Unha fórmula permite estimar a idade humana do teu can

Científicos estadounidenses desenvolven un cálculo a través da análise da metilación do ADN para establecer unha equivalencia

Ninguén sabe onde xurdiu o boato, pero é unha crenza que moita xente acepta hoxe á hora de falar dos seus cans: para calcular a equivalencia da súa idade cos humanos, abonda cunha sinxela fórmula: multiplicar por sete os anos que nos corresponden a nós. Pero non é correcto, e non é máis que outra das teimas do home para intentar adaptar a natureza ás súas percepcións. Porén, os científicos intentan atopar patróns para explicar a idade dos Canis lupus familiaris.

Un equipo de investigadores da Universidade de California en San Diego acaba de desenvolver unha fórmula para calculala a partir dos cambios no ADN ao longo do tempo. O traballo foi publicado no repositorio bioRxiv, á espera da revisión definitiva antes da súa publicación. O método da fórmula baséase na análise da metilación do ADN, un mecanismo polo cal, a medida que o noso corpo se avellenta, agréganse grupos metilo ás nosas moléculas do ADN.  Entre outras aplicacións, o estudo da metilación pode servir tamén para medir a idade nos seres humanos, co chamado reloxo epixenético, e este grupo decidiu abordar o mesmo en cans.

Publicidade

A pesar da diferente esperanza de vida dos cans (desde os 6-7 anos dos mastíns ata os 17-18 dos chihuahuas), todas as razas teñen unha traxectoria semellante en canto a desenvolvemento e traxectoria fisiolóxica e patolóxica. Así, os investigadores escolleron o Labrador retriever como modelo para o estudo, e compararon os seus datos co sangue de 320 persoas de entre 1 e 103 anos, e con 133 ratos.

Non, un ano na vida dun can non son 7 anos humanos

“Utilizando a secuenciación dirixida, caracterizamos os datos dos cans, que abranguen un rango de idade de 16 anos. E a comparación cos metilomas humanos revela unha relación non linear que traduce os anos dos cans aos humanos, aliña os momentos dos cambios fisiolóxicos nas dúas especies e aparece tamén nos ratos”, din os investigadores no seu traballo.

Publicidade

Estas coincidencias do reloxo epixenético permitiron desenvolver unha fórmula para calcular a idade dos cans en termos humanos: Idade humana = 16ln(idade do can) + 31.

Dito doutro xeito, o resultado represéntase como o logaritmo natural da idade do can, que se pode facer cunha calculadora, e sumarlle 31. A fórmula, segundo os investigadores, coincide bastante ben ao trasladala a humanos. Así, sábese que sete semanas dos cachorros de can son nove meses en humanos, coincidindo co momento no que comezan a saír os dentes de leite. E a esperanza media de vida é tamén semellante: 12 anos para os labradores e 70 para os humanos.

Con todo, houbo outros cálculos que non coincidiron tan ben. Así, os cans pasan pola puberdade e chegan á madurez máis rápido ca os humanos: un labrador de cinco anos tería uns 56 dos humanos. Porén, argumentan que a metilación dos cans vaise freando a medida que avellentan, o que explicaría as diferenzas non lineais.

Alén disto, existen problemas de cálculo coas razas que se fan ‘anciás’ a ritmos distintos. É difícil, por tanto, establecer unha fórmula única, pero esta nova proposta parece, co todo máis rigorosa que a simple multiplicación por sete.


Referencia: Quantitative translation of dog-to-human aging by conserved remodeling of epigenetic networks (Versión preliminar publicada en bioRXiv).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo da UDC reconstrúe a evolución do lince europeo coa análise de ADN e proteínas antigas

A investigación analizará tres especies de lince do suroeste de Europa para reconstruír as súas relacións evolutivas e as hibridacións entre elas

O valor da amabilidade ou por que os lobos teñen problemas de extinción e os cans, non

A prosociabilidade evolutiva decisiva para cans e humanos. Por Jonathan Benito Sipos

O alzhéimer canino existe: a galega que analiza cerebros de cans para anticipar o diagnóstico

A investigadora Belén Larrán estuda unha doenza que causa desorientación e ansiedade, e afecta máis da metade dos individuos maiores de 15 anos

Cando as mascotas devoran a biodiversidade: un conflito sen regular na Unión Europea

A falta de regulación na UE converte aos cans e gatos nunha ameaza para a fauna silvestre e a biodiversidade