Centos de avisos despois dun tremor de magnitude 4,4 fronte á costa de Ortegal

O tremor produciuse ás 6.32 da mañá, e é o de maior magnitude na zona nos últimos 20 anos, só superado pola serie de Lugo en 1997

Moita xente reaccionou e mesmo espertou sobresaltada ás 6.32 da mañá deste venres. Un sismo de magnitude 4,4, dos maiores que se rexistraron nos últimos 25 anos no norte de Galicia, tivo o epicentro a preto de 50 quilómetros ao norte de cabo Ortegal. Preto da mesma zona, no bordo da plataforma continenta, rexistráronse nos últimos 30 días varios tremores máis, o maior deles, o pasado 5 de outubro, de magnitude 3,5, aínda que non foi sentido pola poboación. Nas primeiras horas do venres, ás 6.56, 10.2, 10.42 e 13.03, producíronse outros movementos sísmicos preto do tremor principal, con magnitude, 2,3, 2,5, 2,7 e 2,5, respectivamente.

Por mor da intensidade (escala que mide os efectos dos tremores nas persoas, os obxectos, edificios e natureza e que se representa en números romanos), que chegou a acadar o nivel IV en lugares como A Coruña, Cabanas, Oroso, Cariño, Viveiro, Sada ou Ortigueira, o Instituto Geográfico Nacional (IGN) difundiu a través das súas redes un cuestionario para que as persoas que percibisen o tremor puidesen describir o movemento e os efectos percibidos na contorna. En menos de catro horas xa sumaba preto de 250 notificacións.

Publicidade

https://twitter.com/IGNSpain/status/1453982044405608448

A intensidade IV correspóndese con terremotos “amplamente observados”, sentido por moitas persoas dentro dos edificios e moi poucas fóra, provocando ás veces que algunhas persoas esperten. Destácase por unha vibración moderada que pode afectar ao propio edificio e o mobiliario, e mesmo fai soar as vaixelas, cristalerías, xanelas ou portas, e oscilar os obxectos pendurados.

Publicidade

E así o comunicaron numerosas persoas que a través do teléfono ou as redes sociais se puxeron en contacto con medios como a Radio Galega, que recibiu centos de chamadas de xente que percibiu o sismo.

https://twitter.com/GxDRadioGalega/status/1453946760431226881

Sen ser un lugar de especial risco de que se produzan grandes terremotos, a área do norte de Galicia conta con varias fallas coñecidas, e é unha zona de sismicidade “baixa-moderada”, segundo o propio IGN. Nesta rexión da costa norte de Galicia produciuse no 2006 outro tremor, de magnitude 4,3, que tamén se percibiu nas áreas máis próximas á costa.

Deste xeito, o movemento deste venres é o maior tivo lugar nas proximidades de Galicia desde a serie sísmica de Lugo entre 1995 e 1997, que culminou o 21 de maio dese último ano co terremoto de magnitude 5,1 que sacou da cama a miles de persoas durante a madrugada.

O terremoto fronte ás costas de Ortegal coincide no tempo coa sismicidade asociada á erupción volcánica en La Palma, na que se están a producir miles de movementos por mor do ascenso do magma, acadando magnitudes de ata 4,9.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla