Nos tempos da Roma do Imperio xa existía o costume de escribir ocasionalmente sobre muros e columnas. Ás veces pintadas, outras esgrafiadas. Os cidadáns facían delas os seus lenzos, con consignas políticas, insultos e ata declaracións de amor escritas nun latín vulgar. Esta arte foi medrando ata a aparición do aerosol en 1960 e o Getting Up (1982) de Craig Castleman dende Estados Unidos. O resto é historia. Agora hai moitos grafiteiros mundialmente coñecidos, como Bansky ou Keith Haring. Pero en España tamén existen referentes: este é o caso de Muelle, madrileño e pioneiro do grafiti, famoso pola súa firma cunha frecha ao final. Pero sabías que temos un anaco da súa historia en Galicia? Así o están a estudar dende a Universidade de Vigo.
Juan Carlos Argüello foi o primeiro mozo en ser considerado artista urbano durante a movida madrileña. Pero nunha parede agochada da Praza de Compostela, na cidade olívica, atópase unha mostra da súa firma. O artista urbano Alberto Santos Hermo-Ash traballa xunto aos investigadores do CINTECX (Centro de Investigación en Tecnoloxía, Enerxía e procesos Industriais) Laura Andrés Herguedas, Santiago Pozo e Teresa Rivas para coñecer máis sobre a pegada galega do de Madrid.
Estes vestixios de spray pasaron de ser consideradas un acto de vandalismo a estudarse dende as universidades, como están a facer dende o grupo GESSMin. A partir da contextualización histórica e da contorna desta obra de Muelle, os investigadores analizan as firmas do seu redor e mesmo o pavimento para comprender como, onde e cando se realizou. Con todo, a maneira na que se estuda un grafiti é substancialmente distinta a como se analiza a pintura clásica: “As pinturas empregadas no grafiti urbano son modernas, diferentes das utilizadas na pintura mural antiga”, explica a profesora titular da UVigo Teresa Rivas. Entón, como se estuda o grafiti?
Cámaras hiperespectrais e micro-mostras
Na investigación arredor de Muelle, o equipo utlizou unha cámara hiperespectral e outra dixital para poder rexistrar todos os detalles que non se poden percibir a simple vista. Tal e como explica Rivas, “ambas recollen información da radiación reflectida polos obxectos, pero con distinta resolución espectral e sensibilidade”.
Desta maneira, a cámara dixital só rexistra tres cores básicas do espectro visible (vermello, verde e azul, RGB polas súas siglas en inglés), do mesmo xeito que fai o ollo humano. Pola contra, e a cámara hiperespectral é moito máis precisa, capaz de rexistrar centos de bandas espectrais, incluíndo algunhas que non vemos como o infravermello próximo (rango VNIR). A limitación das primeiras é a dificultade para diferenciar superficies que presentan aparentemente a mesma cor, mentres que as segundas son capaces de identificar diferenzas en superficies nas que os nosos ollos perciben a mesma cor. Esta variación é fundamental no estudo.

Pero os investigadores tamén recollen mostras, como o fan os biólogos: “Nos estudos de patrimonio cultural teñen que ser moi pequenas e, ao mesmo tempo, representativas do que se quere estudar”, aclara a profesora da UVigo. Para evitar o dano, tratan de aplicar previamente técnicas non destrutivas in situ, como a cámara hiperespectral. Por exemplo, na firma de Muelle recolleron mostras de aproximadamente 2 mm2, analizadas mediante microscopia óptica, electrónica de varrido e outras técnicas espectrométricas para coñecer a súa composición.
Así puideron coñecer o tipo de polímero orgánico da pintura e a natureza das cargas, que son as impresións dixitais da pintura moderna. Tamén observaron o espesor da capa, a relación co soporte, a existencia de repintes ou pintadas previas, a formación de fisuras ou mesmo a presenza de factores deteriorantes, como os sales precipitados.
O grafiti como produto químico
Como vedes, a química ten un papel importante no estudo da arte. Os procesos derivados desta ciencia permiten identificar tanto os compoñentes inorgánicos, como os minerais que antigamente daban cor vermello-cinabrio ou azul-lapislázuli ás obras, como os orgánicos, como o ovo ou coláxeno usados como aglutinantes na pintura mural medieval. “A química pode diferenciar entre unha pintura de grafiti, unha pintura mural medieval e unha pintura rupestre prehistórica”, aclara Teresa Rivas.
Pero para coñecer o quebracabeza detrás das pinturas comerciais usadas na arte urbana, hai que afondar. Segundo a investigadora do CINTECX, son produtos complexos e protexidos por patentes, e quen as usa non coñece a súa composición exacta. De feito, aínda que existen as pinturas acrílicas ou as alquídicas, cada marca emprega fórmulas propias que o público xeral non sabe. A raíz deste comportamento, “é imposible distinguir, só analizando a pintura, un grafiti actual doutro realizadofai dez ou vinte anos“, explica Rivas, pois a antigüidade ou a atribución só pode estimarse de forma indirecta a través da contorna e o contexto. Neste caso, é vital o papel dos estudosos de historia da arte.
A pegada de Muelle en Vigo
O estudo non contou só cun verdadeiro equipo de ciencia forense dedicado aos grafitis, senón que tamén contaron con fontes para coñecer a historia tras deste exemplar de Argüello situado na Praza de Compostela. O contacto co seu irmán, Fernando, permitiu confirmar a súa autoría, aínda que xa era un fito coñecido na comunidade local de escritores de grafiti. A través de análises morfolóxicas e comparación con outras firmas do autor, puideron observar que a “pintada” de Vigo coincide co modus operandi e a acotación no tempo de Muelle.
Concretamente data de 1989, feito nunha das súas visitas a Vigo, onde participou nun festival benéfico coa súa banda La Coartada na sala Nova Olimpia, situada a poucos metros da ubicación actual desta pintura. “Deixou constancia desta visita nos seus diarios”, concreta a investigadora. Neste momento, Muelle atopábase nunha etapa de madurez artística, e pistas como as dimensións, a altura, o tamaño, a proporción e o trazoforon indispensables para atribuírlle esta obra.
Agora mesmo, esta firma atópase á intemperie, nunha Galicia asolada polas borrascas. Segundo Teresa Rivas, os seus maiores inimigos son a chuvia e a humidade, sumadas a unha complicación: o soporte da obra é de carbonato de calcio e xeso, polo que estes elementos naturais poden disolvelo, algo que incrementa pola ausencia dun adecuado mantemento.
Conservación e posta en valor
Pero cal é o plan que se debe levar a cabo para que este grafiti se conserve e non desapareza? “O punto de partida é dalo a coñecer e trasladar o valor que ten dende o punto de vista cultural“, asegura a investigadora da UVigo. Moitos actores poden contribuír na súa conservación, dende a comunidade veciñal, asociacións culturais e mesmo o concello, a fin de crear un plan que permita mantelo no tempo. “Se non se coñece a súa existencia nin se pon en valor, estará condenado a desaparecer, xa que é unha arte efémera”, engade.

O grafiti, obxecto de grafomotricidade e xogo, é tamén visto como un símbolo de progreso e liberdade. Os artistas non querían vandalizar as fachadas dos edificios; querían que a súa voz se escoitase, e se non se escoitaba, escribíase. Así, plasmaban as súas ideas nos lenzos máis grandes: as rúas. “Muelle representa un fenómeno propio dunha era analóxica e un tanto inxenua na que comezabamos a ver o futuro con esperanza; é o símbolo dunha época que non se vai repetir”, conclúe
Referencia: Documenting a Graffiti Tag by Muelle, a Pioneer of Graffiti Art in Spain (Publicado en Heritage)














