Sábado 20 Abril 2024

Os nenos galegos dormen máis cós cataláns, e a clave pode estar no fuso horario

Un estudo atribúe á diferenza de lonxitude entre Galicia e Cataluña, dentro da mesma franxa horaria, ao peor descanso da mocidade na rexión mediterránea

Este mércores, o Sol saíu en Barcelona ás 7.18 horas e poñerase ás 20.26, mentres que na Coruña este momento terá lugar ás 7.58 e ás 21.10, respectivamente. Como é sabido, nos territorios como España, cun mesmo fuso horario pero notables diferenzas de lonxitude (Barcelona está algo máis de 2º leste respecto a Greenwich, e A Coruña sitúase máis de 8º oeste), as horas do amencer e o solpor difiren notablemente. Hai casos aínda máis extremos, como o da China, que usa un mesmo fuso para un territorio moito máis grande. Pero os efectos desta situación poden observarse mesmo en áreas máis pequenas, como a península ibérica.

Así o sostén unha análise realizada por investigadores da UIC de Barcelona, publicada en Sleep Medicine, na que se expón que os mozos e mozas catalás menores de 15 anos dormen menos cós galegos. “Isto podería ser debido a compartir uns horarios semellantes tendo un desfasamento na lonxitude xeográfica”, postula o traballo liderado por Juan Carlos Martín e Àurea Cartanyà-Hueso, investigadores do Grupo de Investigación sobre Avaliación de Determinantes de Saúde e Políticas Sanitarias. Os datos que sosteñen a análise están extraídos da Enquisa Nacional de Saúde de 2017, cunha mostraxe de máis de 1000 nenos e nenas galegas e catalás menores de 15 anos.

Publicidade

Así, expoñen que en España o día arrinca cunha hora de diferenza entre o leste e o oeste e, con todo, a zona horaria é a mesma en todo o país. Isto, din, “podería ter consecuencias na duración do sono dos menores de 15 anos en Cataluña, xa que deberían deitarse unha hora antes, pero os horarios están homoxeneizados en todo o país”, explican os investigadores.

Diante destes resultados, os investigadores suxiren que se abra o debate de que os horarios sexan rexidos pola posición do sol pois, “aínda que homoxeneizar os horarios dun país pode ter as súas vantaxes, estas non superan os inconvenientes que ocasionan”.

Ata o momento non se levaron a cabo estudos similares noutros lugares xa que “hai poucos países no mundo coa suficiente distancia entre os seus extremos oriental e occidental como para requirir máis dun fuso horario e que, con todo, usen o mesmo para todo o territorio”, afirman os autores principais do estudo. Conclúen, deste xeito, que “serían precisos máis estudos para considerar a promoción de políticas para aplicar horarios baseados na posición do Sol no canto dun único fuso horario nacional”.


Referencia: Differences in sleep duration in a territory with the same time zone according to the geographic longitude: the Spanish case (Publicado en Sleep Medicine).

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204