Deseñan un prototipo de roupa deportiva a partir de refugallos de pesca

O proxecto Oceanets, no que colaboran universidade, armadores, empresas e organizacións non gobernamentais, ten por obxectivo reducir a perda de aparellos no mar

En abril de 2019 púxose en marcha o proxecto internacional Oceanets, que ten entre os seus obxectivos “previr a perda de redes de pesca e avaliar a posibilidade de utilizar aparellos inservibles e outros residuos plásticos recuperados do mar para reciclalos e aproveitalos na produción de fibras téxtiles de alta calidade coas que fabricar produtos de interese para a industria téxtil”. Un ano despois, a iniciativa ten recollido 30 toneladas de refugallos de pesca e presenta o seu primeiro prototipo de roupa deportiva fabricada con este tipo fibras téxtiles de reciclaxe.

O proxecto está liderado polo Instituto Tecnológico del Plástico (Aimplas) e forman parte del os grupos de investigación da Universidade de Vigo Gen (Governance and Economics Research Network), con sede na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, e I-Mark, con sede na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo; a Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi), a organización non gobernamental Vertidos Cero e as empresas Sintex e Ecoalf. A sede de Arvi acolleu este xoves a presentación dos avances do proxecto nun acto que contou coa participación de Francisco Javier Touza, presidente de Arvi; Rubén Rodríguez, da Asociación Vertidos Cero, e Jorge Romón, responsable de I+D+i de Arvi.

Publicidade

Unha “segunda vida”

Segundo se explicou na presentación, no marco deste proxecto “Arvi recuperou máis de 30 toneladas de aparellos que esgotaron a súa vida útil e tamén recolleitos do fondo do mar”. Como resultado da reciclaxe destes aparellos fabricouse un prototipo de peza deportiva por parte da empresa téxtil Sintex, socio do proxecto da República Checa. Máis avanzado o proxecto, detallaron os seus responsables, a empresa Ecoalf fabricará outra peza de moda deportiva co deseño que caracteriza a esta firma. A posibilidade de dar esta “segunda vida” aos aparellos desbotados do mar, indicaron os responsables do consorcio, débese a que conteñen materiais como poliamidas, fibras de valor para o sector téxtil.

Unha das reunións do grupo Oceanets. Foto: Duvi.
Unha das reunións do grupo Oceanets. Foto: Duvi.

Na presentación dos avances do proxecto, o presidente de Arvi subliñou como Oceanets contribúe ao cumprimento de varios dos obxectivos do milenio, como son a preservación dos fondos mariños, o fomento dun medio ambiente “san e seguro” e o impulso dunha produción e un consumo responsables. Neste senso lembrou como, segundo a FAO, cada ano arróxanse ao mar uns oito millóns de toneladas de residuos plásticos, dos que un 10% procederían da actividade pesqueira. Para avanzar neste eido, Javier Touza destacou que é “fundamental” o traballo en equipo como o que se realiza en Oceanets, que agrupa a socios do ámbito empresarial, universitario, pesqueiro e axente sociais.

Publicidade

Impacto económico e ambiental

Oceanets, explican os seus promotores, xurdiu da necesidade de previr a perda dos aparellos de pesca no mar que, ademais da consecuente perda económica, supón un impacto ambiental negativo pola produción de residuos plásticos e pesca pantasma. Ademais, o proxecto pretende pór en valor as redes de pesca danadas que non se poidan reparar para contribuír á reciclaxe destes residuos xerando un potencial beneficio económico. A iniciativa, que finalizará a finais de 2020, está financiada a través da Axencia Executiva para as Pemes (Easme) polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Os seus obxectivos concretos son desenvolver unha ferramenta TIC para previr a perda e degradación de redes; demostrar a viabilidade técnica e ambiental de produtos de alto valor engadido producidos a partir de redes recicladas e outros plásticos recuperados do mar; reducir, controlar e reciclar lixo mariño xerado pola acción humana no mar e concienciar aos pescadores sobre os lixos mariños e involucralos no proxecto.


Consulta a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego mide a contaminación mariña de forma temperá a través de ourizos de mar

Os cambios na temperatura e outros elementos nocivos afectan a nivel xenético e celular os animais, un marcador precoz de alteracións ambientais

Detectada unha forte diminución de metais tóxicos nas algas da costa galega

Un equipo da USC rexistra menor presenza de cobre, cadmio, mercurio e cromo pero acha un aumento do arsénico

O cambio climático leva a produción de mexillóns a niveis “nunca vistos”

Un estudo do CSIC advirte da situación "ameazante" para o sector por factores como o aumento da temperatura do mar, a acidificación oceánica e cambios nos patróns de afloramento

Plástico nos bebés recentemente nados. Imos parar esta locura?

"É necesario realizar máis estudos para avaliar se a presenza de microplásticos pode desencadear respostas inmunes ou pode conducir á liberación de contaminantes tóxicos"