A vocación de Yolanda Prezado pola ciencia naceu nunha casiña situada ás aforas de Verín. Alí, a actual investigadora mantiña un contacto constante co medio natural e realizaba observacións astronómicas como podía, sendo aínda unha nena. Polo interese que lle espertaba a medicina e a natureza estivo a piques de decantarse por estudar bioloxía, mais ao final os libros que lía naquel momento e esas observacións do ceo nocturno tiraron dela cara a física. Con todo, nunca esqueceu este outro interese, chegando a combinar ambas disciplinas para estudar a protonterapia. Esta investigación levouna a traballar intensamente en Francia, mais grazas ao programa Oportunius, impulsado pola Axencia Galega de Innovación e no que está contratada desde este ano, comezou a pensar na súa volta á Galicia.
“Hai 30 anos, na carreira de física, había especialidades como a electrónica ou a óptica, mais non había a posibilidade da biofísica. Fixen a miña tese en física nuclear experimental e grazas a iso cheguei a grandes instalacións europeas, que si contaban con programas de física médica con novas técnicas de radioterapia”, remarca sobre o momento no que decidiu que quería seguir por este camiño.
Esta decisión levouna a preparar o exame de Radiofísica Residente (RFIR) e a acabar traballando nun hospital: “Eu quería facer investigación tamén, pero era difícil compaxinala nun centro clínico, e máis como residente coa carga de horas de traballo que tiñamos. Ademais, non había moitos medios para facer investigación”. Foi cando comezou a traballar como adxunta nun hospital en Pamplona que se deu de conta de como botaba de menos esta faceta súa e decidiu enviar varios currículos, comezando así a súa etapa en Francia.
Ampliando a visión da radioterapia
A primeira parada en Francia foi o European Synchrotron Radiation Facility (Instalación Europea de Radiación Sincrotón), situado en Grenoble. Alí, Prezado puido retomar a súa carreira científica, entrando a traballar ademais como científica de liña. Grazas a esta experiencia, máis adiante puido optar ao posto permanente como científica titular no Centre National de la Recherche Scientifique (Centro Nacional da Investigación Científica, CNRS), o maior organismo de investigación pública do país. Ademais, tamén chegou a dirixir o laboratorio Novos Enfoques en Radioterapia (NARA) no Instituto Curie (París).
“Nos últimos anos está habendo un cambio de paradigma con respecto á radioterapia. Leva evolucionando desde o seu nacemento no século XIX, mais esta evolución estaba guiada polos avances tecnolóxicos, especialmente nos aspectos de guía por imaxes ou aceleradores. Desde hai uns anos estase vendo que se utilizamos a radioterapia de maneira diferente podemos cambiar os efectos biolóxicos. Estamos entrando nunha nova etapa: a radioterapia guiada pola bioloxía“, explica a investigadora. Por este motivo, considera que o momento actual é un dos máis interesantes para traballar neste eido: “Estamos ante unha auténtica revolución, como non a había desde os anos 60 na radioterapia”. O obxectivo? “Avaliar os efectos biolóxicos de distintos tipos de radiación así como dos distintos modos de depositala”.
Un dos grandes retos actualmente, segundo Prezado, é lograr atraer a biólogos que teñan interese en investigar na radioterapia, de maneira que se poidan crear grupos interdisciplinares. Esta é, precisamente, unha filosofía fundamental para a investigadora: “Sempre procuro contar no meu equipo con físicos, biólogos e inmunólogos, así como cunha colaboración estreita cos médicos”.
Falta de apoios
Con todo, un dos problemas que sinala a investigadora para atraer a máis profesionais a este eido é a fata de apoios para a investigación en radioterapia: “Os hospitais en España, en xeral, están ben dotados. Os tratamentos clínicos tamén están moi ben. Pero case non hai radiobiólogos en España. Hai moita investigación dedicada a outros campos, como a inmunoterapia, mais hai que ter en conta que a radioterapia trata á metade dos pacientes de cancro cun 5% do custe total destes tratamentos. É unha técnica moi rendible custo-efecto”.
Neste sentido, Prezado expón que a maior parte dos pacientes non coñecen a radioterapia antes de chegar a tratarse con ela, “sendo unha técnica que salva tantas vidas”. Por isto, defende que debería contar con máis impulsos para darlle a visibilidade que merece.
Entre as medidas que propón para impulsar a investigación básica transnacional en España están a creación de paneis específicos para valoración de cancros para a radioterapia e a combinación desta técnica con outras. “Aínda que a inmunoterapia funciona nalgúns casos, atópase con moitos problemas á hora de funcionar en tumores sólidos, mais a radioterapia podería axudar a facer que o tumor responda mellor“.
Mini-feixes de protóns
En 2018 logrou a bolsa Consolidator Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) para o seu proxecto PROTONMBRT. Esa iniciativa segue a investigación dunha técnica de protonterapia proposta por Prezado en 2013: a radioterapia con mini-feixes de protóns. “Reduce enormemente os danos nos tecidos, logrando ademais un control superior á radioterapia ou protonterapia convencional en tumores cerebrais como os gliomas, que son moi agresivos e que a día de hoxe non teñen esperanza”, explica.
Estes resultados foron vistos en investigacións realizadas con modelos animais. Actualmente están comezando os tratamentos cos primeiros pacientes humanos nos Estados Unidos, “con moi bos resultados”, di a investigadora.
A pesar da gran evolución que tivo a radioterapia desde o seu nacemento, logrando unha taxa reducida de efectos secundarios na maior parte dos tratamentos, “hai casos nos que os tumores son moi agresivos, ou incluso radiorresistentes, de maneira que as doses que se necesitarían para eliminalo producirían danos moi importantes“. Este é tamén o caso dos tumores pediátricos, onde tamén se teñen detectado “efectos secundarios a nivel cognitivo” ao cabo dos anos.
Ademais, a investigadora sinala que, se ben é unha técnica que naceu con este propósito de reducir os efectos secundarios das doses, tamén podería ser aplicada a máis cousas a medida que se vaia investigando máis sobre o seu uso.
Foi cando logrou este ERC cando comezou a pensar no seu retorno á Galicia, mais aínda non se daban todas as condicións que precisaba: “Tendo unha praza permanente xa era máis difícil moverme, pero ademais non había centros de investigación de protonterapia en España. Isto mudou a raíz da doazón de Amancio Ortega”. Este é o momento no que a investigadora considera que comezou a desenvolverse a investigación arredor desta técnica, impulsando ademais a comunidade: “Había motivación para intentar situarnos na póla da investigación en protonterapia e radioterapia en xeral”. Foi este cambio de circunstancias o que a achegou ao programa Oportunius e que lle deu os azos para volver á súa terra.
Actualmente, desenvolve o seu traballo no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) dirixindo o grupo Novos enfoques en radioterapia.
Os próximos dez anos
Tendo en conta a traxectoria das técnicas de radioterapia nas últimas décadas e o cambio de paradigma dos últimos anos, Prezado mantén que é un eido de gran interese no que traballar, mais tamén que a próxima década estará marcada por cambios radicais. “A radioterapia intervén na curación de máis da metade dos pacientes de cancro, mais, coas novas técnicas, conceptos e tecnoloxías, de aquí a dez anos podemos facelo mellor e curar tumores que hoxe teñen un diagnóstico nefasto”.