Venres 19 Abril 2024

Como producir máis alimentos do mar? Reducir emisións e expandir a maricultura, as claves

Un estudo publicado en Nature, no que participa a galega Elena Ojdea, aborda por primeira vez a relación entre pesca, acuicultura e cambio climático

Estamos nun escenario de progresivo incremento da poboación mundial. Agora, un estudo internacional publicado en Nature, e no que participa a investigadora galega Elena Ojea —única autora española do artigo—, propón que a produción de alimentos dos océanos se pode incrementar a través dunha acción rápida e ambiciosa, malia que o cambio climático estea a poñer a proba a súa capacidade de satisfacer a demanda crecente de produtos do mar. Segundo propoñen, isto podería conseguirse coa redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, ademais de reformando a pesca de captura e expandindo a maricultura (acuicultura mariña) sostible.

Os autores de Expanding ocean food production under climate change inciden no seu traballo en que o futuro dos produtos do mar depende das respostas humanas ao cambio climático, ao tempo que alertan de que as reformas pesqueiras, aínda que necesarias, serán insuficientes para manter a produción de peixe e marisco per cápita, incluso con reducións agresivas nas emisións. Non obstante, o potencial da maricultura sostible, sinalan os investigadores, podería aumentar a produción, aínda que estes incrementos están supeditados ás reformas pesqueiras, aos avances nas tecnoloxías de produción dos pensos, ao establecemento dunha maricultura eficaz, ademais de a unha redución drástica das emisións. E é que, segundo os e as autoras do artigo, o cambio climático non é o factor máis limitante para a expansión sostible da maricultura.

Publicidade

Existen localizacións nas que o impacto do cambio climático será negativo e non se poderá compensar con adaptacións

Elena Ojea, investigadora da Universidade de Vigo (Uvigo), considera este traballo unha novidade porque “nunca antes se vira a nivel global a relación entre pesca e acuicultura baixo o cambio climático, no senso de que a produción pesqueira e a maricultura poidan compensarse ou planificarse a nivel de países baixo diferentes escenarios futuros”. Cun achegamento máis transversal co foco posto na alimentación do mar, en Expanding ocean food production under climate change “centrámonos nos escenarios de descenso de emisións, vemos que se necesitan importantes reformas na pesca, como acordos internacionais e un manexo adaptativo”, sinala a investigadora do Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Uvigo. Non obstante, o traballo conclúe que, aínda que se realice unha reforma integral da pesca, que é necesaria, existen localizacións nas que non será suficiente, e o impacto do cambio climático será negativo e non se poderá compensar con adaptacións. “Neses casos, vemos que unha expansión sostible da maricultura pode chegar a compensar as perdas por pesca. Por iso facemos a recomendación da posibilidade de investir en acuicultura mariña sostible neses lugares”, explica Ojea.

Os países con baixos ingresos, os máis prexudicados

O artigo, que tamén conclúe que as reformas serán cada vez máis difíciles de implementar co empeoramento do cambio climático, advirte que os seus efectos desproporcionados nos países das rexións tropicais con baixos ingresos, poderían exacerbar os problemas económicos existentes. Consideran os autores da investigación que as reformas esbozadas son ambiciosas, pero alcanzables, e aínda que recoñecen a mellora na xestión acadada en máis da metade das pesqueiras mundiais, lembran que os avances focalízanse nos países con maiores ingresos, polo que deben ser aplicados nas rexións con menos recursos económicos, contribuíndo así aos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas.

“Todos os países poden colaborar cos seus compromisos de redución de emisións”

O estudo debe ser considerado, segundo os seus autores, un achegamento ao problema que demostra que hai un amplo potencial para a expansión da alimentación do mar, pero para a acción local farán falta máis evidencias e análises que quedan sen ver a este nivel, como o acceso aos recursos para a poboación local, ou a planificación necesaria para expandir a maricultura. Non obstante, a mensaxe de mitigar o cambio climático para favorecer a alimentación do mar no futuro é clara e neste ámbito todos os países poden colaborar cos seus compromisos de redución de emisións”, detalla Ojea sobre a investigación realizada.

Por un futuro máis sustentable

Elena Ojea comezou a colaborar co grupo de pesca sostible da Universidade de California Santa Bárbara no ano 2013 e o artigo que hoxe publica Nature xurdiu dunha estancia realizada en 2019, momento no que comezaron a traballar nun informe para o High Level Panel for a Sustainable Ocean Economy (Ocean Panel), que finalmente evolucionou á publicación Expanding ocean food production under climate change. “A miña participación nace coa concepción do estudo xunto aos investigadores de Santa Bárbara, onde xa durante o meu postdoc discutimos como proxectar os impactos do cambio climático na produción pesqueira. Grazas á capacidade técnica e de persoal que teñen alí, xurdiron varias análises combinando modelos climáticos e ecolóxicos con proxeccións económicas e eu puiden colaborar de cerca nestas análises e proxeccións e axudei a interpretar os resultados e as implicacións para o futuro da alimentación mariña”, explica a investigadora do Future Oceans Lab da UVigo.

A investigadora do Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Uvigo Elena Ojea

Ojea considera que participar nesta investigación achegoulle unha visión “transversal e mecanística” para entender como se realizan as análises globais de pesca baixo os impactos de cambio climático, “e é que existen poucos modelos que se poidan empregar e esta publicación xorde dun deles. Grazas a este artigo e a o meu traballo no IPCC agora teño unha visión profunda de que temos detrás dos estudos que aparecen, e de todo o que a ciencia alcanza e poderá mellorar”, considera a investigadora.


Referencia: Expanding ocean food production under climate change (Publicado en Nature)

*Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón

1 comentario

  1. Interesante artigo. Para min o futuro é o decrecemento, a acuicultura sostible de momento non existe, na maioria dos casos está a producir impactos muy serios e a súa repercusion sobre os ecosistemas mariños non está ben estudiada inda. Temos que deixar de pensar en producir máis e crecer máis, consumir cercanías e decrecer.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático