As máscaras e as luvas de usar e tirar convertéronse nunha evidencia clara da pegada plástica que poden xerar os recursos sanitarios. Empregar dúas máscaras ao día en abril de 2020 era habitual, así como utilizar luvas cada vez que se ía ao mercado. Segundo unha calculadora da pegada plástica da covid, o uso diario dunha máscara e dous pares de luvas equivale a 8,77 quilos de residuos plásticos anuais, o que corresponde a arredor de 438 botellas de plástico. “Durante a pandemia evidenciouse a necesidade de que a industria aposte máis pola sostibilidade”, sinala José María Romero Fidalgo, director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) do Servizo Galego de Saúde (SERGAS). A partir destes indicios xorde o proxecto europeo REHEAL, destinado a transformar as cadeas de subministración da atención sanitaria, pasando dun modelo lineal a un circular.
Trátase dun programa de catro anos no que participan cinco socios: o Goberno escocés, a rexión danesa de Hovedstaden, o hospital privado MITERA en Atenas (Grecia), a Fundación Klaster LifeScience en Cracovia (Polonia) e o SERGAS. En conxunto, agrupa máis de 260 hospitais, 300.000 profesionais sanitarios e 17 millóns de cidadáns.
O reto común implica un cambio profundo no ámbito da sostibilidade e da economía verde: avanzar cara a materiais máis respectuosos co medio, analizando a súa durabilidade, trazabilidade e capacidade de recuperación. “Este proxecto sistémico busca unha solución común entre os compradores para fomentar cadeas circulares”, explica Romero Fidalgo.
Pero, como se leva isto á práctica? Na actualidade estase a rematar a fase de consulta ao mercado, aínda que xa se perfilan algunhas iniciativas: introducir cláusulas verdes nos contratos con provedores, prolongar a vida útil de produtos dun só uso ou modificar o packaging. “Hai moito marxe de actuación e, como demandantes, temos unha gran capacidade de influencia”, afirma o director de innovación. Así comeza a transformación.
O impacto ambiental do sistema sanitario
Resulta complexo cuantificar o impacto ambiental do modelo sanitario actual, mais dende a estratexia galega de economía circular impulsada polo SERGAS búscase avanzar cara á neutralidade climática. Con todo, no marco do proxecto REHEAL, cada membro do consorcio presenta retos específicos. Así, mentres en Polonia preocupa a caducidade dos produtos farmacéuticos —un problema menos relevante en Galicia—, na comunidade galega o principal desafío sitúase no packaging dos produtos cirúrxicos. Neste ámbito, o SERGAS ten capacidade de influencia sobre os provedores a través das licitacións dos contratos de subministración.
Un exemplo práctico ilustra esta situación: na actualidade, o material cirúrxico esterilizado preséntase nun único paquete. “Chegamos á conclusión de que este sistema pode mellorarse dividindo o contido en dous paquetes distintos, de xeito que se evite o desperdicio de material”, explica José María Romero. Esta medida podería converterse nun caso de éxito “rotundo”.
Liderado pola innovación
O proxecto baséase na Compra Pública Innovadora, un ámbito no que o SERGAS é referente europeo dende 2021 e no que Galicia se consolidou como unha das rexións con maior investimento dende 2010. “Trátase de impulsar a innovación dende a demanda, adquirindo produtos e servizos que aínda non existen no mercado para fomentar o I+D+i”, explica o director da Área de Innovación de ACIS. Esta iniciativa inscríbese dentro da Compra Pública Precomercial, unha modalidade que busca licitar o desenvolvemento de prototipos funcionais co obxectivo de levalos ao mercado e dar resposta a necesidades concretas, neste caso no ámbito sanitario.
O proceso consiste en seleccionar ata catro provedores ou empresas con capacidade para resolver un reto específico. A partir desa base, o proxecto REHEAL codeseñará, prototipará e probará novas ferramentas dixitais e operativas co fin de transformar as cadeas de subministración. Nunha segunda fase, os dous mellores proxectos avanzan cara á creación de dous prototipos que serán validados en contornas reais. En Galicia, as probas desenvolveranse na Área Sanitaria de Lugo. “O obxectivo é adquirir a solución resultante e que as empresas a comercialicen”, sinala.
A principal diferenza respecto da compra tradicional radica en que non se parte de especificacións xa existentes no mercado, o que adoita limitar a adaptabilidade en distintos contextos europeos. Pola contra, este modelo baséase na “cocreación entre cinco sistemas sanitarios e as empresas adxudicatarias, onde financiamos a innovación”, engade José María Romero.
O legado de REHEAL
O resultado do proxecto, ademais de incorporar innovacións que impulsen a economía circular na industria sanitaria, materializarase nun sistema de apoio á toma de decisións: unha plataforma informática baseada en intelixencia artificial que permitirá medir a trazabilidade das cadeas de subministración. “Será unha ferramenta versátil, aplicable a distintos sistemas sanitarios europeos, por iso recorremos a programas piloto”, explica Romero Fidalgo.
O proxecto sairá a licitación por un importe de 3,5 millóns de euros e deixará un importante legado innovador que, segundo destaca, “posicionará a Galicia no mapa”. Con todo, a principal achega será un sistema validado por cinco programas de saúde europeos, incluíndo hospitais privados, cunha capacidade notable de adaptación á toma de decisións. “A última peza deste proxecto é reducir a xeración de residuos e prolongar a vida útil dos produtos sanitarios actuais”, conclúe José María Romero Fidalgo.















