De cando o pobo galego proclamou o autogoberno irmandiño

A revolta ergueu entre 1467 e 1469 un poder propio en Galicia

Por Víctor López

No século XV o reino de Galicia viviu un momento único, un paso para entrar na Idade Moderna. Foi a revolta irmandiña. De vasalos contra señores, pero tamén de pequenos e medios contra os grandes: esa oligarquía feudal que exercía o poder dunha forma violenta e cobizosa sobre o pobo. Durante dous anos, nesa ‘Gran Revolta’ —ou ‘Revolución’— a xente deste país logrou vivir sen señores. O termo revolución é acuñado polas revolucións burguesas. A referencia é a Revolución francesa do século XVIII, pero en realidade o que sucede en Galicia a finais do XV vén merecendo tal nome.

Publicidade

A crise do feudalismo nace arredor do 1348, e coa peste negra, que agravou a situación en toda Europa, xa non houbo freo ata o final do século XV. Esta crise xeral en Galicia coincide co cambio de nobreza propiciado pola guerra dos Trastámara en 1366-1369. A nova nobreza tenta recuperar no reino galego un poder que sempre estivo en mans dos señoríos eclesiásticos, a diferenza doutros lugares. Faio dunha forma violenta e non só contra o pobo, senón tamén contra a propia Igrexa, tanto na súa dimensión monacal como episcopal. Estes comportamentos desataron unha insurrección global.

A nova nobreza tenta recuperar no reino galego un poder que sempre estivo en mans dos señoríos eclesiásticos. Faino dunha forma violenta, e non só contra o pobo

Segundo o doutor en Historia Medieval pola Universidade de Santiago de Compostela Carlos Barros Guimeráns, houbo tres grandes revoltas irmandiñas. Unha primeira á que se lle chama Fusquenlla, “aínda que ese nome semella só apropiado para a terceira das revoltas”, apunta o historiador. “Esta primeira revolta ten lugar en 1431, iníciase nas terras dos Andrade e consegue o apoio de vasalos do bispado de Mondoñedo e de Lugo”.

Publicidade

Tres grandes revoltas

Logo houbo unha segunda no 1451, moi pouco coñecida, que se chamou a revolta dos portos. Aparece a noticia dela no Pleito Tabeira-Fonseca e tivo lugar nas Rías Baixas, sobre toda nas de Pontevedra e Arousa, e segundo as testemuñas foi a primeira que derrubou fortalezas. “Tratouse de dous ensaios de tipo territorial, un no norte e outro no sur de Galicia, que xunto a outros ensaios pequenos ao longo do século XV foron como os afluentes que van cara o río e que conclúen na Gran Revolta ou Revolución Irmandiña, que durante os anos 1467 ao 1469 ergueu un poder autonómico e case independente en Galicia”, sinala o actualmente director e fundador de Historia a Debate.

Nestes anos derrubáronse a maioría das fortalezas do reino e impúxose o impago das rendas feudais, xa que os vasalos abandonaron aos seus señores. O poder irmandiño substituíu ás subxurisdicións señorais que existían en Galicia. Creouse un novo poder cunha rede de irmandades que foi quen desde un principio de ser practicamente independente e nun réxime de autogoberno. Por isto pódese considerar como a revolta europea máis importante, é moi precoz na súa execución histórica, incluso conseguindo fitos que anticiparon o que sucedeu séculos despois na revolución francesa.

Pódese considerar como a revolta europea máis importante, é moi precoz na súa execución histórica, incluso conseguindo fitos que anticiparon o que sucedeu séculos despois na revolución francesa

“En Catalunya tivemos a revolta dos payeses de remensa, pero nin derrubaron fortalezas, nin deixaron de pagar as rendas, nin houbo un autogoberno, foi moito máis moderado aínda que exitoso en canto a que houbo unha negociación cos señores. Os Comuneiros de Castela ou as Germanías de Valencia tamén foron semellantes, pero ían dirixidas contra o estado, contra Carlos V, mentres que o sucedido na época medieval ía contra os seus señores directamente”, concreta o profesor Barros, que non atopa parangón posible co sucedido cos irmandiños en Galicia.

Castelo de Pambre.

O fenómeno das irmandades iniciouse no século XIII como un fenómeno típico da coroa de Castela. Sobre todo nas cidades tiñan por costume solicitar ao rei a creación dunha irmandade para controlar a orde pública. “No caso irmandiño utilizouse a irmandade para crear unha nova orde porque os que tiñan como tarefa garantir a orde pública, que eran os cabaleiros, eran os acusados de malfeitores. Por iso tiveron que crear un poder propio”, recorda o profesor Barros.

No conxunto de Galicia a maioría dos irmandiños eran campesiños, artesáns ou mariñeiros. Por tradición esas irmandades creaban unhas milicias normalmente urbanas, pero a característica distintiva das irmandades galegas foi a alianza inédita do campo e as cidades. Isto fixo que o fenómeno irmandiño se estendese ao mundo rural, e no mundo rural no século XV era onde vivía a maior parte da sociedade galega.

“En Galicia utilizouse a irmandade para crear unha nova orde porque os cabaleiros eran os acusados de malfeitores”

Carlos Barros, doutor en Historia Medieval pola USC

As milicias constituíronse en toda Galicia. Organizáronse tres exércitos importantes entre o norte, centro e sur do reino galego. Tiñan unha serie de itinerarios asignados para a toma das fortalezas dos seus señores e axudaban aos veciños a derrubalas ou a tomalas por asalto. “Todo o mundo tiña armas na casa e algúns sabían moi ben como manexalas. Primeiro porque o réxime feudal obrigaba a prestar servizo militar cada quen ao seu señor, e segundo porque había tal inestabilidade social e política pola anarquía nobiliar, que habia que saír ao monte a traballar con armas polo medo. E terceiro porque as armas da infantería son armas neolíticas: espadas, coitelos, lanzas…”, incide o catedrático Carlos Barros.

A característica distintiva das irmandades galegas foi a alianza inédita do campo e as cidades. O fenómeno irmandiño estendeuse ao mundo rural, onde vivía a maior parte da sociedade galega

Hai que diferenciar entre o que eran asaltos de fortalezas e por outra banda as batallas. En canto ás clases dirixentes destas milicias, eran os propios alcaldes maiores das cidades ou das dióceses quen se poñían ao fronte ou nomeaban a uns capitáns irmandiños coa fin de dirixir aos exércitos nas batallas. Aquí é onde temos nomes como Diego de Lemos, Osorio… a milicia era a actividade profesional principal da nobreza. “Aínda que se dan casos do mundo ao revés, como un campesiño, Bartolo de Freiría, que é nomeado capitán dun exército preto de Padrón, dun exército campesiño, que formaba parte da irmandade de Compostela”.

Asaltos e batallas

O termo irmandiño nace na época das Irmandades da Fala, nos inicios do século XX, pero os investigadores actuais seguen a empregar esa terminoloxía. O nome que recibían no século XV era o de Xunta Xeral das Irmandades do Reino de Galicia, e a primeira xuntanza ten lugar en Melide entre marzo e abril do 1467.

Hai catro xuntanzas máis documentadas en Lugo, Santiago, Betanzos e Ourense. “Aí decidían todo. Non era un órgano puramente administrativo, senón que concentraba as funcións típicas dun estado: a facenda, o exército e sobre todo administrar a xustiza”, concreta o medievalista, que considera que as xuntas das irmandades son a orixe da actual nomenclatura do órgano de goberno galego co nome da Xunta de Galicia.


Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, SpreakerSpotifyiHeartDeezer e Podchaser.


BRR1. Un reino agochado
BRR2.Vellos líderes de tribo
BRR3. Raíña despois de morta
BRR4. Unha galega de best seller
BBR5. Galicia, primeira revolución europea

O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022