Cando a malaria era unha doenza común en Galicia

As chamadas 'febres terzás', o 'mal aire' ou as 'maleitas' foron habituais no país ata o século XIX, e así aparecen en documentos históricos e literarios

A malaria é hoxe unha doenza que asociamos con viaxes exóticas, especialmente á África subsahariana. De feito, a Real Academia Galega define o paludismo como “Enfermidade parasitaria propia das zonas tropicais”. Pero a realidade era moi distinta hai ben pouco tempo. Porque, ata o século XIX, a malaria era común en Galicia, e aparece reflectida en documentos históricos, nas crónicas do padre Sarmiento, nos libros parroquiais de defuntos e mesmo nun poema de Rosalía de Castro. Volvían infectados moitos galegos que marchaban á sega en Castela, e mesmo a través das propias lagoas de Galicia, os mosquitos do xénero Anopheles transmitían o parasito Plasmodium, que provocaba as ‘febres terzás’ que foron moi comúns no país ao longo da historia.

A investigadora Olalla López Costas, antropóloga física da Universidade de Santiago, lembraba esta semana nunha conferencia que a malaria era común no país: “Para nós, actualmente o paludismo semella algo que é de África, pero en realidade sempre foi endémica en Europa, de Finlandia a España. Está relacionada con auga estancada de pouca profundidade e non foi ata o século XIX que se estendeu por todo o mundo”.

Publicidade

Como anécdota, a doutora López Costas lembraba que a súa propia avoa padeceu paludismo, “que era moi común… de feito non desapareceu do delta do Ebro ata que foi desecado”. Na antiga Roma tamén foi controlada cando se desecaron os pantanos. E algunhas teorías afirman que as febres palúdicas están entre as razóns de que fora desecada a lagoa de Antela, en Ourense.

Gráfico sobre a malaria presentado por Olalla López na súa conferencia.

Antela foi destruida en 1958, en pleno franquismo, pero houbo sete intentos previos para desecar este humidal. En 1831, o cóengo cardeal da Catedral de Ourense, Juan Manuel Bedoya publicou a súa “Memoria sobre el desagüe de la laguna Antela ó de la Limia”, na que pedía que “deixen de ser farto comúns a hidropesía, a asma, a gota, a parálise, a  reuma, as febres pútridas, contraendo logo así estas como as intermitentes”. Aínda que o proxecto do século XX foi un desastre medioambiental, Bedoya aludía aquí ás febres terzás (intermitentes, relativas á malaria) que xeneraba “este nocivo charco, xerme de  putrefacción e mortaldade”.

“Naquel momento a malaria estaba moi espallada e podería ser unha das razóns da desecación”, apunta Olalla López Costas, que salienta que nos libros parroquias de defuntos aparecen por todo o país anotacións como “morto polo mal aire”, expresión que identifican coa malaria, pola súa etimoloxía.

Ademais, a investigadora da USC é experta en rastrexar as pegadas das enfermidades nos esqueletos atopados nos enterramentos en Galicia: “Podemos atopar o rastro da malaria a nivel molecular, pero tamén polo feito de que provocaba unha forte anemia que deixa un marcador nas concas dos ollos dos esqueletos”.

Cando os exércitos de Napoleón invaden Galicia, en 1809, as crónicas falan de que as tropas chegaban infectadas polas ‘febres terzás’. En Tui, onde se acantonaron os soldados do mariscal Soult, houbo centos de mortes nos meses de maio e xuño, mentres que en Vigo quedaban os militares franceses en hospitais improvisados, incapaces de combater por la febre.

No Dicionario Xeográfico-Estatístico-Histórico de Madoz, de 1845, son sinaladas varias vilas do oriente galego polas ‘febres terzanas’ como doenza recurrente, moi habitual.

O padre Sarmiento escribe no século XVIII como moitos galegos regresan da sega en Castela infectados pola malaria: “Los gallegos vienen á Castilla á cavar las viñas á segar los trigos… y cuando vuelven á su patria, van cargados de tercianas”, escribe el pensador ilustrado, que señala que la malaria “es el fruto, sobre 100 o 200 reales mordidos, que sacan de su afán. Ojalá ningún gallego viniese á Castilla a trabajar en tierras ajenas”.

Os primeiros plans para desecar Antela incluían a mención a doenzas en torno á lagoa. (Mapa de Fontán)

Sarmiento sinala que as febres terzanas tamén son coñecidas en Galicia como ‘maleitas’, que sería unha denominación propia galega da malaria.

Algúns investigadores quixeron ver en Sarmiento unha inspiración para Rosalía de Castro nos versos de “Castellanos de Castilla”, cando di que os campos casteláns “Non valen o que unha herbiña/ destes nosos campos frescos/ Sólo peçoñosas charcas/Detidas no ardente suelo”. Máis adiante, da pezoña daquelas charcas, Rosalía escribe do que traen de volta os xornaleiros galegos: “que si amargo pan vos ganan/Dádesllo envolto en veleno”. Este paralelismo entre Sarmiento e Rosalía en torno as febres terzás, foi sinalado polo polígrafo Anxo Angueira na súa obra “Das copras de Sarmiento ós cantares de Rosalía de Castro”.

Así que si: a malaria sóanos hoxe a unha exótica doenza tropical, que só tememos cando viaxamos a baixas latitudes. Pero foi unha doenza común en Galicia. Que por desgraza, pode regresar se, coa crise climática, seguen a chegar a o país novas especies de mosquitos invasores como os descubertos nos últimos anos… Pero na memoria do país están aquelas febres terzás que hoxe semellan moi de lonxe.

Dúas especies de mosquitos africanos chegan a Galicia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estes son os sitios de Galicia onde haberá treboadas este mércores

A DINA prognosticada pola Axencia Estatal de Metereoloxía afectará principalmente o interior da provincia de Lugo con fortes treboadas

A guía astronómica que necesitas en Galicia este verán

As bágoas de San Lourenzo son o evento máis esperado, pero tamén se poderá observar a Vía Láctea e aliñacións planetarias

Es capaz de localizar a túa parroquia neste mapa?

A división territorial de Galicia está formada por 3.771 destas formacións, cunha maior concentración na Estrada, cun total de 51

Case o 20% da poboación galega consome alcol a diario

Un estudo publicado por investigadores da USC determina as tendencias de consumo e os factores sociais e culturais que provocan o alcolismo