bloqueo, darase paso a unha resposta máis sofisticada e específica por parte do mesmo sistema inmunitario. “O que espertou a nosa curiosidade foron tres pacientes con infección por SARS-CoV-2 que desenvolveron unha pneumonía grave e que, debido a unha enfermidade previa, sabiamos que tiñan anticorpos que comprometían o seu propio sistema inmunitario”, explica Javier Martínez-Picado, investigador ICREA no centro IrsiCaixa de Barcelona, outro dos autores desta investigación.

“Pensamos na posibilidade de que non se trate de casos illados e que esta situación sexa a desencadenamento da sintomatoloxía grave en máis persoas. É por iso que comezamos a analizar se máis pacientes tiñan estes autoanticorpos”, engade Martínez-Picado.


ReferenciaAuto-antibodies against type I IFNs in patients with life-threatening COVID-19 (Publicado en Science).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Un estudo de Science con participación galega vincula células inmunitarias do cerebro coa fertilidade

O descubrimento abre novas vías para entender a puberdade e como se altera en trastornos endócrinos relacionados coa reprodución

Tubío: “O estudo de ‘Science’ abre a porta a terapias que freen os xenes saltóns e eviten o progreso tumoral”

O equipo do CiMUS revela que os transposóns, secuencias móbiles do xenoma, alteran a estrutura cromosómica nas fases iniciais do cancro

Descubertas novas pistas sobre a orixe de Theia, o hipotético planeta que formou a Lúa

Unha análise de isótopos de rocas lunares e terrestres revela que o obxecto celeste chocou contra a Terra e deu lugar ao noso satélite fai 4.500 millóns de anos