Un 9 de marzo coma o de hoxe —en 1695— nacía Frei Martín Sarmiento, un frade beneditino do século XVIII ao que se considera un dos pais da filoloxía galega. Porén, algúns tamén o reivindican como o primeiro naturalista polo seu interese e contribucións á historia natural, que pasou máis desapercibida que o seu labor en defensa da lingua. Un destes defensores é o mestre Rafael López Loureiro, que impulsou por iniciativa propia o Día do Naturalismo Galego. Este xoves celébrase por primeira vez.
A proposta conta co apoio da Real Academia Galega de Ciencias, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega e presentouse a semana pasada coa pretensión de focalizar a “atención na importancia da natureza”. Varias asociacións pola defensa do medio natural, como ADEGA, Federación Española de Galgos (FEG), Grupo Naturalista Hábitat, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e Verdegaia, secundan a iniciativa. Tamén asinan o manifesto que López Loureiro publica no seu blog. Esta é unha carta na que alaba o traballo dos naturalistas e alerta ás institucións dos perigos de morte das aves polas turbinas eólicas mariñas, que, pola imposibilidade de crear rexistros, serán “crimes perfectos”.
Defensor da lingua e amante da historia natural
O seu nome non era Martín Sarmiento; era, en realidade, Pedro García Balboa. Cambiouno en Madrid, onde chegou en 1710 para tomar o hábito da orde beneditina, como recollen varias investigacións sobre a súa vida. Entón, cambiou o seu nome por “Martín García Sarmiento” para honrar ao patrón do seu convento e á liñaxe familiar dos Sarmiento.
A súa primeira obra en galego foi Coloquio de 24 gallegos rústicos, que escribiu cando lle era descoñecida a literatura galega medieval. Para o frade era de vital importancia a necesidade de darlle ao galego unha ortografía, unha gramática e un dicionario. A publicación forma parte desta intención, pois “foi concibido máis como un catálogo de termos galegos para o Comento que lle segue, formando con él o Glosario en que se trata del origen antiguedad etimologías y esplendor de la Lengua Gallega, que como un simple exercicio literario”, explica a Real Academia Galega. No Glosario Sarmiento defendía a dignidade do galego e unha identidade propia respecto do castelán e do portugués.
Segundo os apuntes biográficos de Judith del Blanco Maurel y María Asunción Sánchez Manzano sobre a vida de Martín Sarmiento, houbo dúas viaxes a Galicia que aumentarían o seu interese polo medio natural. En 1745 aproveitou un desprazamento a Valladolid para volver á terra que o viu nacer. Daquela, interesouse pola tradición, as letras, a flora e a fauna galegas. A segunda destas viaxe data do 5 de maio do 1754, cando incrementou os seus coñecementos da botánica autóctona. Nese tempo, escribiu os seus Pensamentos Crítico-Botánicos (1752-1762).
López Loureiro sinala o abandono os aspectos naturalistas da súa obra e o seu descoñecido rol como introdutor do cultivo do amorodo en España. A través do seu blog, fai un labor activo para enxalzar o labor dos naturalistas e dedícalle un texto como padriño do naturalismo: Padriño que non sería un santo celestial de mérito difuso, senón un freire vivo do Reino de Galicia, da boa vila, Pontevedra, un home laborioso a todas horas, infinito lector curioso, avogador de naturalismos, un sabio precursor de futuros silandeiro e humilde, que aprendía dos iletrados, da infancia, da ancianidá, que no seu tempo e sendo primeiro, foi quen máis e mellor defendeu, que en España se instaurasen os estudos de ciencias naturais que hoxendía existen.
Pontevedra, patria de Sarmiento
A súa entrada en Wikipedia, blogs e artigos xornalísticos recollen que o pai do naturalismo naceu en Vilafranca do Bierzo, e así o dan por bo numerosos estudosos da súa vida e obra. Esta tese consolidouse trala súa morte —despois dunha vida dicindo que era galego de Pontevedra— pola inscrición da lápida de Martín Sarmiento e pola Oración fúnebre predicada por Anselmo Avalle. Esta é unha afirmación que discute o doutor en Pedagoxía José Santos Puerto, gran coñecedor da figura do Frei Sarmiento, no estudo Martín Sarmiento, natural de San Juan de Cerdedo. O investigador defendeu que o frei era natural de San Xoán de Cerdedo (Pontevedra).
Sarmiento non entregou ningunha partida que lle sinalase como natural de Vilafranca. Pero pode manterse unha suposición parecida con referencia a San Juan de Cerdedo: como Sarmiento era consciente de que alí non podía atoparse a súa partida, preferiu calar o lugar exacto do seu nacemento, a propósito de que a súa procedencia pontevedresa era pública e notoria. Por iso sempre continuou manifestando que era galego e que Pontevedra era a súa patria. E como tal, é dicir como galego natural de Cerdedo, en Pontevedra, creo que debe ser tido Martín Sarmiento a partir de agora. Polo menos mentres non se mostren outros documentos que digan o contrario.