Xoves 18 Abril 2024

Así son as lesións dos xogadores de quidditch

Un estudo analiza o patrón de lesiones neste deporte en auxe, que en Galicia conta xa cun total de 5 equipos distribuidos nas principais cidades

Rugbi, fútbol gaélico, baloncesto, tenis, jugger… deportes hai moitos, e cada vez máis. Algúns xóganse coa man, outros co pé,;con balón ou sen el, de distintas formas, tamaños e cores. Cada un require habilidades distintas, e en todos eles, os xogadores lesiónanse.

No ano 2005, varios estudantes da Universidade de Middlebury (Vermont, Estados Unidos), poñíanse de acordo para traer á realidade o quidditch. Aínda que a súa orixe sitúase nas famosas novelas de Harry Potter, de J. K. Rowling, a súa aplicación práctica pouco ten que ver coa ficción.

Publicidade

Poucos anos despois da súa aparición, o deporte comezou a estenderse rapidamente a nivel mundial, involucrando ao redor de 20.000 xogadores de 25 países distintos. Como en calquera outro deporte, é necesario coñecer os patróns de lesións para garantir a súa seguridade e crecemento.

Como se xoga?

Dous equipos de sete xogadores: un gardián (keeper), tres cazadores (chaser) e dous golpeadores (beater); no minuto 18 entra en xogo o buscador (seeker), cuxa misión é atrapar a snitch (que, por suposto, non voa). A misión dos cazadores e o gardián é pasar a quaffle (pelota de voleibol) a través dos aros, para conseguir 10 puntos.

Ademais, en defensa o gardián actúa como un porteiro, defendendo os aros dos tiros do rival. Doutra banda, os golpeadores teñen que deter aos xogadores rivais, eliminándoos temporalmente do xogo ao golpealos coas bludgers (unha pelota de brilé).

A presencia de catro tipos de xogador e cinco pelotas distintas provoca que pareza un pouco caótico. Para favorecer a dinámica do xogo, cada xogador debe identificar a súa posición cunha cinta de cor: verde para o gardián, branca para os cazadores, negra para os golpeadores e amarela para o buscador.

Para contribuír á seguridade dos xogadores, existen unha serie de normas que regulan o contacto. Só se poden realizar placaxes cunha man, por encima dos xeonllos e por baixo do pescozo, e sempre iniciados por diante. Ademais, en todos os torneos oficiais é obrigatorio o uso dun protector bucal.

As lesións no quidditch

Un estudo publicado no International Journal of Sports Physical Therapy analiza a situación desta cuestión en Reino Unido. Un total de 348 xogadores responderon cuestións relativas ás súas lesións durante os últimos 12 meses; desta maneira, o estudo supón a primeira descrición cualitativa das taxas de lesións no quidditch.

O estudo dos patróns de lesións é interesante tamén polas peculiaridades do deporte: o quidditch é o único deporte mixto de contacto, polo que o estudo das lesións supón tamén un avance na transición dos deportes non-mixtos. Ademais, trátase dun deporte inclusivo, xa que as persoas non se clasifican polo seu sexo biolóxico, senón polo xénero co que se identifican.

É o único deporte mixto de contacto, polo que o estudo supón un avance na investigación das lesións deportivas

Todos os deportes teñen un punto feble que poderían propiciar unha maior cantidade de lesións: o do quidditch é a vasoira, un tubo de PVC con medidas regulamentarias, cuxo uso podería ter consecuencias na dinámica de correr e nos patróns de problemas físicos. Debido á permisión de contacto, a miúdo o deporte compárase co rugbi, polo que podería pensarse que os patróns son similares. Con todo, a adición da vasoira e o aspecto mixto de xénero fan que o caso do quidditch sexa único.

Conmoción cerebral, lesión máis habitual

A través dun estudo epidemiolóxico descritivo defínese a taxa de incidencia de lesións por cada hora xogada durante os últimos 12 meses; a media de horas por semana e por xogador é de 4,28. A primeira conclusión foi que a taxa de lesións non era máis alta que noutros deportes de contacto recreativos: houbo 315 lesións declaradas por 180 atletas, de maneira que a incidencia xeral é de 4,06 lesións por cada 1.000 horas.

Dos 180 atletas, 95 sufriron unha lesión; 52, dous; 22, tres; 5, catro; e 6, cinco. A lesión por excelencia no quidditch, segundo os resultados do estudo, é a conmoción cerebral (21,5%), aínda que segundo o estudo, as golpeadoras femininas mostraron o maior índice desta lesión.

As lesións en equipos galegos

Con todo, non é necesario irse a Reino Unido para falar de conmoción cerebral. Só en Galicia hai cinco equipos, nas cidades de Vigo, Lugo, Santiago, Pontevedra e A Coruña. Varios xogadores do equipo de Santiago, Lumos Compostela, relatan experiencias similares durante encontros deportivos.

O fisioterapeuta Joaquín Rodríguez, que acompañou ao equipo compostelán durante as dúas últimas edicións da Copa de España, explica que nun primeiro momento non hai ningunha lesión que o quidditch poida provocar e non outros deportes; aínda que si é certo que o uso da escoba pode derivar en problemas a nivel lumbar, así como de xeonllos e de cadeira, debido á posición que se adopta ao correr.

“Nestes dous anos con Lumos Compostela o que máis vin son problemas a nivel de xeonllos e no dedo polgar, debido á forma de coller a pelota”, explica o fisioterapeuta. No caso dos golpeadores, por exemplo, é necesario agarrar a bludger con forza, de maneira que todos os tendóns da man están constantemente en tensión. A longo prazo, este uso provoca dores e problemas tanto no pulso como no dedo polgar ou maimiño (dependendo da forma de agarre) que dificilmente chegarán a curar.

O uso da escoba podería provocar problemas a nivel lumbar, de xeonllos e de cadeira

Traumatismos craniais no equipo

O cazador Carlos Dopico sufriu un traumatismo subdural con amnesia temporal durante a última xornada da Liga Galega 2017: “Unha compañeira e eu botamos a correr para atacar. Un xogador do outro equipo tentou placarme; esquiveino e golpeoume as costas, polo que me desequilibrou e acabei batendo co chan.”

Tras uns segundos, Carlos levántase mareado e tómbase nunha banda do campo; o seguinte que lembra é espertar sen saber que facía aí nin que pasara, aínda que durante os 20 minutos seguintes consegue lembralo aos poucos.

O diagnóstico do neurólogo do servizo de urxencias foi un hematoma subdural, polo que era necesario pasar a noite en observación. Ao día seguinte, tras unha nova proba, o médico conclúe que o hematoma curará só, polo que Carlos pode volver a casa coa condición de manter repouso durante os días seguintes.

O guardián Pedro Muiños protexéndose co casco durante un placaxe. Imaxe: Gabriel Figueiras
O gardián Pedro Muiños protexéndose co casco durante un placaxe. Imaxe: Gabriel Figueiras
O cazador Carlos Dopico saltando nun intento de gol. Imaxe: Gabriel Figueiras
O cazador Carlos Dopico saltando nun intento de gol. Imaxe: Gabriel Figueiras

Outro exemplo é o de Pedro Muiños, gardián e capitán do equipo compostelán. Nesta ocasión, a lesión foi no ámbito internacional, durante un partido contra METU Unicorns (Turquía) na European Quidditch Cup 2016, na cidade belga de Malinas: “Tentei placar a un contrario cando me levei unha cotenada na cara, na zona do oído. No momento notei só o golpe, e quedeime aparvado, como cando che dan un balonazo na cara.”

Na seguinte xogada, Pedro levou a man á cabeza para colocarse ben a cinta, e ao retirala había sangue: “Saín do campo e no banco botáronme un ollo. O sangue saía do oído, pero non se vía nada.” O diagnóstico do hospital de campaña foi un traumatismo cranial con algo de afectación ao oído. “Non era nada grave”, explica Pedro: “Pero outro golpe na cabeza podía afectarme ao tímpano e perder audición”.

Houbo outras lesións durante o tempo que pasou dende os traumatismos dos xogadores: ombreiros que triscan tras anos placando e escordaduras de xeonllo que nunca curaron ao 100%. Pero o oído de Pedro nunca volveu doer ou dar problemas, nin Carlos volveu sentir molestia ou mareos. Aínda que a partir dese momento, ámbolos xogadores engadiron o casco de rugbi á súa lista de proteccións para xogar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como son as lesións que causa a varíola do mono?

Un estudo transversal prospectivo en múltiples centros médicos en España describe os casos de varíola símica no gromo de 2022.