Enciña da Lastra: hai un anaco de Mediterráneo en Galicia

Hai poucas árbores máis mediterráneas que a aciñeira (Quercus ilex). Esta planta de madeira dura e compacta, folla perenne e que dá como froito a landra medra sobre todo nos campos e montes da Meseta e o litoral do mar Mediterráneo. Pero hai un lugar en Galicia que, de tantas que hai, acabou sendo bautizado co nome desta árbore. É o parque natural da Serra da Enciña (si, castelanizado) da Lastra. Un anaco de Mediterráneo en Galicia. Non en tanto, é a zona máis seca do país, con menos de 600 l/m2 de precipitacións anuais.

É o parque natural menos coñecido e visitado de Galicia; só se rexistraron 1.652 visitantes en 2017

As 3.151 hectáreas do parque enmárcanse no concello de Rubiá, no norte do Valdeorras, e fúndense xa co Bierzo, que une e divide Galicia con esta comarca a través do río Sil, ensanchado polo encoro de Penarrubia. É o parque natural máis ‘novo’ de Galicia, xa que foi o último en recibir esta designación, en 2002, e tamén o menos coñecido e visitado. Segundo datos da Xunta, no centro de interpretación só se rexistraron 1.652 persoas en 2017, o que vén sendo pouco máis de catro visitas ao día.

Publicidade

O substrato calcario das rochas da serra da Lastra determinaron, en gran medida, a historia do lugar. Os rochedos e farallóns, como os penedos de Oulego, debuxan unha paisaxe que non é habitual en Galicia, onde predominan as pendentes suaves e os cumios redondeados. Así, cun terreo tan agreste, hai varios miradoiros con panorámicas polas que paga a pena o esforzo necesario para chegar a eles. Destacan o da Caprada en Oulego, o do Alto da Escrita en Biobra, o Tanque de Covas e a Portela, en Vilardesilva.

Penedos de Oulego. Imaxe: parquesnaturais.xunta.gal.
Penedos de Oulego. Imaxe: parquesnaturais.xunta.gal.

Desde estes mesmos miradoiros podemos aproveitar tamén para buscar coa vista algunha das máis de 100 especies de aves que nidifican na Lastra, grazas á gran diversidade de hábitats debida ao relevo, a ubicación e o clima do parque. Entre os rochedos aparecen rapaces como o voitre branco, a aguia real e a cobreira, o falcón peregrino e o bufo real. E tamén se deixan ver outras aves con querenza polos cantís, como o andurón real, a pomba das rochas, a andoriña dos penedos ou a choia.

Publicidade

Do mesmo xeito, a erosión física e química que foron experimentando as rochas calcarias sucaron no interior destas montañas numerosas covas, coñecidas aquí co nome de palas, de orixe prerromana. Sexa a pé ou en kaiak, é posible visitar estes recunchos, onde viven grandes colonias de morcegos que conforman a poboación máis grande e variada de Galicia.

Outros dos mamíferos que poderemos ver ao camiñar pola Lastra son o gato montés, a lontra, o teixugo, o corzo e o xabaril.

A orquídea, emblema da Serra Lastra

Alén da aciñeira (un exemplar de máis de 500 anos, incluído no catálogo galego de árbores senlleiras, pode verse na aldea de Covas) e doutras especies mediterráneas como sobreiras, rebolos, amendoeiras e oliveiras e de plantas aromáticas como o tomiño, o ourego ou a lavanda (aínda que tamén hai castiñeiros), a flora da Lastra ofrece 62 especies endémicas da península ou de Galicia. Cómpre subliñar tamén que 26 dos taxóns de flora están nunha situación vulnerable, o que fai aínda máis necesaria a conservación e coidado do entorno.

Hai máis de 20 especies de orquídea na Serra da Enciña da Lastra. Foto: parquesnaturais.xunta.gal.
Hai máis de 20 especies de orquídea na Serra da Enciña da Lastra. Foto: parquesnaturais.xunta.gal.

Unha das flores que máis cautiva aos visitantes é a orquídea. No parque medran máis de 20 especies, varias delas endémicas, polo que aquí se concentra a maior diversidade desta flor en Galicia. Así, achegarse ao parque en primavera e verán, cando as flores amosan o seu esplendor para atraer aos polinizadores, é todo un espectáculo de cor.

No que respecta ao mato, hai tamén breixos, carqueixas e xaras máis propias de rexións mediterráneas que dan cor ás abas da serra.

Historia da Lastra

Hoxe en día, as serras do oriente ourensán teñen unha das densidades de poboación máis baixas de Galicia. Pero a súa historia é longa e rica. A Via Nova romana, que entra no actual territorio galego polo Xurés desde Braga, deixa Galicia pola Serra da Lastra de camiño á Astorga. Moi preto de aquí, nas minas de ouro das Médulas, está un dos vestixios máis importantes da romanización.

A actividade mineira prolongouse ata a actualidade, mesmo con conflitos abertos debido á proximidade dalgunhas explotacións ao espazo protexido. Alén das cercanas canteiras de lousa, persisten as pegadas dos xacementos calcáreos no patrimonio etnográfico. Os caleiros, fornos onde se queimaba a pedra caliza para producir cal viva, pódense ver en varias aldeas, como a de Covas, onde as fortes pendentes e o río debuxan tamén unha fermosa paisaxe que paga a pena pararse a contemplar.

Todos estes recunchos poden percorrerse a través de 10 sendeiros acondicionados e sinalizados de diversas distancias e dificultades (Val do Sil, Tras os Penedos, Soutos baixo Pena Falcueira, do Caleiro, O Real de Oulego, Vía Romana, Ermida de Santo Estevo, As Galegas, As Dúas Vertentes e Baixo de Páramo). Existen tamén paquetes turísticos (podes descargalos en PDF) orientados ao sendeirismo e tamén ao kaiak e á espeleoloxía, percorrendo as numerosas palas da zona.

Como no resto dos parques naturais, na Enciña da Lastra cómpre ter en conta en todo momento as recomendacións indicadas para conservar o entorno: deixar o vehículo nos estacionamentos habilitados e camiñar só polas zonas indicadas; non arrincar flores nin poñer en perigo ou molestar as especies singulares; calcular a dificultade e o tempo das rutas; e facer un uso responsable do lixo. Tampouco está permitido acampar libremente nin bañarse fóra das zonas habilitadas.

Máis información sobre a Serra da Enciña da Lastra na páxina de Parques Naturais da Xunta de Galicia, nesta ligazón.

1 comentario

  1. Primeiro de todo: adoro esta zona! Mais, para recibir máis visitas, habería que facer unha promoción máis seria. E non ter o Centro de Interpretación pechado a maior parte do ano.
    Isabel

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar