Falar galego non serve de nada fóra de Galicia. O galego é a lingua do rural. Non me gusta o acento galego. E así un sinfín de estereotipos e crenzas sen fundamento que reforzan as estatísticas que tanto teme a nosa lingua. Aquelas que cada ano nos dan datos máis arrepiantes da situación na que se atopa o idioma. Porén, de cando en cando un raio de luz atravesa a escuridade. Segundo o último Barómetro das linguas do mundo, elaborado polo Ministerio de Cultura de Francia, o galego está entre os 40 idiomas máis influíntes. Sitúase no posto 37 de 634 linguas analizadas. E esta non é a única boa noticia: subiu 13 chanzos en relación ao 2017, último ano do que se teñen datos, cando ocupaba o posto 50.
A lista elabórana periodicamente Alain Calvet, doutor en Ciencias, e Louis-Jean Calvet, doutor en Letras e Ciencias Humanas, así como profesor de Lingüística. O último barómetro recolle datos de 2022 e xa configura a súa cuarta edición. Segundo explican os dous expertos, para a elaboración da lista téñense en conta ata 13 factores de clasificación como, por exemplo, a actividade dos idiomas na Wikipedia, o fluxo de traducións, a cantidade de premios literarios internacionais, a vehicularidade e a súa integración dentro do sistema universitario, entre outros. Tanto Alain como Louis-Jean Calvet cren que o número de falantes dunha lingua non pode ser o único factor que decida a súa influencia no mundo.
Preocupa a transmisión xeracional
Seguindo todos estes criterios, as tres linguas que encabezan a lista son o inglés, o francés e o español, seguidos do alemán e do ruso. O portugués baixa ao posto número 9, seguido moi de preto do catalán, que ocupa o duodécimo lugar. A seguinte lingua peninsular xa é o galego, situado no posto 37; xusto antes do éuscaro, que ocupa o 38. O hindi e o búlgaro completan a lista dos 40 máis influíntes no mundo, malia que o barómetro inclúe un total de 634 linguas.
Máis polo miúdo, o galego obtén unha puntuación de 5,538. Segundo os datos recollidos no barómetro, ten unha boa puntación na súa presenza, tanto en internet como na Wikipedia. Porén, hai outros factores que penalizan considerablemente o galego. Obtén unha puntación de 0 —dun total de 1— no que respecta aos premios internacionais, así como no status lingüístico, no que só acada un 0,011. A súa presenza na universidade tamén é moi baixa, con só un 0,2. E aínda que obtén o máximo no que respecta á súa escrita, o que suporía unha boa noticia, o máis preocupante á súa baixa puntuación na vehicularidade. De novo, un 0. É dicir, os expertos franceses consideran que xa non hai transmisión de pais a fillos.
A continuación, podes ver a lista dos 40 primeiros postos:
https://academia.gal/dicionario/-/termo/influente
A forma correta de escrever o adjetivo derivado do verbo influir é influente, já for em galego ou em português.
Consultem o dicionário da RAG, arriba no endereço