Publicidade
Mércores 21 Maio 2025
Publicidade

Científicos galegos preparan unha patente para frear a artrose

Unha de cada dez persoas en España padece artrose. Esta doenza supón, segundo os cálculos realizados, un gasto de arredor do 0,5% de todo o PIB; uns 5.000 millóns de euros por ano. Nunha poboación que envellece, cómpre buscar remedio a un problema que será cada vez maior. E un equipo de científicos galegos acaba de dar un paso moi prometedor. O traballo, publicado en Cell Death and Disease, demostra a implicación no progreso da artrose dunha proteína que participa na comunicación celular, a conexina 43 (Cx43).

O artigo, que lidera María Mayán Santos, coordinadora do grupo CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), dá esperanza a millóns de persoas que ven como a artrose avanza sen présa, pero sen pausa. Hoxe non ten cura, e deteriora a cartilaxe das articulacións, causando dor, rixidez e limitacións de movemento. O único que se pode facer é tomar fármacos para calmar a dor e a inflamación e, en último termo, se a articulación está moi danada, poñer unha prótese para substituíla.

Publicidade

“Demostramos que o proceso dexenerativo é reversible; simplemente apagando ou encendendo a Cx43 (conexina 43) somos capaces de regular a diferenciación celular e a senescencia”, explica Mayán. Estes dous procesos son claves para a rexeneración dos tecidos pero, cando hai un exceso ou unha activación crónica, aclara a investigadora, pode producirse fibrose e unha dexeneración do tecido.

“Demostramos que o proceso dexenerativo é reversible; simplemente apagando ou encendendo a conexina 43”

Sabíase ata agora que a Cx43 formaba canles que permitían intercambiar información entre dúas células contiguas, ou ben entre a célula e o seu entorno, e que tamén participaba na rexeneración de tecidos – por exemplo, nas úlceras diabéticas – e no cancro, como un dos factores de supresión dalgúns tumores, como o melanoma. Ademais, como as canles que forma esta proteína tamén están implicados na dor, non se descarta que esta liña de investigación axude tamén a mitigar a dor, ademais de frear o avance da artrose en si.

Publicidade

Colaboración e patente co CIQUS

Os achados publicados agora permitiron abrir novas vías de colaboración con outros grupos, co obxectivo de buscar posibles moléculas que poidan influír na Cx43 e, así, axudar a frear a artrose. “Entre os compostos que analizamos, hai un que interfire coa actividade da Cx43, e podería ser de utilidade para o tratamento da artrose”, conta a científica galega. Desde o Inibic xa traballan con José Luis Mascareñas e Eugenio Vázquez, do CiQUS de Santiago, e xa están empezando co proceso para o rexistro dunha patente. Intentarán, por tanto, “deseñar moléculas que nos permitan diminuír a actividade da Cx43 e restaurar a rexeneración da cartilaxe en pacientes con artrose”.

Estes péptidos miméticos permiten aos científicos, por tanto, diminuír a acumulación do envellecemento celular nestes casos. “Revertir este proceso é preciso para restaurar a capacidade de reparación do tecido, polo que esperamos que nun futuro poidamos tratar a pacientes con artrose con algúns destes péptidos para evitar a perda da cartilaxe articular e a dexeneración da articulación”.

Imaxe ao microscopio de de condrocitos coa proteína Cx43 en verde, tomada pola investigadora Marta Varela.

O papel da Cx43 na artrose

Os condrocitos son unhas células clave na cartilaxe, tecido no que a artrose impacta a miúdo. Os investigadores galegos demostraron tamén neste traballo que os condrocitos das persoas que padecen artrose son máis inmaduros que os dos donantes sans, que xa teñen capacidade de diferenciarse, ben cara a células do óso, ou ben cara a células do tecido adiposo. Esta inmadurez débese, segundo os resultados do estudo, a un mecanismo chamado transición epitelio-mesenquima (TEM), que se activa cando estas células presentan niveis elevados de Cx43.

A TEM, explica María Mayán, “é un proceso normal durante a reparación de tecidos, para que as células poidan proliferar e substituír ás células danadas e para remodelar a matriz do tecido”. Porén, nos pacientes con artrose, a activación crónica da TEM produce un gran número de células inmaduras que non son quen de substituír ás maduras nin de sintetizar os compoñentes que forman a matriz da cartilaxe. Así, acaba producíndose un proceso de tipo fibroso que desencadena na dexeneración do tecido.

Os equipos galegos do Inibic e o CiQUS traballan xa na patente. Imaxe cedida por María Mayán.

Outra das principais conclusións dos investigadores, conta María Mayán, é que “este estado é reversible, o que pon esperanzas no tratamento da artrose: cando logramos diminuír a actividade da Cx43, conseguimos restaurar un ambiente que favorece a rexeneración ou reparación do tecido ao activar a transición do estado inmaduro destas células cara ao condrocito maduro, diminuíndo tamén a acumulación de células senescentes.

Ao dar este paso, diminúe tamén a inflamación e a presenza das encimas que degradan o cartílago que son liberadas polas células inmaduras e polas células senescentes. E ao mesmo tempo, aumenta a síntese do coláxeno tipo II e os proteoglicanos, os principais ladrillos do cartílago articular.

Os científicos galegos conseguiron facer reversible o proceso polo cal a artrose avanza no tecido cartilaxinoso

Para conseguir estas conclusións, os científicos utilizaron novidosas técnicas de edición xenética, como a CRISPR/Cas, para aumentar ou diminuír a cantidade de Cx43 en condrocitos de donantes e estudar así a súa implicación no progreso da artrose.

Asinan o traballo, ademais de Mayán, os investigadores Marta Varela Eirín, Adrián Adrián Varela Vázquez, Amanda Guitián Caamaño e Eduardo Fonseca (Inibic), Carlos Luis Paíno (Irycis), Virginia Mato (Universidade da Coruña), José Ramón Caeiro (IDIS, USC), Raquel Largo (Fundación Jiménez Díaz), Trond Asen (Instituto de Investigación Vall d’Hebron), Arantxa Tabernero (Universidad de Salamanca), Mustapha Kandouz (Wayne State University), e Alfonso Blanco (University College de Dublín).

Referencias:

Targeting of chondrocyte plasticity via connexin43 modulation attenuates cellular senescence and fosters a pro-regenerative environment in osteoarthritis. Cell Death and Disease. 12 Nov. 2018. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os hospitais de Vigo e Santiago administrarán terapias CAR-T a pacientes adultos

Compostela só podía subministrar, ata o de agora, o tratamento á poboación pediátrica, mentres que o da Coruña era o único orientado a persoas maiores

O científico do CiQUS Manuel Souto, premiado pola Real Sociedade Española de Química

A institución valora a súa destacada traxectoria profesional e o seu traballo á fronte do grupo de investigación ElectroMolMat

Podcast | Como a luz solar inspira unha química máis sostible

O investigador Manuel Nappi é o convidado no novo episodio de GCiencia en colaboración co CiQUS

Un novo estudo cuestiona o baño xudeu da Coruña: “Moi dubidoso, senón abertamente incorrecto”

Un traballo de José María Bello Diéguez cuestiona de forma crítica o proceso feito para afirmar que se trata dunha mikvé