Aumentan os casos de papeiras entre a mocidade en Galicia

O Sergas recomenda tomar precaucións ante o aumento da doenza, sobre todo entre os 15 e os 24 anos, rexistrado nas últimas semanas

A Dirección Xeral de Saúde Pública (DXSP) do Sergas informou o pasado venres, a través do boletín quincenal Venres Epidemiolóxico, do aumento de casos de papeiras (doenza tamén coñecida co nome de parotidite), que está tendo lugar nas últimas semanas en Galicia. A incidencia é maior entre mozas e mozos de entre 15 e 24 anos e, aínda que o aumento é xeralizado en todas as zonas de Galicia, tense detectado un crecemento notable nas áreas de Vigo e Santiago.

A situación fixo que os técnicos da DXSP emitiran a pasada semana unha nota para recomendar especialmente á mocidade de entre 18 e 24 anos a revisión da súa cartilla de vacinación. Aínda que a maioría deles teñen administradas as dúas doses da vacina triple vírica (sarampelo, rubeola e parotidite), xa que figura no calendario vacinal galego dende 1981, aconséllase consultar co médico de cabeceira en caso de que haxa dúbidas.

Publicidade

Casos de papeiras por cada 100.000 habitantes en Galicia.
Casos de papeiras por cada 100.000 habitantes en Galicia. Fonte: DXSP.

Segundo o Sergas, aínda que o total de casos anuais de momento está por debaixo de anos anteriores como o 2016, o aumento das últimas semanas levou a notificar a situación para evitar unha propagación maior da doenza. As autoridades sanitarias apuntan que, malia que a meirande parte dos afectados recibiron as dúas doses da triple vírica, a efectividade da vacinación descende co paso do tempo. Con todo, sublíñase que, no caso das persoas que teñen as dúas doses, os síntomas son máis leves, a transmisibilidade menor e as complicacións menos frecuentes.

Este novo abrocho cumpre cun certo patrón de periodicidade da doenza, con endemias de moi baixa intensidade cada seis anos (1995/96, 2001/02, 2005/06 e 2012/13).

Publicidade

Os síntomas máis habituais das papeiras son a dor facial, febre, dor de cabeza, dor de garganta e perda de apetito. O máis característico é a notable inchazón das fazulas e a mandíbula que se debe á inflamación das glándulas salivares, que adoita doer ao tacto. s primeiros síntomas aparecen de 16 a 18 días despois de contraer a infección, aínda que este período pode variar entre os 12 e os 25 días.

A maioría das persoas recupéranse nun curto espazo de tempo. Porén, ás veces xorden complicacións, especialmente nos adultos: inflamación nos testículos nos homes que chegaron á puberdade, que moi poucas veces causa problemas de fertilidade; encefalite; meninxite; inflamación nos ovarios ou nas glándulas mamarias nas mulleres que chegaron á puberdade, e xordeira.

Recomendacións para as papeiras

A parotidite é unha enfermidade benigna pero contaxiosa. Pode transmitirse a través da saliva ou das secrecións da boca, nariz ou gorxa, polo que unha persoa infectada pode transmitir o virus ao tusir, esbirrar ou falar; ao compartir obxectos cos demais, como cuncas ou cubertos; e ao tocar obxectos ou superficies coas mans sen lavar e que logo tocan outras persoas. As papeiras pódense transmitir dende dous días antes de que as glándulas salivares comecen a inflamarse ata 5 días despois do comezo da inflamación.

Para previr a extensión das papeiras, Sanidade recomenda que as persoas que a padezan non acudan ao seu centro académico ou traballo, ou a outro tipo de actividade común como pode ser a deportiva, nos cinco días seguintes ao comezo dos síntomas. Ademais, debe evitarse ter contacto con embarazadas, persoas inmunodeprimidas ou nenos menores de 12 meses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A galega Gradiant desenvolve un modelo de atención integrada para os pacientes con feridas crónicas

A ferramenta creada polo centro tecnolóxico, en colaboración co IIS Galicia Sur, busca ofrecer unha asistencia máis personalizada, coordinada e eficiente

Vigo impulsa o uso pioneiro da realidade virtual para mellorar a recuperación tras un transplante de médula

O proxecto do IIS Galicia Sur e o Hospital Álvaro Cunqueiro combina exercicio terapéutico e tecnoloxía para combater a deterioración física e emocional

A borrasca subtropical Charles regará Galicia con fortes chuvias durante o mércores

A nova zona de baixas presións tomará o relevo de Bruna e MeteoGalicia establece a alerta amarela en Ourense por precipitacións

“Meu querido e ademirado amigo”: as cinco cartas conservadas de Otero Pedrayo a Cabanillas

O Consello da Cultura Galega publica epístolas que revelan a amizade, complicidade intelectual e momentos vitais compartidos entre as dúas figuras destacadas