Ir á praia en verán é, para min, un ansiolítico natural. Gústame a sensación de camiñar sobre a area, o olor a salitre, o murmurio da xente, o mar bañando os meus pés e, para que negalo, ler mirando o horizonte. E si, estes momentos de desconexión tamén son unha fonte inesgotable de noticias. Hai uns días estaba na praia cando escoitei unhas mulleres dicir que as duchas non tiñan auga por mor da seca e que os baños do areal tiñan a mínima imprescindible para funcionar. Cando me incorporei esta semana ao traballo, lembrei de novo a aquelas veciñas de Redondela e decateime de que non foi unha conversación illada, senón a fiel representación do que está a acontecer en toda Europa.
Os datos dan conta da severidade da situación: a factura económica a curto prazo xa está cifrada en 50.000 millóns de euros. Así o recolle unha longa reportaxe publicada en El País que radiografa unha realidade preocupante en países habitualmente chuviosos. O mesmo ca Galicia, onde ninguén está habituado a convivir coa escaseza de auga nin coas restricións no seu uso. De todo o que se conta na peza, hai un dato especialmente ilustrativo: os buques de carga que navegan polo Rin rumbo a Rotterdam viaxan ao 30% da súa capacidade para non encallar. Incrible.
Un 70% da poboación francesa vive con restricións de auga, só o 14% dos ríos no Reino Unido presentan niveis de caudal considerados “normais”, Alemaña xa perdeu tres millóns de toneladas de cereais dende mediados de xuño e Italia tivo que pedirlle auga a Suíza. A situación en Europa merece unha reflexión profunda e transnacional. Un problema a tal escala non se pode solucionar mediante parches, medidas tardías nin accións nacionais.
Galicia non escapa desta realidade e xa hai 91 concellos con restricións: 32 en alerta e 59 en prealerta. Sen ir máis lonxe, Campo Lameiro (Pontevedra) anunciou o peche da súa psicina municipal porque a depuradora non está a funcionar “adecuadamente” debido á seca. O verdello non se dá eliminado pola falta de presión e de caudal, e non se retomará a actividade das instalacións ata que non mellore a situación.
O Obsevatorio Europeo da Seca tamén pon a súa atención sobre Galicia e sinala algúns puntos críticos, como a zona de Pontevedra e Santiago, O Salnés, Valdeorras, As Pontes de García Rodríguez… e unha longa lista de enclaves. Sobre a situación da comarca de Compostela pronunciouse a Universidade de Santiago a través do seu observatorio astronómico. Dende a institución académica cualifícana como “seca severa” e xa é a máis grave das últimas décadas, ao superar á de 1990.
Isto non deixa de ser unha acumulación de evidencias que non deberían ser ignoradas. Segundo unha plataforma deseñada polo climatólogo Dominic Royé, o 79% dos ríos galegos está en situación de seca e o 15% xa acada valores extremos. A miña compañeira Noelia escribiu unha extensa peza sobre o asunto e analizou pormenorizadamente as circunstancias da man de Royé, tamén investigador na Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC).
Segundo o climatólogo, Europa xa está a vivir unha “seca socioeconómica”. É dicir, hai un impacto directo na economía que deriva na suba dos prezos de mercado. A caída da produción agrícola, o encarecemento dos transportes e a mortalidade de animais de granxa por mor da calor repercurte directamente no importe a pagar por bens esenciais. Mais antes de chegar á seca socioeconómica está a seca agríocola ou medioambiental —cando non hai rego dispoñible—. E antes dela, debe declararse a de tipo meteorolóxico, cando faltan as chuvias. A pregunta é por que as medidas contra a seca adoitan ser atenuantes e non preventivas.
As extremas ondas de calor dende maio e a escaseza de precipitacións crearon o escenario perfecto para que afoguen os cultivos, os animais e a economía europea. A previsión de chuvias treboentas e puntuais tampouco é unha boa noticia porque un longo período de seca pode provocar que o solo perda a capacidade de retención da auga. Para que a situación mellorase precisaríase un réxime de precipitacións máis continuo.
Para unha análise exhaustiva, habería que poñer sobre a mesa a situación dalgúns concellos como Sanxenxo ou Barreiros, cunha poboación que aumenta exponencialmente en verán e, polo tanto, incrementa o seu consumo de auga. Como se pode xestionar unha situación semellante nunha Galicia onde sempre se dixo que a chuvia era arte e a súa escaseza nunca entrou no dicionario? Cada vez son máis habituais as restricións de auga no verán, e non semella que a situación vaia mellorar de cara aos vindeiros anos.
No río Gafos, en Pontevedra, detectouse unha elevada mortalidade de peixes debido á baixada do caudal e rescatáronse arredor de 500 exemplares. As consecuencias son evidentes, o caso é se estamos dispostos a velas.
Agora si, imos cos temas da semana.
⚫️ Vivir cunha bolsa de ostomía 🏥 Os desafíos cotiás das persoas ostomizadas son, moitas veces, invisibles. Alguén moi próximo conviviu durante meses cunha bolsa e ben sei das dificultades de cambiala, da inseguridade de saír ao exterior e da complicación de predicir cando vai romper. Noelia puxo voz a un problema esquecido: só hai 47 baños públicos adaptados en toda Galicia para 5.000 persoas. Anímovos a lela.
⚫️ Outra eclipse! 🌒 A eclipse do 12 de agosto foi un momento máxico. Vivino con abraio dende o Orzán, neses instantes en que se fixo de noite e cambiaron por completo as cores. Seguro que moitos e moitas de vós aínda o tendes na memoria, así que anotade a próxima data: o venres 28. Esta vez vai ser unha eclipse lunar e poderase observar a simple vista. Consulta aquí cal será a mellor hora!
⚫️ Actividade sísmica 🚨 A investigadora María Belén Benito Oterino logrou responder unha pregunta que nos estabamos a facer nas últimas semanas: hai cada vez máis actividade sísmica? Os recentes terremotos de Granada suscitan unha cuestión alimentada pola traxedia de Venezuela e, máis recente, a de Colombia. Anímovos a ler o seu artigo. É moi interesante.
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.














