Tres familias de fareiros mudáronse á illa de Stephens, en Nova Zelandia, en 1894. Con elas chegou, polo menos, un gato doméstico que matou varios exemplares dun estraño paxaro nocturno. A caza do felino, xunto ao tráfico de exemplares dos naturalistas, provocou a extinción da especie Xenicus lyalli no seu último reduto, xa que desaparecera no resto do país. Este é o caso máis paradigmático, pero non o único. Un estudo publicado en 2013 apuntou o gato doméstico como responsable do “grave declive” do lagarto ocelado (Timon lepidus) nas illas de Ons e Cíes. Máis alá destes casos, a análise cuantitativa é demoledora. Os expertos estiman que os gatos producen como mínimo 1,6 millóns de mortes de animais ao ano en Galicia.
“O seu impacto na fauna é elevado, preocupante e transversal, porque afecta a moitos grupos: dende aves, ata réptiles, mamíferos e incluso grandes insectos. Esta delicada situación súmase a unha perda de biodiversidade e defaunación xeneralizada“, lamenta Damián Romay, biólogo da Universidade da Coruña (UDC) e membro do Grupo Naturalista Hábitat. Malia que a meirande parte dos estudos sobre a depredación dos gatos se fixeron en contornas insulares —incluída a escasa literatura científica que hai en Galicia—, tamén hai sobrados exemplos continentais. Sen ir máis lonxe, o biólogo Wojciech Solarz da Academia Nacional de Ciencias de Polonia declarou en 2022 que o gato debería ser considerado especie exótica invasora por supor unha ameaza para a biodiversidade.
Romay é consciente da polémica xerada arredor deste tipo de declaracións, pero asegura que non se pode negar a evidencia. Un estudo publicado en 2022 na revista Nature, unha das máis prestixiosas a nivel internacional, estimaba que só nos Estados Unidos os gatos mataban entre 1.300 e 4.000 millóns de aves ao ano; así como entre 6.300 a 22.300 millóns de mamíferos. As cifras son astronómicas. Os gatos cazan por instinto, independentemente de que estean ben alimentados. E entre eles non só hai que contar os domésticos, senón tamén os de colonias felinas e os vadíos, que non teñen dono.
Cantos gatos hai en Galicia?
En Galicia non hai estudos sobre o impacto cuantitativo dos gatos sobre a fauna, pero si estimacións. Segundo os cálculos ofrecidos por Romay, podería haber un mínimo de 70.000 gatos domésticos en Galicia. Partindo desta cifra, calcúlase que os vadíos —“da rúa”, ou “non domésticos”— poderían estar entre os 24.000 e os 118.000 exemplares en todo o territorio. Unha aproximación que o biólogo da UDC calcula en base ao censo de gatos en España e ás estimacións do seu colega Miguel Clavero, científico do CSIC na Estación Biolóxica de Doñana que chegou a recibir ameazas en redes sociais por mostrar a realidade: o impacto dos gatos, domésticos e asilvestrados, sobre a fauna.

No que respecta aos gatos vadíos, faise referencia aos que andan ceibes e non teñen dono, incluídos os das colonias felinas. En relación a este tipo de grupos, habituais das contornas urbanas, estímase que pode haber arredor de 500 “colonias felinas” —creadas e mantidas artificialmente— en toda Galicia. En cada colonia pode haber entre 8 e 15 gatos e, polo tanto, poderían supor 4.000 e 7.500 gatos sen dono, pero agrupados e alimentados por voluntariado. “Cando falamos de gatos vadíos parece que sempre nos referimos a colonias e non é así. Hai que diferenciar as contornas urbanas das rurais”, declara o tamén biólogo da UDC, Martiño Cabana, e socio do Grupo Naturalista Hábitat. Os gatos domésticos, di o seu colega Romay, “son unha selección artificial feita polos humanos” e, polo tanto, o seu lugar “debería estar dentro das casas, e non fóra”.
O “abandono supervisado” das colonias felinas
Cabana, que se confesa un grande amante dos gatos, fai fincapé en que os que están en colonias ou os gatos do rural teñen moi pouca atención e coidados, son un claro exemplo de “semiabandono” e, polo tanto, de maltrato animal. Menciona as pelexas, os habituais atropelos como causas de morte, as enfermidades, os parasitos… independentemente de que os voluntarios os alimenten e traten de mantelos con vida.
“As colonias felinas non son a solución, nin pola fauna do arredor nin polos propios gatos. Non é humanitario. É un sistema que acurta a súa vida. Pasan enfermidades, están mal alimentados e os invernos en Galicia son moi fríos e húmidos”, lamenta Cabana. Darlle comida e un mínimo refuxio, continúa o biólogo, non é a solución, é un “abandono supervisado”. Xunto ao seu colega Romay, avoga por un sistema onde se favoreza a adopción de gatos de colonias felinas. “Establecer uns marcos prioritarios non solucionaría o problema, pero sería un gran paso adiante”, apuntan.
Canto cazan os gatos?
Os gatos de Ons, Cíes e a illa de Stephens tan só son exemplos. Segundo a estimación que achega Romay, os gatos cazan un mínimo de 1,6 millóns de animais silvestres anualmente en Galicia. Os domésticos serían responsables de arredor de 332.000 destas mortes —entre 40.000 e 80.000 serían aves— e os vadíos e os “das colonias felinas” un mínimo de 1,3 millóns. Cifras, de novo, astronómicas. Estimacións que fai o biólogo da UDC para darlle dimensión ao problema e facer fincapé en que os gatos, cando andan sen control, supoñen unha seria ameaza para a biodiversidade. Son quen de extinguir especies e de provocar grandes declives en poboacións comúns, pero tamén naquelas que están en perigo de extinción ou ameazadas. Tamén en insectos, algúns deles protexidos, como a vacaloura Lucanus cervus.
Impacto sobre os réptiles
Cabana estuda réptiles e anfibios e é bo coñecedor do impacto dos gatos sobre este grupo animal. A especie máis habitual e que máis cazan en Galicia é a lagartixa galega, que adoitar estar en todas as casas do rural. “Prodúcense extincións de pequenas poboacións en toda Galicia”, constata o experto. Pero tamén hai outros réptiles, como as víboras e os grandes lagartos, que son as vítimas perfectas dos gatos. As únicas que non caen nas garras dos felinos domésticos son as serpes de máis de 60 centímetros, pero si as súas crías.
Tanto Romay como Cabana asumen que hai moi pouca evidencia científica en Galicia sobre o impacto dos gatos na fauna, mais as observacións e traballos de campo que eles realizan nos seus grupos de investigación son unha boa mostra do que aínda non recolle a literatura científica. Nun artigo publicado en GCiencia e que saíu orixinalmente en The Conversation, os biólogos Antigoni Kaliontzopoulou e Raül Ramos García describían o proceso de autotomía polo que as lagartas se desprenden voluntariamente da súa cola cando se ven ameazadas. É unha forma de protexerse dos seus depredadores. O seu estudo estaba feito en Cataluña, onde se constataba que o facían para protexerse dos gatos. En Galicia acontece o mesmo.
“É moi habitual ver lagartixas sen cola preto das casas. E preto das casas non hai martas, nin armiños, nin outros depredadores naturais. O que hai son gatos”, evidencia Cabana. Máis alá de que maten os réptiles, o mecanismo que eles activan para protexerse ten serios impactos sobre a súa vida. “Dende outubro ata marzo comen moi pouco e necesitan depósitos graxos que almacenan no rabo para poder sobrevivir e superar o inverno. Nos lagartos, a produción de ovos depende dos alimentos e a perda da cola, a fin e ao cabo, ten consecuencias directas sobre o seu estado e fortaleza física”, di o biólogo da UDC.

No estudo publicado en 2013 no que se evidenciaba o declive de poboacións de lagarto ocelado nas illas de Ons e Cíes tamén se fai mención á ameaza que supoñen os gatos para a lagarta da serra (Iberolacerta monticola). O artigo, escrito polo tamén biólogo da UDC Pedro Galán, poñía énfase na súa vulnerabilidade nas Fragas do Mandeo e nas do Eume. Concretamente, trala restauración do Mosteiro de Caaveiro, aumentou a presenza do gato doméstico. “Paralelamente, a poboación de I. monticola nesta zona, antes unha das máis numerosas do Parque, declinou ata case desaparecer”, indica.
Na busca de solucións
Ante unha situación máis que refrendada pola ciencia, cabe barallar as solucións ante esta problemática. Sobre todo, tendo en conta a gran cantidade de gatos que hai en Galicia e a reticencia de certos sectores a recoñecer que supoñen unha ameaza para a biodiversidade. Romay e Cabana optan, en primeiro lugar, por confinar os animais: “Non deben saír da casa”. Os gatos domésticos son, precisamente, gatos que deben estar dentro dos fogares. En Escocia, sen ir máis lonxe, barállase a posibilidade de aplicar esta medida: a de prohibir deixalos soltos no exterior, sobre todo en zonas de alta sensibilidade ecolóxica.
Outra das alternativas é o uso de cancelas ou gaiolas que permitan sacar os gatos ao exterior sen que eles nin a fauna dos arredores corra perigo. “Nalgunhas vilas australianas obríganos a estar dentro dun recinto. Para min, este é o paso intermedio. É importante circunscribir o seu espazo a uns poucos metros cadrados e non a hectáreas. Se non, vai varrer con todo, como se fose unha aspiradora de fauna”, expón Romay. E di que o importante, nestes casos, é a mobilización da cidadanía, dado que este tipo de iniciativas raramente nacen das administracións. Sen ir máis lonxe, a Deputación da Coruña asentou unha colonia felina na contorna da Torre de Hércules, un Espazo Natural de Interese Local.
A falta de percepción social
Pero máis alá da inacción das autoridades, biólogos como Romay e Cabana enfróntanse á analfabetización científica a diario. A quen os acusa, como a Antigoni Kaliontzopoulou e a Raül Ramos, de fomentar o maltrato cando, en realidade, tan só tratan de buscar alternativas; un equilibrio ecolóxico que beneficie a gatos, pero tamén ao resto de especies que depredan. “Sempre estamos loitando contra principios acientíficos e pseudocientíficos”, lamenta Romay. E argumenta contra aqueles que poñen por enriba os gatos fronte a outros animais: “É un discurso perverso. Din infundadamente que o gato ten tanto dereito a ser protexido como a especie endémica. Esta última é unha auténtica xoia ecolóxica. O doméstico é unha selección artificial feita polos humanos”.

“Ante a histeria acientífica, ciencia. Ante as acusacións infundadas, ciencia”, continúa Romay, tallante. A estas palabras súmase o seu colega Martiño Cabana, quen se ve na obriga de insistir no seu amor cara aos gatos, como se tivese que xustificar o que a ciencia xa ratificou. Recalca la idea de que os que viven en colonias felinas están nunha situación inadecuada e que a prioridade é a súa retirada da natureza e posterior adopción. Igual que o resto de gatos vadíos, atopar un fogar para eles evitaría os atropelos, as doenzas e os ataques de cans, diminuíndo así a súa mortalidade. Amais disto, os dous biólogos sinalan que os gatos sen dono son un reservorio “case infinito” de múltiples enfermidades.
Mais isto non só acontece nas contornas urbanas, senón tamén nas rurais, onde apenas hai control sobre as poboacións felinas. Romay e Cabana sinalan que cando se toman medidas, adoitan ser “extremadamente crueis” e lembran casos de bolsas cheas de “gatiños vivos que se enterran ou se botan no lixo ou no río”. Iso si é unha proba consistente e evidente de maltrato animal.
Con todo, a maior batalla está aínda na concienciación da poboación. “Un estudo revela que os propios donos dos gatos negan e minimizan a capacidade predadora das súas mascotas”, asevera Romay. Nin sequera son conscientes de que o radio de acción dun gato doméstico ou vadío pode chegar aos cinco quilómetros. Este descoñecemento é a primeira barreira para reducir a astrónomica cifra de 1,6 millóns de animais cazados anualmente por gatos en Galicia. O de Nova Zelandia queda, sen dúbida, nunha mera anécdota.
Referencia: Depredación de gato doméstico sobre reptiles en Galicia (Publicado en Boletín de la Asociación Herpetológica Española)
O artigo está ben, pero debmos sinalar o traballo desenvolvido no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, que logrou controlar a poboación de gatos asislvestrados e favoreceu a poboación de anfibios e reptiles. O resumen do PLAN DE CONTROL DO GATO SILVESTRE NO PARQUE Dende a declaración do Parque Nacional realizáronse capturas puntuais de gatos silvestres. Estas intervencións estaban destinadas a retirar individuos problemáticos ou das zonas máis sensibles á súa presenza. Non obstante, en 2011 decidíuse ampliar os esforzos a toda a poboación, cun enfoque baseado nos mesmos principios e obxectivos aplicados noutros controis de especies invasoras.
O seguimento da distribución e abundancia baseouse fundamentalmente na identificación visual, de forma directa ou mediante fototrampeo. Esta decisión tomouse pola facilidade de observar ou fotografar os gatos e pola posibilidade de identificalos individualmente segundo as diferenzas no seu pelame. Tras varias campañas de fototrampeo e censos visuais, conseguiuse un rexistro completo dos individuos existentes nas illas Cíes e Ons, así como das súas áreas de campeo aproximadas. Esta información foi a base para planificar os esforzos de trampeo.
Para a captura de gatos utilizáronse distintos modelos de trampas (tipo Tomahawk e jaulas de malla de dúas entradas tipo guillotina), cebadas principalmente con sardiñas en lata. As trampas revisábanse cada mañá a primeira hora. Nas fases finais do trampeo, observouse que un pequeno número de gatos resistía entrar nas trampas, polo que se empregaron lazos con freo ao paso de forma puntual.
Un aspecto clave do plan foi o traballo de concienciación social. Traballouse cos propietarios das vivendas nas illas Ons e Cíes para evitar a tenza de gatos domésticos e o risco de novas introducións.
As estimacións iniciais, combinando fototrampeo e censos visuais, indicaron a presenza de 26 gatos en Ons (ano 2011) e 9 en Cíes (ano 2012). Como resultado das campañas de trampeo, retirouse un total de 45 gatos entre os anos 2011 e 2016: 19 en Cíes e 26 en Ons, sendo levados a protectora. Dende entón, as illas permanecen libres de gatos en liberdade.
CONSIDERACIÓNS FINAIS Despois de dez anos do inicio dos traballos de control do gato silvestre no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, pódese considerar que o balance global é positivo. As poboacións iniciais de gatos silvestres foron eliminadas, cumprindo o obxectivo principal do plan.
Non obstante, este éxito inicial non implica que o plan poida darse por rematado. No parque asumen que os esforzos deben manterse a longo prazo. A recolonización é relativamente fácil de evitar, xa que só podería ocorrer a través dos visitantes de forma deliberada. Por iso lévanse a cabo campañas de información e control nos puntos de acceso ao parque.