Un proxecto con selo galego identificará biomarcadores do mel de abella para garantir a súa autenticidade

O obxectivo do traballo no que colabora a UVigo é crear unha base de datos homoxénea para evitar fraudes na orixe botánica e xeográfica do produto

Valorizar o mel e o pole producidos en España identificando biomarcadores que permitan garantir a súa autenticidade e evitar posibles fraudes. Con este reto as universidades de Vigo e Valladolid e o Centro de Investigación Apícola y Agroambiental de Marchamalo, de Castela-A Mancha, en colaboración co sector apícola, están a desenvolver o proxecto estatal Vasbeep.

A biodiversidade vexetal da Península Ibérica, explican desde o proxecto, permite obter unha gran variedade de tipos de mel e pole apícola con características sensoriais diferentes e distinto valor de mercado. Porén, “non hai lexislación suficiente para garantir a autenticidade na orixe botánica e xeográfica do mel, nin tampouco unha específica para o pole”, explican dende a UVigo.

Publicidade

Loita antifraude

Neste contexto, incrementar o coñecemento destes produtos apícolas e crear unha base de datos con información homoxénea dos distintos parámetros de interese é segundo as e os investigadores de Vasbeep “imprescindible para propor ferramentas legais para a loita antifraude e a defensa dos consumidores”.

Por outra banda, desde o proxecto explican que o mel e o pole son produtos moi vinculados ao territorio, xa que dependen directamente da flora da contorna das colmeas e do tipo de apicultura que se práctica. A discriminación dos distintos tipos de mel —concretamente mel monofloral— tanto con relación á súa orixe botánica como xeográfica, é unha tarefa que se abordou desde distintas disciplinas científicas.

Publicidade

Porén, subliñan os investigadores, o avance do coñecemento demostrou que esta diferenciación só é posible cando se aborda cun enfoque multidisciplinar e interdisciplinar. “Para obter un coñecemento completo da composición do mel e o pole requírese o emprego de diferentes técnicas e/ou enfoques que son bastante específicos nalgúns casos”, afirman.

Un proxecto “ambicioso”

Neste marco de traballo, Vasbeep —Valorización e autentificación dos produtos apícolas de España a partir da súa composición— quere incrementar o coñecemento sobre os tipos de mel e pole de abella producidos en España. Ademais, tamén busca desenvolver métodos de novas análises dentro da química sostible para identificar potenciais biomarcadores que se poidan empregar para garantir a autenticidade do mel e o pole de abella.

“Este proxecto nacional coordinado é multidisciplinar e ambicioso, con grupos de investigación con forte experiencia na área de estudo e que abarca diferentes campos de coñecemento”, subliñan desde Vasbeep. Neste senso subliñan ademais que o traballo realízase en colaboración con produtores, industrias apícolas, asociacións, entidades públicas e outros actores interesados. Así, entre as liñas de traballo de Vasbeep están, en colaboración co sector, conseguir, con garantías de trazabilidade desde a orixe, unha mostraxe representativa da produción apícola nacional —abarcando distintas áreas bioxeográficas e as súas peculiaridades relativas ás plantas— e cun amplo número de mostras de colleitas consecutivas.

Cooperación nacional

Da Universidade de Vigo participa desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense un equipo do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais formado por Mª del Carmen Seijo, Olga Escuredo, M. Shantal Rodríguez, Montserrat Míguez, Rifka Nakib e Sonia Harbane, contando tamén coa colaboración dalgúns investigadores e investigadoras do Instituto Politécnico de Bragança (IPB), como Soraia Falcao. Elas e ele céntranse na análise do perfil de volátiles e das actividades biolóxicas do mel e o pole de abella, así como a aplicación da tecnoloxía NIR para a estimación e determinación rápida de propiedades específicas.

Arrancou en 2023 e remata no ano 2026, contando cun orzamento total de 362.500 euros e financiamento da Axencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Ciencia e Innovación, con fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). Trátase dun proxecto coordinado composto por tres subproxectos liderados pola Universidade de Vigo, o Ciapa (Centro de Investigación Apícola y Agroambiental de Marchamalo, de Castela-A Mancha) e a Universidad de Valladolid.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación