Disprosia, Titania ou Europia: a granxa de vacas con nome de táboa periódica

Rosalind Franklin e Lise Meitner viven en Palas de Rei, xunto a Europia, Titania ou Disprosia, bautizadas en homenaxe aos elementos da táboa periódica. Todas son vacas da granxa A Cernada, unha explotación bovina de leite situada na aldea do mesmo nome, ao norte do concello de Palas de Rei, xa preto de Friol. Son algunhas das 6.837 vacas que, segundo os datos de Medio Rural, viven no municipio. Moitas máis ca as 3.489 persoas empadroadas en Palas; unha mostra do pulo do sector primario na comarca da Ulloa, unha das principais zonas produtoras de leite de Galicia.

Ademais de Disprosia, na Cernada viven Europia e Titania, entre outras vacas con nomes que renden homenaxe á ciencia.

Ana Corredoira, unha moza graduada en Bioloxía, leva xa varios á fronte da Cernada. Ela e o seu irmán Julio, doutorando en Química, dous apaixonados pola ciencia, decidiron hai uns anos comezar a render homenaxe á investigación e ás mulleres que foron pioneiras. A primeira foi Marie Curie, xa falecida (a vaca tamén). Conta Ana que, para seguir a estirpe, bautizaron á súa filla co nome de Lise Meitner, unha das nais do descubrimento da fisión nuclear, silenciada mentres o seu compañeiro Otto Hahn recibiu o premio Nobel.

Publicidade

Despois veu tamén Rosalind, na honra de Franklin, unha das responsables da descrición da estrutura do ADN xunto a Watson, Crick e Wilkins, aínda que ela foi a única dos catro que non recibiu o Nobel de 1962. Explica Ana Corredoira que estes casos foron parte das razóns que levaron a ela e a seu irmán a darlle este nome ás súas vacas. “Cremos que pode ser unha forma sinxela e efectiva de levar a ciencia á sociedade, e unir a paixón que temos pola ciencia ao que temos pola gandería”. Non esquecen algúns minerais na lista: pola granxa tamén andan Zeolita e Rutila.

Obxectivo 2019: unha táboa periódica coas vacas da Cernada

Na actualidade, Julio Corredoira compaxina o seu doutoramento co traballo na Cernada nos ratos libres. Unha das ideas que ten, segundo comenta a súa irmá Ana, é a de crear unha táboa periódica co nome e fotografía de cada unha das vacas que vaian nacendo, ás que lle poñerán o nome do elemento químico. “Como en 2019 se celebra o Ano Internacional da Táboa Periódica, tal e como anunciou a Unesco, imos darlle o nome dun elemento a cada femia que naza na granxa”, explica Ana Corredoira. Vai ser, posiblemente, unha das homenaxes máis curiosas que se van realizar no 150 aniversario da publicación dos achados de Dimitri Mendeleev, que deron lugar á distribución que hoxe coñecemos.

Publicidade

Os primeiros pasos xa están dados. Na Cernada xa viven Europia, Disprosia ou Titania, “que curiosamente ten cornos e é unha vaca moi dominante”, destaca Ana. Con esta idea, tamén queren “feminizar os nomes da táboa periódica”, na mesma liña que a homenaxe a científicas que non foron recoñecidas en vida.

Porén, a arela dos irmáns Corredoira vai levar bastante tempo. Actualmente hai na Cernada unhas 110 vacas, preto de 60 delas en muxidura. “E hai que ter en conta que o 50% dos nacementos son machos, e tampouco todas as femias se crían”, explica a propietaria da granxa. Non en tanto, van intentalo, e xa están argallando unha gran táboa para representar os animais que vaian nacendo.

A Cernada é unha explotación familiar de produción ecolóxica de leite, e Julio e Ana son a segunda xeración, agora á fronte. Para 2019, a granxa vai comezar a producir dentro dunha cooperativa chamada As vacas da Ulloa, impulsada por varias mulleres da comarca, para producir leite e iogures. A xente que merque estes produtos da Ulloa estará axudando, por tanto, a completar a lista das vacas con nomes da táboa periódica.

A idea dos irmáns Corredoira é facer unha táboa periódica para ir completándoa cos nomes das vacas que nazan en 2019.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Robots agricultores e gandeiros armados de intelixencia artificial: así son as granxas do futuro

A tecnoloxía avanzada transforma a produción agropecuaria e mellora a xestión dos recursos para aumentar a eficiencia e sostibilidade

Por que as hortensias son tóxicas? O caso das cabras que morreron en Baiona

Unha decena de animais dun gandeiro perden a vida tras inxerir restos de poda que contiñan unha planta tóxica capaz de producir cianuro

Máis de 4.000 explotacións galegas usan xa os servizos da Plataforma Dixital Agroforestal da Xunta

É un ecosistema tecnolóxico que xestiona a información e datos de interese para as actividades agrícolas e forestais

As consecuencias ocultas de utilizar pensos industriais na gandería

Os novos retos que afronta o sector pecuario abren o debate sobre a necesidade de adoptar prácticas sustentables de crianza