Xoves 28 Marzo 2024

Así é o perfil dos usuarios da homeopatía en España

Un estudo realizado por investigadoras da universidade de Valencia analizou o perfil dos usuarios da homeopatía en España en base aos datos do Centro de Investigacións Sociológicas (CIS). O traballo agora publicado, que ten en conta o barómetro do pasado mes de febreiro, estuda o coñecemento das terapias alternativas, a súa comprensión e utilización, o grao de satisfacción, a motivación do seu uso, o centro ou lugar onde o usuario recibiu o tratamento e a principal fonte de información, segundo recolle a Axencia Sinc.

Muller, de 46 anos, clase media-alta, estudos superiores e de ideoloxía de esquerdas

Neste senso, tras examinar os datos de 2.486 persoas, os resultados mostran que o usuario tipo de homeopatía en España é unha muller, de 46 anos de idade, cunha posición socioeconómica de clase media ou alta, con estudos superiores universitarios e cun posicionamento ideolóxico de esquerdas.

Publicidade

“Isto non significa que os homes non consuman homeopatía, senón que son as mulleres as usuarias máis habituais”, explica a Sinc Carolina Moreno Castro, catedrática de Xornalismo da universidade de Valencia, que lidera o grupo de investigación Scienceflows.

Así, o patrón do consumidor de homeopatía é maioritariamente muller (66,1%), cunha media de idade de 46 anos, significativamente inferior á da poboación xeral, que é de 50. En canto ao seu nivel de estudos, un 62,9% posúe estudos superiores ou formación profesional. Esta diferenza é significativa respecto da poboación xeral, onde a porcentaxe é do 38,8% nas mesmas categorías.

“O nivel de formación non é relevante para tomar decisións sobre estes produtos”

“O feito de que sexan mulleres con estudos universitarios, coincide con outros traballos publicados a nivel nacional (FECYT) e internacional” apunta Moreno Castro. “O nivel educativo e de formación non é relevante para tomar unha decisión sobre estes produtos”.

Os consumidores son maioritariamente de clase alta – media alta (32,3%) e de novas clases medias (34,7%) e posiciónanse máis cara á esquerda ideolóxica que a poboación xeral. O 57,3% defínese como católico.

Ante unha dor leve ou un arrefriado, o 40% intenta solucionalo tomando medicamentos, o 28% non fai nada e o 23,4% tenta que se pase con produtos naturais. Por último, a poboación xeral acode con maior frecuencia a unha consulta médica (17,7%) respecto dos usuarios de produtos homeopáticos (8,1%).

Ata a análise realizada polo CIS en febreiro, os datos de que se dispoñía sobre o coñecemento e uso destas terapias proviñan de informes realizados polo sector industrial implicado: o estudo do Observatorio de Terapias Naturais, financiado pola maior asociación de profesionais do sector (COFENAT), e o estudo de Boiron, a principal empresa de venda de produtos homeopáticos en España.

Así se ve a homeopatía

Segundo a análise realizada polas investigadoras valenciás, o consumo é moito menor do que se pensaba ata o momento: o 66,5% dos cidadáns residentes en España oíu falar da homeopatía, aínda que só un 5% do total usouna nos 12 meses anteriores á enquisa.

O consumo é moito menor do que indicaban as enquisas dos sectores implicados

Os consumidores xustifican a súa decisión con dous argumentos básicos: “É sa e cura o que a medicina convencional non pode”. É máis, os enquisados afirman que a utilizan para previr enfermidades e para aliviar os efectos secundarios derivados dos tratamentos da medicina convencional.

Sobre o coñecemento desta terapia, o 50,8% da mostra total sabe describir exactamente en que consiste. Con todo, o 90,2% dos que coñecen e comprenden en que consiste non a usou nos últimos 12 meses.

Pola súa banda, do 5% da poboación que a usa, un 46,8% faino de forma puntual. O resto utilízaa en frecuencias periódicas regulares como unha vez á semana (29,8%), unha vez ao mes (7,3%) ou menos dunha vez ao mes (14,5%). O grao de satisfacción medio é de 6,9/10, inferior ao que eses mesmos usuarios teñen do médico de cabeceira (7,9) ou do especialista (7,8).

As razóns dos usuarios

O estudo revela que a causa maioritariamente defendida para o seu uso é, en primeiro e segundo lugar, para que lles axude a ter unha vida sa e equilibrada (47,5%).

Outras razóns achegadas son previr enfermidades e doenzas (37,1%), curar onde a medicina convencional non funciona (32,2%), crenza e confianza na terapia (29,1%), aliviar os efectos secundarios dos tratamentos convencionais (17,8%) e porque en ocasións a medicina convencional é prexudicial para a saúde (13,7%).

Sobre as canles de información que utiliza o usuario de homeopatía para informarse sobre estas terapias, os amigos e coñecidos é a prioritaria (70,16%). A segunda fonte máis consultada é internet, cun 28,2% dos usuarios, e a terceira, os profesionais (23,4%).

“O feito de que internet sexa a segunda fonte máis utilizada fai aínda máis preocupante esta situación, pois ambas as fontes de información non aseguran nin a fiabilidade nin a calidade da mesma”, subliñan as autoras”.

Medidas

Para as autoras, o elemento fundamental sobre o que hai que traballar é a divulgación científica desde as institucións públicas e sanitarias. “A prohibición da venda da homeopatía a escala legal non evitaría o seu consumo. Ademais, isto podería levar a procura de produtos nun mercado non regulado”, sosteñen.

“O interesante sería que a regulación pasase por permitir a venda destes preparados en supermercados, que non estivesen limitados ao ámbito farmacéutico, que tamén levan a confusión; exactamente igual que os suplementos e preparados de vitaminas”, conclúe Moreno Castro.

Carta á ministra

O estudo sobre o perfil dos usuarios da homeopatía xorde no marco dun amplo movemento impulsado por médicos e científicos para pedir ás Administracións Públicas unha maior contundencia contra a venda deste tipo de produtos. Hai unhas semanas, a Asociación para protexer ao enfermo das terapias pseudocientíficas (APETP) fixo pública unha carta, apoiada xa por máis de 1.000 profesionais científicos e sanitarios, na que se lle esixía á ministra de Sanidade tres medidas claras para acabar cos problemas derivados do consumo destres produtos. “Sexamos claros: as pseudociencias matan“, comezaba o texto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores

Traballar con cadáveres na ciencia: así funcionan as doazóns en Galicia

Os expertos piden un marco legal específico na materia despois de que saltasen as alarmas pola trama de tráfico ilegal de corpos en Valencia

A credibilidade na ciencia é menor entre a mocidade que entre o público adulto

Só o 72,6% das persoas de entre 18 e 24 anos cre que as disciplinas científicas buscan a verdade, fronte ao 90,2% da poboación maior de 65 anos