Teñen os mosquitos as súas cores de predilección?  

Ir vestidos de negro nun día de calor pode aumentar as probabilidades de que nos pique un mosquito, pero será o noso olor corporal o que determine a nosa condición de vítima

Quen non pasou media noite levantado á procura dun mosquito que nos escolleu como vítima ou quen non fuxiu para a casa despois dun fracasado paseo nun parque para refrescarse? Os mosquitos son insectos voraces cun aparato bucal dotado duns estiletes que, como unha xeringa, empregan para alimentarse co noso sangue. Miden apenas uns cinco milímetros e as súas larvas desenvólvense sempre en charcas ou espazos con augas estancadas.  

“Son uns insectos que teñen sempre moito apetito. Como exemplo, podemos dicir que sería como se unha persoa que pesa setenta quilos, comese pola noite setenta quilos de comida. Os mosquitos toman unha cantidade de alimento equivalente ao seu peso, por iso dicimos que son extraordinariamente voraces. E tamén son moi rápidos, chegan a mover as súas ás ata duascentas cincuenta veces por segundo, por iso cando tentamos darlle coa man para espantalos, para eles é como se nos aproximásemos a cámara lenta e conseguen fuxir sempre”, cóntanos Carlos Otero, entomólogo e Profesor Ad Honorem da Universidade de Santiago de Compostela. 

Publicidade

Picarnos, unha necesidade das femias

Unha vez convertidos xa en insectos adultos, machos e femias, os mosquitos aliméntanse das plantas, do seu zume e das súas substancias azucradas. Pero serán as femias as que nos piquen, e non os machos, porque elas necesitan máis ingredientes como as proteínas que están no sangue dos humanos, para facer posible a ovoxénese e así reproducirse.

“Cada vez que nos pican cóllennos un pouco de sangue para conseguir esas proteínas que necesitan e tamén ferro que, por certo, teñen que controlar porque a nosa hemoglobina contén unha gran cantidade. Existen experimentos que demostraron que despois de recibir doses de aminoácidos de proteínas xa non picaban, non o necesitaban, quedaban tranquilos. Como digo, a razón pola que pican aos humanos é para realizar a ovoxénese e permitir o desenvolvemento dos seus ovos, por iso necesitan reservas e buscan sempre a un vertebrado, a un mamífero, que lles proporcione o sangue que precisan”, explícanos Otero.

Publicidade

O negro é a súa cor favorita

A nosa temperatura corporal vai ser un dos elementos determinantes á hora de ser escollidos polos mosquitos femia, temperatura que aumenta, por exemplo cando facemos deporte, sobre todo nas zonas predilectas destes insectos: o tórax, a cabeza e as extremidades. O ácido láctico e as bacterias presentes na nosa pel despois de facer exercicio, o movemento, como cando xesticulamos, e determinados grupos sanguíneos, son outros elementos que tamén atraen os mosquitos. Pero que acontece coas cores? É certo que teñen as súas favoritas á hora de escoller a súa vítima por como vai vestida, por exemplo?

“Si, as cores que prefiren son sobre todo o negro e as cores cálidas. As cores frías atráenlles menos, e o branco. Non sabemos con exactitude cal é a razón, pero seguramente será polo tipo de visión que teñen. Ven moi mal, malia ter uns ollos grandes, pero creo que é polo efecto do reflexo da luz sobre os vexetais ou os tecidos que teñan esas cores. Da visión de moitos insectos, como as abellas, sabemos moito, pero sobre a doutros, como os mosquitos, descoñecemos porque ven tan mal. O que si é seguro é que teñen un olfacto extraordinario e por iso, eu diría que o asunto das cores, no fondo, é máis unha crenza porque ao final é o olfacto o que acaba determinando a presa”, asegura o entomólogo da USC. 

Facilitar a nosa convivencia cos mosquitos

Existen máis de tres mil especies coñecidas en todo o mundo, delas, unhas duascentas poden causar serios problemas sanitarios, e ata miles de mortes, por ser insectos transmisores de enfermidades, sobre todo nas zonas tropicais e subtropicais do noso planeta. Pero o papel dos mosquitos na natureza e nos ecosistemas é moi importante xa que realizan unha enorme función de reciclaxe de descompostos, como animais mortos ou excrementos, son polinizadores e serven de alimento aos paxaros, aos anfibios e aos réptiles, por exemplo. 

“Non podemos eliminalos, iso sería unha auténtica barbaridade, porque se desaparecen os mosquitos outra especie cumprirá o seu papel na natureza e, seguramente, con consecuencias peores”, advirte Carlos Otero. 

“Se queremos evitar ter mosquitos na casa o que temos que facer é eliminar todo aquilo que teña un pouco de auga, un barreño esquecido, rodas abandonadas, botes baleiros, ou plantas. Ese serán sempre os lugares escollidos polos mosquitos femias para por os seus ovos. Na natureza sempre existe un equilibrio e nós desmontámolo moitas veces, temos que ser conscientes diso. O mellor para protexerse dos mosquitos, sen dúbida, é simplemente limpar a pel, lavarse antes de durmir sen xabón nen outros produtos, para eliminar suor ou bacterias e poder así descansar sen problema toda a noite porque, como digo, o que máis os atrae é o olor corporal”,  afirma o profesor da USC.


Proxecto desenvolvido en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nin bárbaros nin salvaxes: así coidaban os galegos dos seus enfermos hai 1.500 anos

Unha investigación da USC revela que as comunidades galegas mantiñan redes de solidariedade vitais para protexer os máis vulnerables

A perigosa bacteria que ataca os vexetais, ás portas de Galicia: “Non estamos preparados”

A 'Xylella fastidiosa' identificouse en case 600 especies e pode causar enfermidades graves e morte en oliveiras, cítricos, vides, froiteiras de óso e plantas ornamentais

O cemiterio dos peregrinos, a necrópole esquecida da historia de Compostela

Investigadores da USC reconstrúen a evolución dun espazo funerario clave, ligado á peregrinación medieval, hoxe oculto tras o Pazo de Raxoi e fóra da memoria colectiva

Cinco dedos e 78 nomes en galego: do matapiollos ao dedo da puñeta

Un mapa interactivo creado polo Instituto da Lingua Galega documenta a enorme diversidade terminolóxica existente en Galicia e no norte de Portugal