María Mayán, investigadora en cancro de mama: “As novas terapias axudan a un 20% das pacientes que antes non tiñan esperanza”

A científica galega reclama máis financiamento e apoio para os estudos sobre esta doenza, que celebra este mércores o seu día mundial

A investigadora María Mayán, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña.
A investigadora María Mayán, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña.

Unha de cada 12 mulleres terán cancro de mama ao longo da súa vida. Os datos da Organización Mundial da Saúde reflicten unha realidade irrefutable, con máis de 685.000 falecidas a causa desta enfermidade en 2020. Pero tamén hai motivos para a esperanza. Os avances das últimas décadas, apostando pola detección precoz e a introdución de novas terapias, permitiron que as taxas de supervivencia acaden xa o 90%. A única solución é continuar investigando e investindo en ciencia. Así o expón María Mayán, directora do grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, con varias liñas sobre cancro de mama. No día mundial contra a doenza, que se celebra este mércores 19 de outubro, a experta galega teno claro: máis cartos salvarán máis vidas.

—Este mércores celébrase o Día Mundial contra o Cancro de Mama. Pódese lanzar unha mensaxe de esperanza?

—Si, hai esperanza. En primeiro lugar, o cancro de mama é unha enfermidade moi heteroxénea, con diferentes subtipos. Pero tamén é un dos cancros máis estudados, con moitos laboratorios investigando e con varios ensaios clínicos en marcha. Iso son boas noticias porque non ocorre o mesmo con outros tumores, como o sarcoma. Ademais, hai algúns subtipos de cancro de mama que xa teñen tratamentos dirixidos. Antes só había quimioterapia e radioterapia, que se pode comparar con matar moscas a canonazos. Pero hoxe en día xa hai tratamentos específicos e dirixidos a determinados tipos de cancro de mama.

Pero tamén hai que falar do triple negativo, que é o tumor de mama máis agresivo e o que máis afecta a mulleres novas de menos de 40 anos. Segue a haber un gran descoñecemento sobre este tipo de cancro, está menos caracterizado ca outros e hai menos terapias dirixidas contra este tumor. Pero tamén hai moita investigación e ensaios clínicos en marcha. Non podemos esquecer que o cancro de mama tamén afecta os homes.

—A taxa de supervivencia xa se sitúa arredor do 90%.

—Si, pero esa porcentaxe correspóndese cos cancros que se diagnostican en etapas iniciais. A detección temperá é moi importante: os cribados, as radiografías, palpar os peitos, atopar cambios neles como manchas vermellas ou algo que nos resulte estraño… Todos eses sinais dos que nos informan as campañas. Tamén, facer probas a certa idade, por exemplo radiografías. Agora a sociedade está bastante concienciaciada da importancia da detección precoz. E a prevención tamén é importantísima. De feito, o cancro de mama pasou a ser o máis diagnosticado anualmente a nivel mundial, por enriba do de pulmón, que tradicionalmente tiña ese posto.

“O cancro de mama pasou a ser o máis diagnosticado anualmente a nivel mundial en 2020, por enriba do de pulmón”

—O aumento do número de casos está relacionado con maiores deteccións precoces? Ou co correcto funcionamento dos programas de cribado, que diagnostican máis casos?

—Todo suma, pero neste caso, simplemente aumentou a incidencia. Os motivos poden ser varios, como que a poboación está máis envellecida, tamén inflúen os hábitos de vida, a dieta, o componente xenético en algúns casos, ou a exposición a determinadas substancias, entre outros factores. Antes, o cancro máis frecuente era o de pulmón, que está moi relacionado como consumo de tabaco. No caso do cancro de mama estamos concienciados e levando a cabo campañas de detección precoz dende hai anos; a pesar diso a primeira vez que superou ao de pulmón foi en 2020. Todavía queda moito traballo de investigación para entender e previr o cancro de mama.

—Nas últimas décadas investigouse moito. Cales foron os avances máis significativos?

Si, por suposto, avanzouse moito. Nos últimos 20 anos houbo un cambio de paradigma total. Non ten nada que ver como se trataba un cancro en 1998 en comparación con 2018. Agora dispoñemos de novos enfoques terapéuticos e novas terapias dirixidas. Pero aínda queda moito por desenvolver, como identificar mutacións para personalizar máis os tratamentos, entre outras moitas estratexias… Hai traballo por diante e a medida que avanzamos ábrense novos obstáculos que superar. O cancro é unha enfermidade moi complexa. Por exemplo, agora toca investigar a resistencia a tratamentos tan eficaces como a inmunoterapia e a terapias dirixidas que son de utilidade para tratar o cancro metastásico. Aínda así, no cancro de mama hai que ser moi positivos, tanto a nivel de investigación como na parte clínica. Para as pacientes de hoxe, en A Coruña, contamos con oncólogas de primeira división e cunha unidade de mama dirixida maxistralmente por Joaquin Mosquera. Neste aspecto podemos estar tranquilas. Queda moito por diante, pero estamos avanzando. Ademais, e importante destacar que o cancro de mama triple negativo precisa máis investigación.

—Pódese dicir que estamos no camiño da medicina personalizada?

—Si, ese e o camiño para abordar o cancro. Por exemplo, no cancro de mama triple negativo con unha mutacion nos xenes BRCA1/2 estanse a utilizar en ensaios clínicos inhibidores PARP, que son fármacos dirixidos a unha proteína concreta. Os resultados dos ensaios clínicos son moi prometedores, pero temos unha limitación para unha porcentaxe importante de pacientes, que é a resistencia ao tratamento. No noso grupo de investigación identificamos unha diana terapéutica que aumenta a eficacia dun de estos inhibidores PARP, o olaparid, e evita a resistencia o fármaco en ensaios in vitro. Son resultados moi prometedores que estamos tratando de desenvolver e xa protexemos nunha patente europea.

Tampouco podemos esquecer que o cancro son 200 enfermidades diferentes, cada unha delas con marcas moleculares características. O importante é coñecer eses sinais, diso trata a medicina personalizada. É o futuro, pero non só para o cancro, tamén para outras patoloxías.

“Nos últimos 20 anos houbo un cambio de paradigma total. Non ten nada que ver como se trataba un cancro en 1998 en comparación con 2018”

—Os directivos de BioNTech acaban de anunciar que podería haber vacinas contra o cancro nesta década. Como de viable é coa ciencia actual?

—Se as vacinas de mRNA contra o cancro funcionan, esa sería unha estratexia moi axeitada. Por que? Porque fai que os sistema inmunitario reaccione contra unha célula tumoral que recoñece como algo estraño. As vacinas que propoñen dende BioNTech deséñanse para cada paciente, segundo as características moleculares específicas de cada tumor, contra proteínas anormais ou neoantíxenos que producen eses tumores. Ata o de agora non se soubo explotar moi ben as vacinas contra o cancro. Polo menos, tal e como se esperaría. Pero agora, coa nova estratexia de ARN mensaxeiro que está sendo de tanta utilidade contra a covid-19, seguramente se acelere a investigación, e as axencias regulatorias sexan tamén máis propensas a aprobar este tipo de tratamentos. E unha estratexia moi positiva e esperanzadora. Nunca podes facer afirmacións rotundas porque queda todavía traballo de investigación e ensaios clínicos, pero, por lóxica, todos esperamos que vaian a funcionar.

Os investigadores en cancro temos esperanza coa tecnoloxía da covid. A vacina que propoñen os de BioNTech non só serviría para o cancro de mama, senón para calquera outro tipo. Iría dirixida contra algo que se expresa nas células tumorais que non está nas células sas. Polo tanto, aínda que coas vacinas de ARN mensaxeiro queda moito por facer, imos por bo camiño. De todas formas, non é algo que debamos deixar na man de BioNTech, senón que debería ser cuestión de todos. Cantos máis estudos, máis estratexias e máis ideas, máis rápido avanzaremos para chegar de forma máis segura, rápida e a un maior número de pacientes. 

O cancro en xeral é moi complexo e non todas as células tumorais son idénticas nin evolucionan da mesma maneira. É unha enfermidade moi complexa. Poderase curar o cancro de mama? Con apoio á investigación, si. Poderase curar ou cronificar pero para iso necesitamos máis investigación. Haberá que ver como, seguramente con diferentes estratexias, e atendendo aos diferentes subtipos de tumores, posto que uns están máis estudados ca outros. De todas formas, pode haber moita esperanza, pero hai moito que investir para que isto sexa unha realidade.

“Sendo optimistas, un fármaco tarda en chegar ao mercado unha media de 15 anos. Só se pode acurtar este prazo con apoios e financiamento”

—Tamén hai fármacos prometedores. Un equipo do Vall d’Hebron preve frear o cancro de mama triple negativo, o máis agresivo, cun novo tratamento. Pensan que pode estar listo para autorizarse en 2028, pero aínda quedan moitos anos.

—Si, eses son os tempos. Sendo moi optimistas, poden ser 10 anos. Hai algúns que conseguiron saír ao mercado en oito, pero a media é de 15 anos en adiante. Eses tempos só se poden acurtar con apoios e financiamento, como o que se conseguiu para a vacina da covid. Se tes apoio da túa institución, do teu país, para facer esa transferencia á sociedade tamén poderás ir máis rápido. Pero sen o apoio económico e burocrático, pouco podes facer. A única maneira de facelo é a través da ciencia. Cantos menos apoios, máis vai tardar. O investimento achega oportunidade, velocidade e retorno económico. Pode que non chegue para ti, pero si para a túa filla ou a túa neta.

—É difícil trasladarlle á sociedade os avances científicos cando non se ven resultados a curto prazo. Iso si aconteceu coa pandemia de covid, que conseguiu elaborar vacinas en tempo récord, menos dun ano.

Si, entendo que se precisan resultados máis rápidos, pero a ciencia necesita tempo e recursos económicos e humanos. Se fose tan fácil xa estaría o cancro curado. Tamén é certo que non é o mesmo desenvolver unha vacina que un fármaco contra o cancro, é máis complexo. No cancro aínda queda moito traballo de investigación pero avanzouse moito, agora estamos “curando” a unha porcentaxe de pacientes que ata hai uns anos non tiñan ningún tipo de esperanza. Hai moitos resultados positivos en grupos que publicaron artigos con resultados moi prometedores, pero se non se transfiren porque non hai ese apoio económico non poderán chegar ao paciente. Hai que apostar por investigación pero tamén por innovación e transferencia se queremos ser máis rápidos e, para iso, tamén hai que investir máis. Os sistemas sanitarios non invisten en I+D+i pero o gasto dedicado ao cancro aumenta cada vez máis. Non se está facendo demasiado, máis ben pouco. E en España non estamos apoiando á ciencia como se debería. Hai que pensar que se se desenvolve un fármaco na Coruña, vai repercutir en positivo na cidade e os primeiros pacientes en beneficiarse serán os da nosa área sanitaria. En canto ao retorno económico e beneficio non temos máis que ver o que acontece coa vacina de AstraZeneca, desenvolvida na Universidade de Oxford, que é quen se está beneficiando e a que foi quen a ideou.

Non podemos esquecer tampouco que, por exemplo, todas as inmunoterapias que temos dispoñibles para o tratamiento do cancro saíron dun grupo de investigación. Non saíron dunha empresa farmacéutica, estas levan os fármacos ao mercado, pero os descubrimientos foron feitos nun laboratorio.

“Os sistemas sanitarios non invisten en I+D+i pero o gasto dedicado ao cancro aumenta cada vez máis”

—Que proxectos están a desenvolver dende o seu grupo de investigación? Que tipo de cancro de mama están a estudar?

—Dende hai uns 20 anos empezaron a entrar no mercado distintos fármacos que se coñecen como terapias dirixidas que resultan ser máis eficaces para determinados tipos de tumores. Tamén a inmunoterapia coa que se conseguiu tratar con éxito a pacientes con cancro metastásico que antes non tiñan ningún tipo de esperanza. O problema e que todavía se chega a unha porcentaxe pequena de pacientes debido ás resistencias a esas terapias. En termos xerais poderiamos decir que entre o 60% o 80%, dependendo do fármaco, non responden á terapia, e entre aqueles pacientes que responden un porcentaxe importante mostran resistencia o cabo de un tempo. A parte positiva e que estas terapias son de utilidade para unha porcentaxe de pacientes que rolda o 20% e que antes non tiñan ningún tipo de esperanza. Por iso se precisa máis investigación, para desenvolver estratexias terapéuticas que aumenten a eficacia dos fármacos actuais e eviten a resistencia para chegar a un maior número de pacientes. E iso é o que estamos intentando facer no noso grupo de investigación.

Actuamente estudamos dous suptipos de cancro de mama. Un deles é o de tipo luminal, para o que se están a utilizar uns fármacos que se chaman inhibidores CDK4/6. Aumentar a eficacia é o que necesitamos para que haxa unha resposta a máis longo prazo. Encontramos unha nova diana terapéutica e estamos a desenvolver unha estratexia terapéutica innovadora para o transporte de esta diana, similar a que se utiliza cas vacinas contra a covid-19. Por outra banda, investigamos novas dianas para o tratamiento do cancro de mama triple negativo. Hoxe en día hai abertos varios ensaios clínicos como o uso dos inhibidores PARP. Algúns destes ensaios estudan o uso destos inhibidores, sós ou en combinación coa inmunoterapia. Os resultados están sendo moi positivos en pacientes con triple negativo cunha mutación dos xenes BRCA1/BCRA2. En vista a estes resultados, nós decidimos adiantarnos e tratamos de ver como aumentar a eficacia e evitar a resistencia para que poidan usarse nun maior número de pacientes. E tamén achamos unha nova diana terapéutica que non só aumenta a eficacia dos inhibidores PARP, senón que tamén aumenta a resposta inmune antitumoral. Estes inhibidores funcionan moi ben en tumores con mutacions en BRCA porque inhiben outra ruta de reparación do ADN, xerando maior inestabilidade xenómica e morte celular nas células tumorais con mutacions en BRCA, que xa teñen deficiencia en mecanismos de reparación de ADN. As pacientes con mutacions nestes xenes, como é o caso de Angelina Jolie, teñen mais dificultades para reparar o ADN e, polo tanto, tes máis predisposición a ter cancro.

“Precísanse novas estratexias terapéuticas que aumenten a eficacia dos fármacos actuais e eviten a resistencia”

Temos tres patentes en cancro, dúas delas en cancro de mama. O obxectivo para este próximo ano e empezar a traballar para transferir estos resultados e poder chegar nun futuro ao paciente. Trataremos de fácelo creando unha spin-off ou empresa que nos permita orientar os resultados do laboratorio e a estratexia terapéutica aos requisitos necesarios para chegar nun fututo a un ensaio clínico, e espertar o interese da industria farmacéutica. Nós intentamos contribuír coa investigación, que é a única ferramenta que temos para curar o cancro. Pero o problema que temos é que necesiamos apoio para transferilo á industria farmacéutica. Unha falla que temos na ciencia en xeral e en España en particular é que ti poidas avanzar rápido e de forma robusta. Que poidas dar ese paso á industria o máis rápido posible e cun financiamento axeitado. Para iso necesitamos máis investimento en ciencia e en innovación, e por esa orde.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.