Sábado 13 Xullo 2024

O fascinante movemento do tardígrado, un dos animais máis resistentes do planeta

Un estudo consegue rexistrar e estudar os movementos destes invertebrados, que amosan sorprendentes semellanzas con animais de moito maior tamaño

Chegan a medir, como moito, algo máis de 1 milímetro. Pero dentro deste minúsculo tamaño albergan unha das formas de vida máis resistentes que se coñecen, capaces de aguantar enormes presións ou un rango de temperaturas de máis de 300ºC. Mais iso non é todo: o tardígrado, tamén coñecido como oso de auga, volve sorprender ao mundo grazas aos seus peculiares movementos, captados por un estudo que recolle a revista PNAS, e que analiza o peculiar camiñar deste invertebrado, moi parecido ao de animais que o superan ata 500.000 veces en tamaño.

Normalmente, os animais deste tamaño non teñen patas, e non se desprazan camiñando. É o caso dalgúns vermes de talla semellante ao tardígrado, que se deslizan sobre o solo. Porén, a mobilidade deste invertebrado é salientable, xa que utililza oito patas para moverse sobre as diferentes superficies que pode percorrer.

Publicidade

https://twitter.com/jasnir_/status/1432416824080150535

O estudo suxire ou ben a existencia dun ancestro común con insectos que teñen movementos semellantes, ou ben o xurdimento dunha vantaxe evolutiva que poida explicar por que este animal, que carece de calquera estrutura semellante a un endo ou exoesqueleto, poida moverse deste xeito.

Publicidade

“Os tardígrados teñen unha forma clara e robusta de moverse; non son do estilo de animais que tropezan no deserto ou na follaxe”, resume Jasmine Nirody, unha das autoras do artigo e membro do Centro para os Estudios de Física na Universidade Rockefeller de Nova York. “As semellanzas entre a estratexia locomotora do tardígrado e a de insectos e artrópodos moito máis grandes abre varias preguntas evolutivas moi interesantes”.

tardigrade on substrate from top

Xunto aos seus colegas, Nirody observou e determinou por primeira vez o movemento dos osos de auga. “Se observamos o tardígrado con microscopio o tempo suficiente, podemos captar unha ampla gama de comportamentos; non os obrigamos a facer nada; a veces fican parados, e outras, ven algo que os atrae e móvense cara aí”.

TardigradeOnStiffGelFromBelow

Así, constatouse que estes animais microscópicos comparten unha estratexia locomotora con insectos moito máis grandes. Sobre as alternativas, Jasmine Nirody di que as dúas son igualmente fascinantes. “Se hai algún sistema neuronal que controle o camiñar de todos os artrópodos, hai moito que aprender aínda. Se, pola contra, os artrópodos e os tardígrados converxeron nesta mesma estratexia de forma independente, queda tamén moito por dicir sobre o que levou a esta característica a ser asumida por especies en contornas distintas”.

Estes achados, segundo destacan os autores, teñen implicacións non só para a bioloxía evolutiva e a locomoción animal, senón tamén para os florecentes campos da robótica branda. Estudando os movementos de animais minúsculos, os científicos poderían deseñar robots que se adentren en espazos moi pequenos, ou ben operar a escala microscópica.


Referencia: Tardigrades exhibit robust interlimb coordination across walking speeds and terrains (Publicado en PNAS).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O petróleo e os seus residuos inducen a metamorfose en invertebrados mariños

Un estudo internacional apunta que estas substancias poden alterar o ciclo e os procesos naturais destes animais

Un dicionario galego-portugués de invertebrados con 60.000 termos

O profesor da UVigo Carlos Garrido publica un dos maiores dicionarios terminolóxicos do seu xénero nun volume editado pola Universidade de São Paulo

O tardígrado: o mellor candidato a colonizar outros mundos

Non é un extraterrestre, pero é a especie animal que mellor sobrevive a condicións extremas