A Xunta descarga nos concellos a xestión dos ‘pellets’ recollidos polos voluntarios

A fin de semana agárdase unha nova avalancha de bólas plásticas nas praias sen que o goberno autonómico aclare o destino final destes residuos

Os voluntarios chegan ás praias cargados con coadores, cestos de goma e reixas improvisadas para limpar a maior cantidade de pellets posible. Unha vez que conseguen liberar o areal das bólas plásticas, a pregunta é evidente: onde van a parar os granulados procedentes do Toconao? Moitos voluntarios non o saben e a Xunta tampouco resolve claramente as súas dúbidas. Segundo os protocolos de actuación que publicou este xoves o goberno autonómico, deben ser os concellos os que habiliten “contedores ou locais de almacenamento” para os pellets, convertendo os municipios en responsables directos da súa xestión. No grupo de Telegram a través do que se organizan os voluntarios anuncian que o Concello da Coruña instalou contedores de pellets nas praias do Matadoiro e do Orzán. “E no resto?”, pregunta unha usuaria.

Saber onde despositar as bólas plásticas é unha información esencial, sobre todo cando se achega a fin de semana e se agarda unha masiva mobilización de voluntarios nas praias afectadas. Tal e como avanzou esta semana a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, espérase unha avalancha de pellets a partir do sábado debido á evolución das correntes mariñas. Aínda cando se ten esta previsión, e cos protocolos dirixidos aos voluntarios publicados, o destino das bólas plásticas está sen aclarar. Dende o Concello de Muros, unha das zonas máis afectadas, confirman que chegaron a un acordo coa empresa armadora, que será a encargada de limpar as praias con ata 50 traballadores contratados. Dende o goberno local aseguran que se puxeron en contacto coa aseguradora dos armeiros ante a “falta de axuda” da Xunta e do goberno central.

Publicidade

“Os concellos poden almacenar os pellets onde o consideren oportuno. O obxectivo é que os depositen nun punto habilitado para monitorizar a cantidade recollida”, explican fontes da Consellería de Medio Ambiente. Os seguintes pasos a dar por parte da Xunta tampouco están claros: “Colaboraremos cando os concellos nos comuniquen que teñen unha cantidade importante de pellets almacenada. Nós recollerémolos e levarémolos a un punto de almacenamento intermedio“. Con todo, dende Medio Ambiente recoñecen que aínda non se sabe cal será ese lugar nin que procedemento se vai seguir para depositar os pellets recollidos en todos os concellos afectados. “Non hai unha decisión tomada sobre o futuro dos granulados. Aínda non chegamos a ese punto operativo porque aínda está en deseño”, sosteñen fontes da consellería.

Ante a falta de información máis detallada, outros concellos como Vilagarcía de Arousa, ao que aínda non se notificou a chegada de pellets, xa se organizan ante a previsión desta fin de semana. A situación é especialmente sensible, dado que as súas praias son marisqueiras e, segundo apuntan algúns investigadores, as bólas plásticas poden ter un efecto nocivo sobre os moluscos. “A limpeza executarase directamente con persoal municipal e da concesionaria da limpeza, precisamente, para evitar posibles danos nas concesións marisqueiras que se poderían ver afectadas pola entrada sen control ou a pertinente formación previa sobre como actuar sen danar o marisco”, informan dende a goberno local, que tamén constata que só se recorrerá a voluntarios se é preciso. Dende o concello tamén confirman que se realizarán tres inspeccións diarias doas areais e farase “un seguimento exhaustivo do estado do mar” para detectar a chegada de pellets o antes posible.

Publicidade

Aínda que en Vilagarcía non se prevé botar man de voluntarios, en caso de que as bólas plásticas cheguen ás súas praias, haberá moitos outros areais de Galicia aos que a xente se achegue para limpar. Para iso, a Xunta vén de publicar un protocolo de actuación en negativo: remarca o que non se debe facer, non o que se debe facer. Así é que subliñan “non pisar in escarvar superficies con pellets depositados” co obxectivo de evitar o seu soterramento na area. De igual modo, “non mesturar as bolsas de lixo de pellets con outros plásticos” e, incluso, “non realizar limpeza nas zonas rochosas para evitar accidentes”. Ademais, o procolo recolle outras recomendación destinadas a manter a precaución durante a recollida dunhas bólas plásticas das que aínda se descoñecen os detalles da súa composición. Se esta fin de semana vas ir a limpar á praia, lembra protexer as mans con luvas e levar roupa e calzado axeitados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro