Galicia vivirá esta semana a chegada dos restos do furacán Kirk, transformado agora nunha potente borrasca. Tras o seu paso polas Illas Azores foi perdendo forza, baixando da categoría 4 (que estima ventos de 200 km/h e mesmo 250 km/h) ata a 2 (con ventos de 153 km/h a 177 km/h) , mais iso non evitará que afecte ao noroeste peninsular, que permanece baixo a alerta amarela dende este luns. Segundo actualizou a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir do mércores as catro provincias galegas estarán baixo alerta laranxa por chuvias e ventos.
A borrasca deixará fortes refachos de vento no interior e moi fortes no litoral galego acadando máis de 100 km/h, ademais de chuvias en toda a comunidade e un descenso pronunciado nas temperaturas. No mar, as olas acadarán alturas de máis de sete metros en toda a costa do atlántico galego. MeteoGalicia prognostica que os efectos da borrasca en Galicia faranse evidentes a partires da segunda metade do martes.
Segundo o meteorólogo do estado JJ González Alemán, o que viviremos neste comezo de semana non é outra cousa que “a transformación dun furacán“: a medida que se vai achegando á Península Ibérica, o campo de ventos intensos de Kirk deixará de ser circular e simétrico Expandirase e perderá intensidade ata converterse nunha borrasca ou ciclón extratropical. Aínda así, sinala Alemán, o temporal será importante. Meteored advirte que, tras o paso do ex furacán Kirk, podería xerarse outra profunda borrasca atlántica, a cal traería de novo un temporal de vento e acumulacións de auga importantes no oeste peninsular.
O tempo, marcado polas borrascas atlánticas
Dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) sinalan que o tempo na Península Ibérica virá marcado pola influencia de distintas borrascas atlánticas, sendo unha delas a do ex furacán Kirk, mais non a única que afectará a Galicia: segundo Meteored, o seu paso por España coincidirá cunha borrasca atlántica no Reino Unido. Xuntas, impulsarán un río atmosférico de cara á Península.
No caso das provincias da Coruña e Pontevedra, a meirande parte do seu territorio, tanto no interior como no litroal, amence neste comezo de semana baixo alerta amarela por chuvias. Para o martes, a alerta estenderase a Lugo e Ourense no que respecta á chuvia, activándose unha alerta laranxa no litoral atlántico.
Ademais das intensas acumulacións de auga, Galicia permanecerá baixo alerta polos fortes refachos de vento, máis evidentes nas zonas de costa: segundo informa Eltiempo.es, os ventos poderían chegar a ser furacanados, superando os 118 quilómetros por hora e xerando problemas nas rexións litorais do norte. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro descenso esta semana. Porén, as máximas manteñen valores suaves e, en todo caso, non superarán a media dos 20 graos. Para o mércores, Galicia enteira ficará baixo alerta laranxa por fortes ventos e importantes acumulacións de auga.
Xa a partir do xoves, comezará a experimentarse na comunidade unha situación intermedia. Agárdase un tempo tranquilo, con chuvias escasas e un predominio do tempo seco. O vento pasará a ser frouxo, e as temperaturas suaves. MeteoGalica prognostica unha fin de semana con maior probabilidade de precipitacións “por mor da chegada dunha baixa dende o sur”.