A pandemia da Covid-19 serviu, para amosar, sobre todo á xente máis nova, algo parecido a como era o mundo antes da desaparición de doenzas infecciosas que mataban millóns de persoas todos os anos. Sábeo ben a xente maior, que xa vivía cando presenciou de primeira man os estragos que a polio, o sarampelo, a rubéola e outras enfermidades causaban nunha parte importante da poboación, principalmente nenas e nenos. E lémbrano ben científicos como Stanley Plotkin, nacido en 1932, e que se tivo que enfrontar a comezos dos anos 60 a un enorme brote de rubéola nos Estados Unidos que causou 12 millóns e medio de casos.
Plotkin xa traballaba daquela no Instituto Wistar de Philadelphia, e as súas investigacións fructificaron, a finais dos anos 70, nunha versión mellorada da vacina fronte a rubéola que desenvolveran anos antes investigadores do Instituto Nacional de Saúde (NIH) dos Estados Unidos. A actual vacina da rubéola que se inclúe na coñecida como tripla vírica (sarampelo, parotidite e rubéola) nútrese en gran medida dos avances de Plotkin. Hoxe, con 88 anos, segue en activo como asesor científico para numerosas empresas e institucións, e nos últimos meses involucrouse con algúns dos proxectos que desenvolven vacinas fronte ao SARS-CoV-2, como explicaba hai meses nunha entrevista en Science. E este xoves participou nun encontro virtual presentado por Federico Martinón, xefe de servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago e líder, xunto a Antonio Salas, do grupo de investigación GENVIP, que estuda o impacto das doenzas infecciosas en nenos e nenas de todo o mundo.
Na conversa, Martinón e Plotkin abordaron as últimas novidades sobre a actual pandemia e o que a historia pode ensinar sobre a prevención de doenzas infecciosas a través das vacinas. Lembrou o científico estadounidense que, despois de moitas décadas de traballo, “hoxe temos unhas vacinas extremadamente eficaces e seguras, que conseguiron reducir nun 99% os casos da maioría de doenzas que no pasado século eran moi daniñas”. E destacou que unha pandemia como a causada polo SARS-CoV-2 é algo moi habitual na historia do ser humano: “O mundo sempre foi un lugar perigoso, e continuará habendo microorganismos despois do SARS-CoV-2 que ataquen á humanidade”, explicou.
Sobre a estratexia de investigación fronte á Covid-19, Stanley Plotkin abordou varias das claves das diferentes tecnoloxías e estratexias a través das cales se está buscando a fórmula que free a pandemia: ADN, ARN ou ARN mensaxeiro, vectores virais, as baseadas en proteínas ou as que utilizan o propio virus, atenuándoo ou inactivándoo para fomentar a resposta inmune do organismo. Plotkin manifestou a súa confianza en que as investigacións cheguen a bo porto: “Son optimista, nunca vin un esforzo así para buscar unha vacina. Está todo o mundo traballando man a man, é algo incrible”, destacou.
No seminario, ao que se inscribiron preto de 1.000 persoas, o investigador estadounidense analizou tamén os desafíos que supoñen outras doenzas infecciosas hoxe en día no planeta, como a gripe, o virus respiratorio sincitial (que afecta especialmente a nenos e bebés) ou o citomegalovirus, no que Plotkin centrou os seus esforzos durante parte da súa carreira e que, igual que a rubéola, pode causar graves problemas nos fetos.
A preguntas dos participantes, o investigador expuxo que a poboación diana da vacina debía ser “case toda o mundo”, tendo en conta a capacidade de infección do SARS-CoV-2. Sobre a eficacia, apuntou que aínda que non fose total, cun 70-80% de efectividade podería protexerse á gran maioría da poboación. Outra das cuestións clave é a da duración da inmunización. “É algo que non sabemos aínda, temos que ver canto dura a resposta inmune á infección na xente que xa padeceu a Covid-19”.
A rubéola
A rubéola, causada por un virus da familia dos Rubivirus, adoita ser leve na gran maioría dos casos, pero se afecta a mulleres embarazadas, a probabilidade de que os nenos nazan con algún tipo de problema debido á Síndrome da Rubéola Conxénita (SRC) é moito máis alta. Durante aquel brote que viviu Plotkin nos Estados Unidos, 20.000 nenos naceron coa síndrome; 11.000 estaban sordos, 3.500 cegos, 1.800 con discapacidade mental e 2.100 morreron como neonatos. Ademais, producíronse máis de 11.000 abortos.
En España, por exemplo, non foi ata finais dos anos 70 do século XX cando se comezou a estender na maioría da poboación a vacinación coa coñecida triple vírica, que protexía como o sarampelo, a parotidite ou papeiras e a rubéola, tres doenzas que causaban problemas, sobre todo, na poboación infantil. E non foi ata hai poucos anos cando España conseguiu que a OMS declarase o país como libre de transmisión endémica de dúas das tres doenzas da triple vírica (sarampelo e rubéola), aínda que mantén ondas periódicas de reaparición das papeiras (a última en Galicia xurdiu a finais de 2019).