Confirmado: xa se lle empeza a notar aos días

Non é o 21 de decembro.  Neste caso, ten razón o refraneiro, que di que por Santa Lucía, mingua a noite e medra o día. Desde a semana pasada, a partir do 5 de decembro, en Galicia xa non se pon o Sol máis tarde. E a partir deste sábado 15, comezaremos a notar, paseniño, que o solpor se vai retrasando.

Os datos do Instituto Geográfico Nacional e MeteoGalicia sinalan que, entre o 5 e o 14 deste mes, o norte e o leste da provincia de Lugo rexistran os atardeceres máis temperáns do ano: ás 17.55 é o ocaso. No suroeste de Galicia, como é o caso de Vigo, o solpor que máis cedo se produciu foi sete minutos despois, ás 18.02. Canto máis ao oeste e máis ao sur, o Sol desaparecía uns minutos máis tarde, tal e como se pode ver na táboa baixo estas liñas.

Publicidade

Grafico do 11 de decembro coas horas de orto, ocaso, mediodía solar e duración dos días en Galicia. Fonte: MeteoGalicia.

A partir desta fin de semana, os días comezarán a medrar polas tardes. Así, o día 21, en Lugo o Sol porase ás 17.58, tres minutos despois do que se pon esta semana, igual que en Vigo (18.05).

Os amenceres tardarán máis ata xaneiro

Non en tanto, o tempo de luz solar en Galicia non comezará a medrar ata a última semana de decembro. Nestas vindeiras dúas semanas, a duración das horas de luz oscilarán entre as 8.58 da Coruña e as 9.06 de Vigo. Isto débese a que, aínda que os atardeceres comecen a seren máis tardíos, a hora do amencer seguirase atrasando ata o día 6 de xaneiro, cando o Sol sae na Coruña ás 9.06 horas da mañá.

Horarios de orto, ocaso, mediodía solar e horas de día correspondentes ao 6 de xaneiro. Fonte: MeteoGalicia.

Estas diferenzas débense a diversos factores, entre os que hai que ter en conta o eixo de rotación da Terra, inclinado 23,5º respecto ao Sol, polo que a liña do amencer non coinciden cos meridianos trazados artificialmente sobre as representacións gráficas da Terra. Do mesmo xeito, outras variables, como as condicións atmosféricas, a refracción da luz solar e a altitude inflúen tamén nestes pequenos matices.

As diferenzas son máis acusadas canto máis nos acheguemos a latitudes altas, de aí a gran diferenza entre o día e a noite nos polos, mentres que nas zonas próximas ao ecuador, as variacións entre verán e inverno son moito menores.

Mapa orientado ao norte orbital, en paralelo á liña do amencer. Fonte: José María Martín Olalla.
Mapa orientado ao norte orbital, en paralelo á liña do amencer. Fonte: José María Martín Olalla.

Pola mesma razón, en verán, os días en Galicia chegan a durar, como é o caso da Coruña ou Ferrol, 15 horas e 26 minutos. O primeiro amencer, no leste da provincia de Lugo, ten lugar antes das 6.50 horas a mediados de xuño, mentres que o último raio de sol despídese pola Costa da Morte ás 22.19. cabo Touriñán acolle, durante varios meses ao ano, o último solpor da Europa continental.  tal e como ten demostrado o físico Jorge Mira nun estudo publicado en 2016.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A apertura do corredor atlántico trae chuvias intensas a partir do domingo (e sen data de fin)

Unha profunda borrasca irase desprazando dende os Azores ata o oeste da península e deixará fortes e abundantes precipitacións ao comezo da vindeira semana

Galicia rexistrou en 2024 o terceiro ano máis cálido das últimas seis décadas

O informe anual de Meteogalicia indica que a temperatura media rexistrada foi de 14,7 graos, só por debaixo de 2022 e 2023

As raíces das árbores caducifolias non dormen no inverno e continúan crecendo

Un estudo demostra que a parte subterránea acumula carbono durante todo o ano, non só para a fotosíntese

Galicia rexistrou un decembro cálido e moi seco

O último informe de Meteogalicia sinala que as chuvias rexistradas estiveron "bastante por debaixo do valor habitual"