A Casa de Galicia en Madrid acolle a exposición sobre o Matemático Rodríguez

A mostra homenaxea a figura do primeiro científico galego internacional e fai un percorrido pola súa traxectoria vital e profesional

A Casa de Galicia en Madrid acolle a exposición José Rodríguez. O Matemático de Bermés que, logo de pasar con pola cidade de Santiago e polo Concello de Lalín, recala agora en Madrid, onde permanecerá ata o 28 de febreiro. Esta mostra enmárcase dentro dos actos de homenaxe da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) ao Científico Galego do Ano 2024. A exposición realízase en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; a Universidade de Santiago (USC); o Consello da Cultura Galega; e o Concello de Lalín. Esta iniciativa completarase cunha conferencia do catedrático da USC Francisco Díaz-Fierros o vindeiro 17 de febreiro.

O matemático José Rodríguez (Bermés, Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824) foi un adiantado da súa época, o primeiro científico galego en alcanzar unha dimensión internacional, cun perfil liberal e modernizador. Ademais de matemático, interesouse pola xeodesia, a astronomía, a cristalografía e a mineraloxía; mantendo contactos cos científicos europeos de referencia en cada unha destas disciplinas. Nesta exposición, que abrangue unha visión moi completa deste persoeiro, pódese albiscar a súa enorme relevancia.

Publicidade

De neno labrego a catedrático de Matemáticas

A mostra divídese en oito ámbitos, onde se recolle cronoloxicamente a súa vida e actividade. Este neno labrego de Lalín converteuse en catedrático de Matemáticas na USC. Logo trasladouse a París, onde estudou Astronomía e Altas Matemáticas. Participou na expedición internacional que permitiu definir o metro como unidade de medida. Tamén estudou en Inglaterra e regresou a Galicia como catedrático de Matemáticas Sublimes na USC, sendo profesor de Domingo Fontán. De seguido trasládase a Alemaña e posteriormente volve a París, momento no que mercou e remitiu instrumentos científicos para a USC e para o seu discípulo Fontán.

No eido da Astronomía, foi profesor e tamén dirixiu o Observatorio de Madrid. Foi deputado por Galicia e implicouse na creación dunha Universidad Central, xerme da actual Universidad Complutense de Madrid. Así mesmo, realizou calendarios agrícolas para Galicia e Asturias. Pasou os derradeiros meses da súa vida en Santiago, onde faleceu en 1824 e foi soterrado na igrexa de Santo Agostiño.

Publicidade

Que se pode ver na mostra?

Como bens materiais, Rodríguez deixou libros, mapas, algúns instrumentos científicos e coleccións de mineraloxía que se expoñen nesta mostra, enviados na súa maioría polo matemático á USC por consideralos fundamentais para “la enseñanza pública”. É o caso dun metro patrón de latón de 1817, subdividido en milímetros, traído polo homenaxeado desde París e que se garda na facultade de Física da USC. Así mesmo, pode admirarse o teodolito que Domingo Fontán empregou para realizar a Carta Xeométrica de Galicia e que na actualidade se atopa na facultade de Xeografía e Historia da USC.

O abade René Haüy, considerado o fundador da cristalografía, regaloulle unha colección de 1.024 modelos cristalográficos feitos en madeira de pereira, que se conserva no Museo de Historia Natural da USC, unha selección da cal se exhibe nesta exposición. Esta colección acrecentou o interese dos científicos pola cristalografía e contribuíu a que a universidade compostelá tivese a primeira cátedra de España nesa ciencia.

Entre o material cedido por outras institucións, destaca unha maqueta do Observatorio Astronómico Nacional (OAN) e un círculo de Borda (tamén do OAN), empregado no século XVIII para medir o arco do meridiano entre Dunkerque e Barcelona, o que permitiu asignar unha lonxitude ao metro. Por outro lado, o Colexio Pío XII de Santiago colabora cedendo o seu planetario.

Documentos orixinais e contido adicional

Ademais de edicións antigas de material bibliográfico diverso, a mostra reúne unha serie de documentos orixinais vencellados ao Matemático Rodríguez como a súa acta de nacemento ou o seu título de Bacharel en Filosofía, cartas redactadas por el mesmo, entre outros. Inclúe así mesmo dous vídeos, un sobre a súa vida e traxectoria e outro de carácter pedagóxico, elaborado polo Consello da Cultura Galega e producido por GCiencia, sobre a medición do meridiano que fixo posible establecer o metro como unidade de medida. O Concello de Lalín realizou un folleto ilustrado e un podcast, tamén producidos por GCiencia, sobre a vida do científico, recursos accesibles tamén nesta mostra. A exposición péchase cunha biografía do homenaxeado, realizada polo astrónomo Ramón María Aller, o seu primeiro biógrafo.

Ao acto de inauguración asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema; o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Manuel Vila; o académico da RAGC e catedrático da Universidade de Santiago Juan José Nieto; ademais do director da Casa de Galicia en Madrid, Luís Ramos. Na súa intervención, Ramos destacou que “dous séculos despois, recuperamos a memoria do primeiro científico galego que tivo unha dimensión internacional”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

Xurxo Mariño recibe o Premio de Divulgación da RAGC: “A cultura científica contribúe nunha cidadanía crítica”

O galardón recoñece o labor do investigador da Universidade da Coruña, que leva máis de tres décadas difundindo coñecemento científico dende Galicia

Consecuencias da invasión

A ameaza dunha alga asiática que xa está en Galicia

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo