Denuncian o novo desbordamento dunha balsa na antiga mina de Touro

En plena temporada de chuvias, os colectivos Mina Touro-O Pino Non e a Asociación Aldea Viva denunciaron nos últimos días un novo desbordamento na balsa mineira de Bama, pertencente á antiga explotación mineira de cobre que funcionou na zona durante os anos 70 e 80.

A balsa, que verte directamente os residuos cara o río Brandelos, afluente do Ulla, provocou que Augas de Galicia multara á concesionaria Explotaciones Gallegas en “alomenos” dúas ocasións, por importes de 30.000 e 20.000 euros, segundo denunciaron as entidades veciñais. Non en tanto, a situación repítese, e tal e como apuntan Mina Touro-O Pino Non e Aldea Viva, “nin a empresa nin a Administación tomaron ningún tipo de medida que evite ou minimice novas verteduras de lixiviados contaminantes desde a antiga mina”.

Publicidade

Desbordamento e contaminación na balsa de Bama, que verte a un afluente do Ulla. Fotos: Aldea Viva.

Esta situación “pon de manifesto que a Xunta de Galicia non pode en ningún caso dar luz verde ao novo proxecto mineiro”, segundo as entidades que denuncian o novo vertido. Ademais, insisten en que a empresa encargada da “suposta rexeneración” dos terreos da mina recibe premios nos que participan como xurado “organismos da Xunta de Galicia”.

Non é a primeira ocasión na que colectivos veciñais e ecoloxistas denuncian a contaminación na antiga mina de cobre de Touro, na mesma zona onde está previsto o novo proxecto. En marzo deste ano, a mesma balsa de Bama vertiu residuos ao río Brandelos, cando Adega denunciou altos niveis de metais pesados nunhas análises feitas no regato de Pucheiras e o río Portapego.

Publicidade

En novembro do ano pasado coñeceuse tamén un estudo realizado por científicos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo-CSIC, USC, UVigo e a universidade galesa de Swansea, na que se advertía da relación dos vertidos mineiros coa poboación de salmón no río Ulla. Semanas antes, un informe da Sociedade Galega de Historia Natural alertaba de “eivas e contradicións” no proxecto presentado ante a Xunta de Galicia polas empresas que impulsaban a reapertura da mina.

O propio ente autonómico recoñeceu nas súas propias avaliacións as deficiencias do proxecto. E, finalmente, hai unhas semanas, o ICOMOS, o organismo asesor da Unesco para a avaliación do Patrimonio da Humanidade, dixo que o proxecto podería poñer en risco o Camiño de Santiago como elemento da lista internacional. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales son as principais ameazas para a saúde global? Estes son os 17 retos para o século XXI

O Comité da prestixiosa revista médica ‘The Lancet’ identifica os riscos que poderían comprometer a supervivencia das vindeiras xeracións ata 2100

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca