2025, un ano clave na loita contra o ecobranqueo

*Un artigo de Logo The Conversation

A conciencia ecolóxica é cada vez maior na sociedade e non parece haber volta atrás dada a actual crise global á que nos enfrontamos. Cabe lembrar ás pioneiras como Rachel Carson coa súa Primavera Silenciosa ou Erin Brockovich coa súa loita legal, que supuxeron fitos importantes no desenvolvemento do pensamento ambiental.

Publicidade

Lamentablemente, esta actitude proactiva polo medio ambiente é aproveitada en certos casos, de forma inconsciente ou consciente, por algunhas marcas ou gobernos para posicionar como ecolóxico o que realmente non o é.

Esta actitude é o que se denomina no seu termo en inglés como greenwashing, que se traduce ao español por diferentes termos: ecobranqueo, branqueo ecolóxico ou lavado verde.

Publicidade

O papel do consumidor

Fronte a esta actitude pouco ética, os consumidores só se poden protexer cunha maior formación. Pero isto non significa que se deba facer recaer exclusivamente sobre eles a loita contra este engano, xa que a información é realmente profusa e, ás veces, preséntase de maneira moi técnica.

Así, poden introducirse indicadores ambientais complexos para o público como, por exemplo, a formación de fotooxidantes (substancias reactivas nocivas na atmosfera) ou a eutrofización (exceso de nutrientes nun sistema acuático) expresadas en valores normalizados ou adimensionalizados moi pequenos, da orde de 10⁻¹² ou 10⁻¹⁵ con relación a unha área xeográfica específica. Así, só os expertos poderán interpretar a representatividade real do impacto ambiental destes números e indicadores.

Tamén se pode cernar parte da información, ofrecendo só os datos das fases do ciclo de vida máis favorables. Por exemplo, indicar nun produto o beneficio ambiental da utilización de materiais reciclados (efecto positivo), pero obviando un transporte procedente das antípodas ou o consumo de fueloil pesado (que teñen un efecto negativo sobre o medio ambiente).

A responsabilidade da empresa

As ecoetiquetas naceron para tratar de axudar os consumidores na identificación daqueles produtos que destacaban nun ou varios indicadores ambientais.

Desafortunadamente, a avalancha actual da oferta —a páxina web Ecolable Index recolle as características de 456 ecoetiquetas de 199 países— supón un galimatías por onde se pode coar “un lavado e centrifugado ecolóxico”.

De feito, a Unión Europea (UE) definiu no ano 1992 a ecoetiqueta europea para tratar de harmonizar os criterios de relevancia ambiental para cada tipo de produto (aplicable aos fabricados na UE e aos importados de terceiros países), así como utilizar un único logo que permitise unha identificación común dos produtos ecolóxicos en toda a Unión.

Por desgraza, os alimentos e medicamentos quedaron fóra da súa cobertura ao lexislarse por directivas comunitarias de rango superior. Isto fixo que exista unha explosión de ecoetiquetas de carácter voluntario nestes dous sectores, sobre todo para a visualización da pegada de carbono, o que se relaciona coa categoría ambiental de quecemento global producido polas emisións de gases de efecto invernadoiro.

Algunhas das ecoetiquetas de pegada de carbono aplicadas ao sector alimentario. G. Feijoo

A función dos lexisladores

Por todo iso, non quedou máis remedio que tentar poñer un pouco de orde neste caos para que produtores e consumidores teñan unhas regras de xogo comúns.

En marzo de 2024 publicouse a Directiva 2024/825 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao empoderamento dos consumidores para a transición ecolóxica mediante unha mellor protección contra as prácticas desleais e unha mellor información. O seu cumprimento fixouse como moi tarde para o 27 de marzo de 2026, polo que este ano é clave para a súa aplicación.

Os eixos sobre os que pivota esta directiva son os seguintes:

  • Información. Quedarán prohibidas as alegacións ambientais xenéricas (neutralidade climática, descarbonización…) ou outra información que induza a engano (circularidade, reciclabilidade…) que non estean apoiadas por análises precisas e transparentes.
  • Ecoetiquetas. Só se aceptarán etiquetas de sustentabilidade baseadas en sistemas de certificación establecidos polas autoridades públicas como vía esencial para garantir a súa transparencia e credibilidade.
  • Garantía. Debe proporcionarse información específica sobre a durabilidade e a reparabilidade do produto. Ademais, no que se refire aos bens con elementos dixitais, aos contidos dixitais e aos servizos dixitais, débese informar os consumidores sobre o período de tempo durante o cal se dispón de actualizacións gratuítas de software.

Aínda que os tempos que corren parezan algo grises para a consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030, a experiencia sinala que un bo desempeño ecolóxico sempre redunda nun bo desempeño económico. É un binomio que non falla e que permite situar a innovación no centro do desenvolvemento sostible.


Cláusula de divulgación: Gumersindo Feijoo Costa non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

Gumersindo Feijoo Costa / USC
Gumersindo Feijoo Costa / USC
Catedrático de Enxeñería Química. Centro de Excelencia CRETUS da Rede CiGUS, Universidade de Santiago de Compostela

1 comentario

  1. Seica en galego poderíamos usar o termp “ecobranqueo”… en español non. A expresión “en inglés como greenwashing, que se traduce ao español por diferentes termos: ecobranqueo, branqueo ecolóxico ou lavado verde” para alén de erro denota revela unha má tradución do orixinal en lingua castelá.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución

O océano está cheo de oíntes… e a maioría escoita mellor ca nós

O son viaxa aproximadamente 4,5 veces máis rápido en auga de mar que no aire. Por Antonio Figueras

O CiQUS obtén o selo de Unidade de Excelencia María de Maeztu

O centro da USC recibirá arredor de tres millóns de euros para os próximos catro anos a través do recoñecemento do Ministerio de Ciencia

Que nos di a escuma do mar da saúde das praias?

O fenómeno xérase pola axitación producida pola forza das ondas e dos ventos que, ao combinarse coa materia orgánica disolta, forma unha dispersión de auga e burbullas de aire. Por Gumersindo Feijoo Costa