Os Premios da Academia de Ciencias recoñecen un avance contra o cancro liderado por María Mayán

Os galardóns á investigación conceden a remuneración en Ciencias Básicas ao proxecto do CINBIO pola identificación dunha nova diana terapéutica, ademais de outorgar dous accésits na mesma categoría

A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié crearon os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC, destinados a recoñecer as mellores investigacións que se desenvolven na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Os tres traballos distinguidos nesta segunda edición recibirán 5.000 euros cada un nun acto que se celebrará o 28 de xaneiro no Pazo de San Roque de Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC. Condecéronse ademais varios accésit en cada unha das tres categorías. 

Unha nova diana terapéutica fronte ao cancro

O premio na categoría de Ciencias Básicas recaeu nun proxecto liderado por María Dolores Mayán Santos, do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo, en colaboración con outros equipos nacionais e internacionais. Identificaron unha nova diana terapéutica para abordar tumores con mutacións no xen BRAF, presentes no 8% dos tumores humanos e que os fai resistentes aos tratamentos. 

Publicidade

Este traballo identifica a proteína conexina 43 como unha potente diana terapéutica, capaz de frear o crecemento dos tumores e evitar a aparición de resistencia aos fármacos, ou mesmo revertela unha vez que se teña producido. O traballo revela por que as células tumorais se desfán desa proteína para poder sobrevivir e como, ao restaurala, os tumores poden ser conducidos á morte celular. Ademais, descubriron que este efecto multiplícase ao combinalo con fármacos que tamén danan o ADN das células tumorais. Con estes resultados, os investigadores desenvolveron e patentaron unha innovadora estratexia terapéutica baseada en ARN mensaxeiro para transportar a proteína conexina 43 ao núcleo das células tumorais. Os seus achados son de especial interese para o tratamento do melanoma, do cancro de mama e do cancro colorrectal, ao tempo que abre a porta para o desenvolvemento de novas terapias para outro tipo de tumores.

Compostos orgánicos para baterías sostibles

Na categoría de Ciencias Básicas concedéronse dous accésits. Un foi para o equipo de Manuel Souto Salom, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago. Avanzan no uso de eléctrodos orgánicos en baterías debido ás súas vantaxes ambientais, económicas e tecnolóxicas fronte aos eléctrodos inorgánicos tradicionais. Salientan que “os materiais orgánicos permiten reducir a dependencia de metais críticos como o litio, o cobalto ou o níquel, cuxa extracción leva altos custos ambientais e sociais. Ademais, a súa lixeireza e flexibilidade fai posible o desenvolvemento de baterías máis ergonómicas, adaptables e biodegradables”.

Publicidade

Un dos principais desafíos é a baixa condutividade electrónica de moitos compostos orgánicos e a tendencia dalgúns materiais a disolverse no electrolito. Para superar estas limitacións, deseñaron e sintetizaron un novo polímero orgánico poroso, que, unido a nanotubos de carbono, alcanza densidades enerxéticas superiores a moitos materiais orgánicos. A súa reciclabilidade facilita a recuperación e reutilización dos materiais ao final da vida útil das baterías. En canto ao seu rendemento, estes compostos ofrecen tempos de carga rápidos e unha boa capacidade de almacenamento.

Matemáticas como solución á física e enxeñaría

Outro dos accésit no eido das Ciencias Básicas foi para Hamza Al-Shdaifat e Rosana Rodríguez, da facultade de Matemáticas da USC. O seu traballo, de carácter teórico, versa sobre novidosos conceptos de integrais e derivadas de utilidade para resolver problemas complexos en física e enxeñaría, a través do modelado de fenómenos que presentan unha dinámica non estándar como é o caso dos procesos “con memoria”. Entre as posibles aplicacións do seu achado, destaca a modelización matemática ou computacional de fenómenos onde é preciso incorporar a historia do proceso.

Extracción de xelatina a partir da pel do peixe

O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo coordinado por Cristina Gallego Rodríguez, do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC. O seu traballo aborda un dos grandes retos actuais da industria pesqueira: que facer cos enormes volumes de subprodutos que se xeran, como a pel do peixe. Propoñen un xeito innovador e máis sustentable de aproveitar este material, empregándoo para obter xelatina de alta calidade mediante o uso de disolventes eutécticos.

Estes disolventes permiten substituír os tratamentos químicos agresivos tradicionais por un proceso máis respectuoso co medio, mellorando ademais o rendemento da extracción e as propiedades funcionais da xelatina obtida. Os resultados amosan que, axustando adecuadamente as condicións do proceso e a especie de peixe —centráronse en particular no atún—, é posible producir xelatinas con excelentes capacidades. Ademais, a posibilidade de adaptar o proceso en función da materia prima e as propiedades finais desexadas, abre novas oportunidades industriais nos sectores alimentario, farmacéutico e cosmético.

Como optimizar a construción de buques?

Na categoría de Ciencias Técnicas outorgouse un accésit a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (Campus de Ferrol), liderado por Javier Pernas Álvarez. Explica que “a construción dun buque pode compararse cun xigantesco crebacabezas: centos de bloques de aceiro, algúns de centos de toneladas, deben fabricarse e ensamblarse nunha orde moi precisa para formar o casco. Se unha peza non está lista a tempo ou non hai espazo onde almacenala, a produción detense e cada día de atraso supón miles de euros en custos”.

Sinala que, ata agora, este proceso xestionábase en gran medida de maneira artesanal. Así, o traballo premiado aborda o reto da planificación mediante técnicas avanzadas de optimización. Aseguran que a metodoloxía desenvolta, resultado de aplicar a intelixencia matemática á planificación industrial, permite xerar plans de produción de alta calidade en tempos razoables para proxectos de grande envergadura, reducindo os recursos e evitando saturacións nos espazos de traballo. “Reforza a transferencia de coñecemento entre a universidade e o sector produtivo galego, ao tempo que abre o camiño para implantar este sistemas noutras industrias cun uso intensivo da ensamblaxe como a aeroespacial ou a construción modular” -apuntan-.

Maior sostibilidade no comercio electrónico

O premio na categoría de Ciencias Sociais foi para un equipo da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo que traballa na xestión sostible da denominada última milla no comercio electrónico. A súa coordinadora, Iria González Romero, sinala que “é a fase final e máis crítica do proceso, o transporte do pedido desde o derradeiro centro de distribución ata a entrega ao cliente, clave para a satisfacción do mesmo e un dos máis custosos da cadea loxística, cun alto impacto ambiental”. 

A investigación, realizada en colaboración coa Universidade Libre de Bruxelas, a de Liverpool e a Politècnica de València, proporciona varias ferramentas e directrices para facilitar o deseño e posta en marcha de estratexias sustentables nesta fase do comercio electrónico. Os investigadores identificaron unha serie de innovacións respectuosas co medio como a correcta implantación de envases reutilizables, a recolocación do stock, o redeseño de rutas segundo a densidade da demanda, o redeseño da frota de vehículos ou o uso de puntos de recollida para a loxística inversa. “Os resultados son de interese para que minoristas online e compañías de transporte modifiquen as súas estratexias e aposten por unha última milla máis sostible”, indican. 

A rendibilidade económica das pemes

Na categoría de Ciencias Sociais outorgouse un accésit a un grupo da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, liderado por María Garrido Ruso. Realizaron un estudo que analiza o impacto das prácticas ambientais, sociais e de gobernanza (ESG) no rendemento, o risco e a resiliencia das pemes. A partir dunha mostra de máis de 500 pemes galegas, desenvolveron un índice ESG especificamente adaptado a pequenas empresas e conclúen que non existe unha relación directa entre a implantación global deste tipo de prácticas e a mellora do rendemento financeiro.

Con todo, ao analizar as distintas dimensións por separado, observaron que as prácticas ambientais, e especialmente as laborais, poden xerar efectos positivos nalgúns indicadores económicos e na capacidade de resistencia das empresas en contextos de crise como a pandemia da COVID-19. O estudo ofrece orientacións para directivos, ao demostrar que a sustentabilidade non debe abordarse de forma agregada, senón priorizando aquelas áreas -como o capital humano- que xeran un maior retorno económico e social nas pequenas empresas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As nubes baixas ameazan a observación da eclipse total de Sol no norte de Galicia

A Aemet alerta de que son as que poden ocultar por completo o Sol, e afectarán especialmente a zonas do litoral galego durante o fenómeno

A eclipse a través do móbil: o novo simulador para saber como se verá dende calquera punto de Galicia

A aplicación en liña emprega a cámara, o GPS, o acelerómetro e a brúxula para recrear o fenómeno astronómico do ano

O efecto Purkinje, o curioso fenómeno que cambiará as cores durante a eclipse total de Sol

A diminución brusca da luz activa os bastóns da retina e fai que os tons vermellos, laranxas e amarelos se perciban máis escuros

Catro días de incógnita

Días antes da eclipse do 12 de agosto, a meteoroloxía e a nubosidade seguen a ser as preguntas máis frecuentes para asegurar a observación. Por Andrea Veiga